Francia: A seminsurrección dos “chalecos amarelos”

Guillermo Almeyra - 05 Dec 2018

O dos chalecos amarelos é un movemento que pon en primeiro plano a xente común, traballadora, move unha gran cantidade de mulleres (o cal indica a profundidade da vaga social) e de xubilados, que son pobres pero contan con experiencias de loita ás súas costas.

Desde 1968 Francia non coñeceu ningún movemento social tan amplo como a actual rebelión campesiña e rural, das clases medias pobres do agro e da cidade, dos xubilados, dos desocupados reunidos nos chalecos amarelos.

 Esta é unha vaga social de fondo e arrastra por conseguinte a capas atrasadas e aos baixos fondos, que comparten o odio ás clases dominantes e ao seu stablishment ou, simplemente, aproveitan para saquear. Tanto pode dexenerar como servir de base á dereita nacionalista e fascista ou apoiar, se avanza politicamente, unha á socialista anticapitalista. Macron, como ministro de Economía do anterior presidente socialista de dereita François Hollande, ao aumentar os impostos indirectos sentou as bases desta actual crise social e política que ten forte impacto económico na produción e no comercio.

 Como presidente, pechou vías ferroviarios, cancelou frecuencias de trens e fixo todo o posíbel para preparar a privatización dos ferrocarrís enfrontando incluso unha folga de tres meses. Ao mesmo tempo retirou das zonas rurais oficinas de impostos, escolas, maternidades e hospitais obrigando os habitantes a dependereb de automóbiles vellos e contaminantes que non poden renovar. Reduciu tamén o persoal en escolas, oficinas, hospitais, casas para anciáns e nos cárceres, aumentando así a intensidade de traballo e de explotación a quen se salvou desa poda salvaxe.

 Simultaneamente, quitoulles aos alcaldes até o 10 por cento do seu orzamento impedíndolles así facer reparacións ou obras e converténdoos en pararraios da ira dos cidadáns, negouse a discutir cos sindicatos a súa política antiobreira e modificou unilateralmente a lexislación laboral para favorecer aos patróns, aos que eliminou o imposto á renda e favoreceu en todo mentres cargaba de impostos indirectos a todos os demais.

 Macron igualmente deixou pechar grandes empresas que xurara defender, logrou que os xuíces e avogados se declarasen en folga pola modificación sen consultar con eles da súa profesión e, aínda por riba, actuou coma se fose un rei.

 Eliminou en efecto os organismos estatais de mediación (sindicatos, alcaldías, Parlamento, ao que ignora malia contar coa maioría absoluta). Realiza case diariamente declaracións provocadoras e defendeu tan abertamente o seu gorila principal -culpábel de se disfrazar de policía para bater na xente o Primeiro de Maio- que tivo que desmentir publicamente que aquel era o seu amante. O episodio provocou a renuncia do seu ministro do Interior e, despois, fixo renunciar tamén ao ministro do Ambiente porque tragou as súas promesas de reducir as cabezas nucleares e, ademais, autorizou a caza libre.

 Deste xeito os ingresos reais dos franceses caeron dez por cento nos últimos dez anos e a riqueza concentrouse descaradamente en cada vez menos mans.

 O aumento do imposto ao diésel (o principal combustíbel dos coches dos pobres que, ademais, dependen do seu vehículo para iren traballar ou facer trámites) foi a faísca que fixo estalar toda esa pólvora mobilizando contra el e o poder a Francia profunda, que nun 60 por cento se abstivo nas eleccións presidenciais e mesmo sufragara en parte o seu partido novo e descoñecido por repudio aos outros e por temor ao fascismo de Le Pen.

 Esta vaga de fondo rexeita a pasividade e o institucionalismo das burocracias sindicais e os partidos da esquerda tradicional (socialistas, socialdemócratas, comunistas) polo seu electoralismo e cretinismo parlamentario. Está formada por xente que se lanza á acción. Se esta racha cristaleirias nos barrios ricos, queima coches de luxo ou escribe no Arco de Triunfo palabras soeces contra Macron é porque endexamais vai a eses barrios nin os monumentos ás vitorias militares son os seus monumentos, cousa que os patrioteiros como Macron non entenden. Territorializa a súa protesta, como fixo a Comuna ao destruír a columna da Praza Vendôme, dedicada ás glorias militares de Napoleón.

 O dos chalecos amarelos é un movemento que pon en primeiro plano a xente común, traballadora, move unha gran cantidade de mulleres (o cal indica a profundidade da vaga social) e de xubilados, que son pobres pero contan con experiencias de loita ás súas costas. A diferenza das parvadas de Laclau e de Chantal Mouffe, que cren que os movementos deste tipo necesitan un líder, este evita a delegación e a representación e, como nos Clubs da Revolución Francesa ou na Comuna, elixe dirixentes ad hoc, non líderes nin caudillos.

 Non ten un programa formal pero si esixencias programáticas comúns a todo o país: menos impostos aos pobres e máis aos ricos, servizos públicos de calidade, traballo, aumento de xubilacións, defensa do ambiente, máis transporte colectivo, oito horas efectivas.

 Non é fascista. Incluso a televisión mostrou chalecos amarelos que botaban a trompadas a fascistas organizados e outros, no Sur, marchando coa CGT e os sindicatos máis combativos. Pero, se non atopa unha canle ao seu anticapitalismo primitivo, podería servir á extrema dereita que tratará de tirar proveito nas eleccións europeas a custa da République en Marche (o movemento-partido de Macron).

 Iso xera un gran desafío aos revolucionarios que deben participar na loita tal como é e polos lexítimos intereses xerais sen tratar de tirar dela proveito para o partido se queren ser escoitados e organizar.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 5 de decembro de 2018]