
Francia e Reino Unido empurran o carro da guerra nuclear

Até o de agora, os Estados Unidos e a OTAN foron moi coidadosos en evitar accións que poidan ser vistas como unha provocación ou participación directa na guerra. A pregunta é se Francia e o Reino Unido realmente están dispostos a correr o risco ou se só están a tratar de presionar a outros aliados para que aumenten o seu apoio militar e financeiro a Ucraína sen chegar a enviar tropas
Francia e o Reino Unido foron dos países europeos máis belicistas e firmes no seu apoio ao réxime ucraíno, e o debate sobre o posíbel envío de tropas enmárcase no conto da súa presunta política disuasoria fronte a Rusia, e que ten un carácter verbal bastante agresivo.
A idea de enviar tropas como “forzas de paz” (aínda que non necesariamente á fronte de combate disque), non é outra cousa que unha forma encuberta ou camuflada de ter militares da OTAN no terreo de guerra como retagarda, pois o “estado profundo” (oligarquía europea), xunto á elite política belicista europea e o complexo militar industrial de occidente, non permitirán unha derrota de Ucraína, da OTAN e a Unión Europea, nesta guerra de intereses xeopolíticos diversos.
O que se busca é evitar o colapso ucraíno. Coa guerra con avances graduais dos rusos e as forzas ucraínas golpeadas en varias frontes, algúns países europeos (Reino Unido e Francia) temen que, sen un apoio militar máis directo, Ucraína poida colapsar definitivamente na fronte de guerra.
Ante un apoio desconcertante e incerto dos Estados Unidos e co goberno de Trump que manifestou que non enviará tropas do seu país a Ucraína e non dará máis axuda financeira, pois a UE ten que se facer cargo, de aí que a elite belicista europea tente reforzar o seu papel e dureza nunha guerra que non lles pertence.
Neste senso, cómpre salientar que Francia e o Reino Unido buscan consolidarse como os principais actores militares de Europa, procurando escalar o conflito e empurrar así o carro da guerra nuclear, unha pantasma sempre presente, mentres que o novo liderado alemán aínda non se manifesta de todo. Porén, Friedrich Merz (CDU. dereita) alerta de que Europa está a «cinco minutos» da ‘apocalipse’, como unha forma de se sumar á campaña do terror da elite política europea e polo tanto a satanización de Rusia.
Así e todo, o envío de tropas segue sendo un tema altamente polémico, que divide a Unión Europea e a propia OTAN, xa que podería levar a un enfrontamento directo con Rusia, algo que a OTAN tentou evitar até o de agora. Algo que se desprende da propia prensa europea e occidental, é que a maioría dos “aliados europeos e os EUA” rexeitaron a idea, polo menos temporalmente.
O problema coa devandita disuasión é que, se non se xestiona con coidado, pode levar a unha escalada na que ningunha das partes vai retroceder. Francia e o Reino Unido parecen apostar a que unha presenza limitada de tropas occidentais o que podería frear a Rusia sen provocar unha resposta catastrófica. Mais isto é unha aposta perigosa e moi arriscada, pois Putin podería interpretar o movemento como un acto de guerra directo, levando a ataques contra esas tropas ou mesmo contra o territorio da OTAN. O risco de escalada cara a unha guerra nuclear é unha das principais preocupacións cando se fala de enviar tropas occidentais a Ucraína. Rusia advertiu repetidamente que considera a intervención directa da OTAN como unha ameaza existencial, o que podería xustificar plenamente o uso de armas nucleares de acordo coa súa doutrina militar.
Até o de agora, os Estados Unidos e a OTAN foron moi coidadosos en evitar accións que poidan ser vistas como unha provocación ou participación directa na guerra. A pregunta é se Francia e o Reino Unido realmente están dispostos a correr o risco ou se só están a tratar de presionar a outros aliados para que aumenten o seu apoio militar e financeiro a Ucraína sen chegar a enviar tropas.
Agora, o gran paradoxo de toda esta situación xeopolítica que se vive en Europa é que a elite europea belicista e que empurra o carro dunha guerra maior, busca tomar decisións que están completamente desconectadas das preocupacións económicas e sociais dos seus respectivos pobos, os cales están neutralizados e non queren saber nada de guerras.
Moitos países da UE enfrontan as súas propias dificultades económicas: inflación alta, crise enerxética, débeda crecente, problemas migratorios e un emerxente descontento social, pero aínda así o Reino Unido e Francia, Polonia, Alemaña ou o Estado español seguen priorizando o apoio militar a Ucraína, buscando dunha ou outra forma xustificar o enfrontamento con Rusia. A crise económica, o aumento do custo de vida e o malestar social en Europa son cada vez máis evidentes, pero a guerra permítelles desviar a atención cara ao gran conto da “ameaza externa» (rusos) en lugar de enfrontar os seus propios problemas internos.
Aínda que a guerra afecta a economía europea, tamén beneficia a certos sectores, como a industria militar, que está a recibir enormes e importantes beneficios. Países como Francia e Alemaña ven isto como unha oportunidade para fortalecer a súa industria de defensa e saír da desfeita económica neoliberal en que teñen sumidos os seus países e reducir a dependencia do seu patrón estadounidense.
As elites políticas europeas belicistas están a apostar forte nesta guerra, sen importar o custo interno e como isto afecte os seus pobos. A pregunta é até cando poderán manter esa postura antes de que a presión social e económica as obrigue a mudar o rumbo? Dito isto, é ben salientar que non todos os líderes europeos están na mesma liña. Hungría, Serbia e Eslovaquia, por exemplo, criticaron o envío de armas e sancións contra Rusia, e noutros países hai un crecente descontento coas elites belicistas que impulsan a guerra en lugar de se centrar na solución dos problemas reais que padecen os seus pobos.
Finalmente, hai que sinalar que varias enquisas e protestas en distintos países da UE demostraron que moitos cidadáns non apoian a escalada militar e menos unha guerra nuclear, e tampouco apoian as sancións que prexudicaron a economía europea máis que a Rusia. Con todo, os gobernos belicistas da UE parecen ignorar estas preocupacións e seguen priorizando os intereses das elites políticas belicistas, militares e económicas.
Malia a propaganda de guerra da elite belicista da UE, aínda hai forzas en Europa e o mundo que avogan pola paz. O problema é que as voces a favor da diplomacia foron torpedeadas e só Rusia e os EUA son garantía dun acordo xusto; outros buscan sabotar os intentos por alcanzar a paz. Se a xente non presiona os seus gobernos para cambiar o rumbo, as elites seguirán avanzando cara a un escenario cada vez máis perigoso e catastrófico.
Os medios de prensa occidentais están a empurrar a poboación cara á guerra, mentres as elites xogan coa posibilidade dun conflito maior, incluíndo o nuclear. A pregunta é se os cidadáns europeos lograrán espertar ante a tolemia da súa elite belicista, antes de que sexa demasiado tarde.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 1 de marzo de 2025]