Francia: A imposibilidade dun compromiso democrático co capital
Na situación económica actual, o capital non está disposto a aceptar ningunha concesión ao mundo do traballo e ao Estado social. A súa exixencia é a austeridade violenta, a única maneira de manter o fluxo de diñeiro do Estado ao capital produtivo preservando ao mesmo tempo os intereses do capital financeiro
O fracaso do goberno Barnier é, ante todo, o fracaso dun intento de xestionar as contradicións internas do capital nun marco parlamentario. Co nomeamento do antigo comisario europeo como primeiro ministro no gabinete francés, Emmanuel Macron tentaba crear un bloque capaz de lograr un compromiso no seo do capital francés. E este compromiso é o que fracasou [coa moción de censura aprobada onte, día 4 de decembro].
Por suposto, o punto de partida de todo este asunto é a desfeita herdada da xestión de Bruno Le Maire [exministro de Economía, Finanzas e soberanía industrial] en Bercy e, máis en xeral, pola política neoliberal aplicada por Emmanuel Macron desde 2017. Ao reducir masivamente os impostos para as empresas e os propietarios e propietarias de capital, mais tamén ao subvencionar fortemente unha gran parte do sector produtivo en Francia, esta política esperaba xerar un shock de crecemento.
Ocorreu o contrario. O crecemento diminuíu considerabelmente en cinco anos. É certo que as cifras foron esperanzadoras durante un tempo, en comparación coas dalgúns dos nosos veciños, pero iso só se debía a que a produción estaba masivamente subvencionada. A base produtiva subxacente estaba en ruínas, e o afundimento da produtividade francesa tras a crise sanitaria foi un claro síntoma diso. Loxicamente, os ingresos fiscais non seguían o ritmo do crecemento porque este estaba dopado con políticas de apoio ao capital.
Ante tal situación, dentro do capitalismo francés formáronse dous bandos. Por unha banda, os sectores produtivos fixéronse moi dependentes das reducións fiscais e das subvencións, é dicir, do orzamento do Estado. Ante a ausencia de crecemento da produtividade e a falta de motores de crecemento das exportacións (o capitalismo francés céntrase principalmente na demanda interna), esta é a única forma que teñen de obter beneficios a curto prazo.
Doutra banda, están os círculos financeiros que, privados tras a crise sanitaria do apoio incondicional dos bancos centrais, buscan de novo garantías para os seus investimentos e exixen a volta á disciplina do mercado. Estes intereses tamén se ven presionados polo débil crecemento. Sen el, os rendementos serán forzosamente máis baixos e os gobernos máis fráxiles. Por iso, o mundo financeiro esixe unha rápida consolidación fiscal, aínda que iso supoña subir algúns impostos de sociedades e recortar subvencións. Por suposto, non exixen unha derrogación da reforma do imposto sobre o capital de 2018, que os beneficia directamente.
Esta división no seo do capital non é exclusiva de Francia; está a estenderse por todo o capitalismo mundial. O primeiro síntoma foi a caída da primeira ministra [no Reino Unido] Liz Truss en setembro de 2022, arrastrada por unha minicrise da débeda tras querer volver recortar os impostos ás empresas. Con todo, desde aquela, o sector financeiro, que é extremadamente poderoso e ten unha gran influencia na opinión pública dada a financeirización das economías, organizouse ao redor dun movemento libertario que gañou as eleccións en Arxentina e os Estados Unidos.
O noso capitalismo de baixo crecemento produce, pois, tensións internas no capital. Se o crecemento é débil, a ganancia que obtén un sector é a expensas doutro. É un xogo de suma cero no que todo o mundo tenta sacar tallada. Neste contexto, é moi difícil chegar a compromisos, xa que ninguén está disposto a ceder terreo porque hai pouca marxe de manobra. O Estado convértese así nun campo de batalla destes intereses, aos que hai que engadir un terceiro ladrón, o mundo do traballo.
Que políticas son posíbeis?
Cales son as opcións nun escenario así? En teoría, hai tres. A primeira é que o mundo do traballo se opoña frontalmente ao capital aplicando unha política de suba de impostos ás dúas faccións enfrontadas coa esperanza de que iso produza unha recuperación das finanzas públicas capaz de acougar os mercados financeiros. En realidade, esta opción implica ir máis lonxe na medida en que, baixo o capitalismo, o traballo está dominado polo capital.
O risco dunha contraofensiva en forma de dobre crise financeira e económica obriga a unha política de transformación, é dicir, a construír unha sociedade na que se poida prescindir do capital. Esta posición non está á orde do día.
A segunda opción tenta sortear a dificultade da primeira organizando unha alianza entre o mundo do traballo, ou unha parte maioritaria del, e unha das faccións do capital contra a outra facción. A grandes liñas, trataríase de preservar unha parte da protección social a cambio dun aumento dos impostos sobre as empresas ou o capital financeiro. A dificultade aquí é en parte a mesma que na anterior: a situación económica é tan tensa que unha resposta da facción do capital á que se dirixen esas medidas podería provocar unha crise.
A última opción é construír un compromiso entre as faccións do capital para preservar os intereses de ambos os grupos facendo que o mundo do traballo pague mediante a destrución do Estado do benestar e a introdución de novas reformas estruturais. Esta é a opción ideal para o capital. O capital produtivo mantén o seu acceso ao diñeiro público e, coa austeridade, ve a posibilidade de reducir o custo do traballo e acceder a novos sectores cedidos polo Estado á privatización. Doutra banda, o capital financeiro ve garantidos os seus investimentos (pola redución do déficit producida pola destrución do Estado do benestar) e preservadas as súas vantaxes fiscais.
Naturalmente, esta foi a opción que Emmanuel Macron tentou promover co nomeamento de Michel Barnier. Pero a súa tarefa viuse complicada pola situación política. O problema da opción de compromiso interno para o capital é que é devastadora para a sociedade. Nun contexto democrático, e máis aínda no contexto francés, é politicamente difícil de aplicar, a pesar do constante bombo mediático a favor da austeridade.
As e os franceses rexeitaron de vez as políticas de Emmanuel Macron e reclaman servizos públicos máis sólidos e salarios máis dignos. Abofé, non están de acordo en como logralo, pero a austeridade violenta en favor do capital non ten ningún apoio na sociedade.
Loxicamente, os partidos da oposición que desexen chegar ao poder non poderían aceptar este compromiso interno co capital sen perder toda credibilidade ante o electorado. Por iso, os intentos de sumas a esta opción aos socialistas ou á extrema dereita (Rassemblemenet National) estaban condenados ao fracaso. Michel Barnier decatouse rapidamente e tentou construír unha cuarta vía: a que consistiría en mercar o dereito á austeridade con [cedendo en] algunhas medidas fiscais.
Esta estratexia estaba a medio camiño entre un compromiso interno dentro do capital e un compromiso entre unha facción do capital, neste caso o capital financeiro, e o mundo do traballo. Reducíanse as subas de impostos que afectaban o sector produtivo, e xustificábanse importantes recortes do gasto público. O obxectivo era construír unha maioría política a favor da austeridade. A Lei de Finanzas para 2025 [que non tivo maioría parlamentaria o luns 2] é o produto deste intento.
Pero supuña subestimar o estado real do capitalismo francés. Como se dixo, nun xogo de suma cero, o compromiso é imposíbel. A oposición non podía aceptar a austeridade a cambio de subas temporais de impostos que preservasen a maior parte das ganancias obtidas polo capital desde 2017. Pero, pola súa banda, o capital non podía aceptar ningunha concesión, dada, como vimos, a súa situación.
Desde hai dous meses, a patronal francesa [o Medef] pon o berro no ceo polas escasas subas de impostos que se propoñen, mentres que o capital financeiro presiona no mercado de tipos de xuros para lograr unha redución drástica do déficit. Politicamente, isto reflectiuse no mal humor do bando macronista e a súa falta de entusiasmo para apoiar o executivo.
A elaboración dos orzamentos converteuse entón nun crebacabezas imposíbel de resolver: calquera concesión por unha banda levaba a un desequilibrio que facía perder ao Goberno a súa maioría ou a confianza dos mercados. A anunciada caída en desgraza de Michel Barnier é unha clara mostra da imposibilidade de resolver esta situación nun marco parlamentario e democrático.
O imposíbel desenlace democrático
A conclusión que cómpre tirar deste asunto é evidente. En primeiro lugar, na situación económica actual, o capital non está disposto a aceptar ningunha concesión ao mundo do traballo e ao Estado social. A súa exixencia é a austeridade violenta, a única maneira de manter o fluxo de diñeiro do Estado ao capital produtivo preservando ao mesmo tempo os intereses do capital financeiro.
En segundo lugar, non existe unha maioría política a favor de tal política no contexto actual. Este é un punto importante: ningún partido da oposición ten interese manter a Michel Barnier en Matignon [sede do primeiro ministro] á conta de perder credibilidade antes das próximas eleccións presidenciais. Isto non ten nada que ver con políticas futuras. Non hai dúbida de que a Rassemblement National (ou unha parte do centro-esquerda) está disposta a levar a cabo as políticas exixidas polo capital. Pero o que está en xogo para o capital é garantir a posibilidade de recuperar o poder. Apoiar esa política de austeridade antes das eleccións presidenciais sería suicida.
Desde o punto de vista do capital, as cousas están cada vez máis claras. Como a austeridade social é a única opción aceptábel para eles e a sociedade non a quere, hai que a impoñer a pesar da sociedade. Noutras palabras, a única política posíbel é unha política autoritaria.
A actual crise política en Francia reflicte este feito: a democracia e o parlamentarismo están a converterse en atrancos para o capitalismo francés. Por suposto, este fenómeno non é novo; é o produto dun longo proceso no que, durante os dous quinquenios de Emmanuel Macron no poder, o autoritarismo ao servizo do capital non deixou de medrar. Pero a medida que 2024 se achegase á súa fin, non pode haber máis dúbidas.
Hai dous resultados posíbeis. Ou ben unha suspensión de facto das institucións democráticas, como ocorreu durante a crise da débeda da eurozona en varios países entre 2010 e 2015. Neste caso, o resultado das eleccións é irrelevante; a presión dos mercados financeiros leva a que as forzas políticas se aliñen ao redor da política desexada polo capital. Un goberno técnico ou un goberno de unidade nacional poderían asumir esta opción. Pero a esquerda tamén pode desempeñar este papel se é necesario, como en Grecia en 2015 ou en Sri Lanka hoxe.
A segunda opción é a da extrema dereita. Neste caso, a austeridade agóchase detrás dunha política de represión contra as minorías. No actual xogo de suma cero, unha parte do mundo do traballo pode unirse á opción favorecida polo capital coa única vantaxe de ver a unha parte da sociedade peor tratada que ela mesma.
O contexto cultural e político actual fai que esta opción sexa unha posibilidade para Francia, e que unha parte do capital poida sumarse a ela. Lembremos que durante a campaña lexislativa de xuño, o presidente da RN, Jordan Bardella, preparou o terreo coa súa "auditoría das finanzas públicas" previa a calquera política de austeridade severa, que agora pretende rexeitar.
O contexto francés non é illado. Confirma que a situación actual está a acabar coa ilusión de que capitalismo e democracia son inseparábeis. Pola contra, o reto consiste agora en tomar conciencia do beco sen saída ao que conducen os intereses do capital e comprender que a defensa do Estado de dereito e das liberdades exixe loitar por unha transformación económica e social de gran envergadura.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 3 de decembro de 2024]