Francia: a crise da esquerda

Ricardo Orozco - 09 Mai 2022

Cando aqueles sectores da sociedade que se din de esquerda e que militan entre as súas fileiras reducen o seu rol no cambio político dun Estado a ser un simple factor de definición entre dúas opcións de dereita, a súa claudicación ao único que contribúe é á normalización do proxecto político e dos contidos ideolóxicos desa mesma dereita

 En calquera país de Europa en que a súa poboación aínda conserve un mínimo recordo do que significou atravesar polos procesos de expansión continental do nacionalsocialismo, do fascismo, do franquismo e, en menor medida, do vichysmo, saber que un proxecto político de extrema dereita, no contexto actual, non alcanzou as marxes de votación suficientes como para posuír o control dalgún goberno nacional e da dirección do seu respectivo Estado é, sen dúbida, unha nova que se debe de celebrar, independentemente de se milítase ou non dentro das causas históricas das esquerdas. E é que, aínda que é verdade que cada unha desas experiencias políticas límite foi posible grazas á articulación de determinadas circunstancias que historicamente son, por definición, irrepetíbeis, a realidade do perigo que subxace a calquera fortalecemento económico, político e cultural das extremas dereitas contemporáneas con presenza na rexión é que nestas sempre se encontra, latente, un proxecto de radicalización sustentado na defensa sen concesións das desigualdades e as inxustizas sociais.

 Por iso, despois da segunda volta electoral en Francia, a poboación daquel país, por suposto, debería de estar celebrando (como parece que o fai unha gran parte da cidadanía), precisamente, neses mesmos termos e por esas razóns, o feito de que a plataforma política de Marine Le Pen (Rassemblement National) non chegara a facerse coa vitoria presidencial derrotando o abandeiro de La République En Marche!, Emmanuel Macron. Despois de todo, é un feito que non foi unha fazaña menor o evitar, por unha banda, que, co seu liderado á fronte do poder executivo nacional francés, Le Pen chegase a fortalecer as extremas dereitas do resto do continente que xa están en auxe (sendo Francia a segunda potencia cultural, política e económica máis importante de Europa, tras Alemaña) e, polo outro, que, grazas a esa maior convexgencia de intereses entre as dereitas continentais e a francesa, esta se consolidase aínda máis con perspectivas hexemónicas a futuro.

Unha vitoria insuficiente de Macron

 Como pensar e abordar, con todo (e, evidentemente, sen regatear ás francesas e aos franceses a vitoria xeral que significa manter a Le Pen fóra da presidencia do Estado) o triunfo de Emmanuel Macron desde unha postura comprometida coas múltiples e diversas esquerdas, históricas e contemporáneas, de Francia e do resto de Europa? Sen dar tantos rodeos ao problema, a realidade das cousas é que calquera resposta sincera a esa pregunta é desoladora; en particular, porque a enorme atención que recibiu a derrota de Le Pen nos comicios conduciu ao groso do debate público naquel país e na meirande parte de Occidente (América incluída) a perder de vista que o proxecto de nación e de integración rexional que encarna Macron tamén supón o profundamento e a extensión dun amplísimo abano de desigualdades e de inxustizas sociais.

 Non quere isto dicir, de ningún xeito, que Macron e Le Pen sexan dúas caras dunha mesma moeda, pois as distancias que se abren entre ela e el e as diferenzas que distinguen a cada unha das plataformas políticas que representan son significativas e, vistas en conxunto, marcan tendencias e traxectorias históricas diverxentes, o mesmo a curto que a medio prazo. Exemplos claros diso móstranse nos seus respectivos posicionamentos acerca do funcionamento actual do réxime de pensións, sobre o trato nacional coa relixión musulmá dentro das fronteiras do país e en relación coa posición que debería de ocupar Francia no complexo interestatal da Unión Europea.

 A cuestión de fondo nesta discusión é, malia o anterior, que, vista en retrospectiva a presidencia de Macron, desde 2017, algo que quedou bastante claro até o de agora na súa xestión é que, malia non esgrimir un discurso tan estridente como o de Le Pen sobre problemáticas como o nacionalismo, o racismo, o multiculturalismo ou a diversidade relixiosa, noutros aspectos (sobre todo aqueles que teñen que ver coas relacións entre o capital e o traballo ou con certo supremacismo francés en conflitos bélicos extraeuropeos), o hoxe presidente reelecto, lonxe de ser a encarnación dun proxecto político de centro (como se quixo vender en medios de comunicación) non moi no fondo é defensor dunha axenda na base da cal está a indolencia ante a explotación das condicións de vida do ser humano.

 Os efectos da pandemia de SARS-CoV-2 en Francia, en particular; e no resto de Europa, en xeral; tiveron como unha das súas principais consecuencias o agochamento máis ou menos xeneralizado e bretemoso dunha serie de medidas que, desde a súa entrada en funcións de presidente, Macron desenvolveu para desarticular algúns dos controis regulatorios que os restos do Estado de benestar francés conservaran (malia sucesivas e insistentes vagas neoliberalizadoras) para limitar (aínda que non impedir ou restrinxir) a acumulación de capital dentro das marxes da economía nacional. En especial, un par de medidas implementadas en materia de salubridade pública para fortalecer o servizo, aínda que botadas a andar baixo un veo autoritario -socialmente xustificado e lexitimado pola desacougo, a ansiedade e o medo que deixaba tras de si o espallamento da Covid-19- tenderon a mostrar publicamente o presidente francés como un mandatario que era capaz de se desprazar política e ideoloxicamente máis cara ao centro (mesmo rozando o centro-esquerda) e permanecer aí mentres a nación o necesitase.

Le Pen xa gañou

 Foi nese marco contextual, de feito, en que estouros sociais de enorme potencia, previos ao espallamento do SARS-CoV-2 (e durante os primeiros meses da súa diseminación) pasaron a unha segunda orde de importancia na vida política nacional francesa, malia que neles se apreciaba, a xeito de síntese, tanto a chea de contradicións económicas que xa atravesaban a presidencia do hoxe mandatario reelecto como o proxecto profundamente antidemocrático e fondamente clasista que este abandeira desde o día un da súa xestión. Pero ademais, por se ese agochamento produto da urxencia sanitaria non fose suficiente para branquear a imaxe de Macron e presentalo como un presidente socialdemócrata (ou social-liberal), a iso tamén contribuíu o feito de que a crise global, rexional e nacional axudase a normalizar, en espectros cada vez máis amplos do imaxinario colectivo nacional e en moito maior grao, os cambios estruturais que o desmantelamento do Estado de benestar francés estaba atravesando: en principio coma se a devandita dinámica fose o produto natural de movementos normais da economía nas súas distintas escalas; é dicir, como un síntoma máis do que tende a considerarse como progreso; e, en segunda instancia, como consecuencias ás veces imprevisíbeis, mais tamén humanamente incontíbeis, dos desaxustes que a propia crise ía deixando ao seu paso; de tal sorte que o único que quedaba era resignarse ante o cambio.

 Por iso, pois, agora que os resultados dos comicios presidenciais quedaron resoltos, se cadra non estaría de máis sinalar que, para as múltiplas e diversas esquerdas francesas e continentais, o triunfo electoral de Macron non supón, de ningún xeito, a vitoria da mellor alternativa concibíbel ou posíbel (está claro que esa opción, nestas votacións, era encarnada por Jean-Luc Mélenchon e La France Insoumise). E é que, por evidente que pareza esta afirmación, a estas alturas da discusión, xa debería de ser evidente, en e por si mesmo, que unha sociedade máis democrática, máis xusta e máis equitativa non depende só da ausencia de discursos de odio (abertos ou velados) en contra de poboacións consideradas nacional, racial, cultural ou relixiosamente distintas e perigosas; tampouco depende da ausencia dun discurso nacionalista recalcitrante ou de manter á marxe as relacións diplomáticas con Rusia.

 Pola contra, un proxecto de sociedade máis democrática, máis xusta e máis equitativa, ademais de adoecer dese tipo de manifestacións ultra, débese sustentar na capacidade de desmontar os mecanismos institucionais e de combater e neutralizar os contidos ideolóxicos ou sentidos comúns que operan colectivamente no día a día baixo a lóxica das necesidades de reprodución, concentración, centralización e acumulación de capital que hoxe en día se experimentan polo groso da poboación como dinámicas normais e naturais dos mercados e da vida económica dun país. A dereita, despois de todo, non necesita ser necesariamente ultranacionalista para ser dereita nin, moito menos, brandir un discurso antiislámico; coma se ambas as cousas fosen os trazos distintivos do seu ADN en todo momento e en todo espazo. Nos tempos que corren, isto é aínda máis cuestionábel cando por todas as partes de Europa (e de América) novas dereitas cargadas cara aos extremos do espectro político-ideolóxico-cultural son capaces de abandeirar, simultaneamente, causas como a diversidade sexual e o ecoloxismo, sen que de paso se teñan que ver ancoradas en ningún tipo de antisemitismo ou de ultranacionalismo.

 No Estado español, por exemplo, mentres que o Partido Popular se radicaliza cada vez máis cara aos extremos como unha dereita conservadora (case decimonónica e con frecuencia moi en sintonía coa súa propia orixe franquista), VOX fortalécese nunha sorte de sincretismo ideolóxico no que, porén, as notas marcadamente neoliberais son de xeito evidente distintivas. En Francia, por iso, á hora de facer o balance dese suposto centrismo liberal de Emmanuel Macron (para facer del a mellor alternativa concibíbel ante o avance da extrema dereita conservadora), habería que valorar canto da axenda neoliberal asume el mesmo como parte integral do seu proxecto de nación e da súa proxección continental, non para homologalo coa súa contrincante, Le Pen e a súa Rassemblement National, senón, así e todo, para comprender na súa xusta dimensión a derrota das esquerdas nestas eleccións nas que, para colmar a ironía en xogo, foron os seus votos os que tiveron que decidir entre dúas apostas de dereita á presidencia do Estado francés: unha máis extrema e estridente que a outra, pero dereitas, á fin.

Macron traerá a Le Pen

 Só así as masas explotadas e que viven permanentemente baixo o xugo da espoliación das súas condicións de vida (en Francia, en Europa e no resto de Occidente) poderán comprender, ademais, que as maiores vitorias que historicamente obtiveron as dereitas non se cifran só nos seus triunfos electorais. E é que, aínda que é certo que estes son fundamentais porque deles dependen, entre outras cousas, as súas posibilidades de financiamento, a súa maior exposición pública e mediática, así como as posibilidades coas que conten, ao longo do tempo, para posuír o control gobernamental e a dirección do Estado, reducir a dereita (nas súas versións ultra, extremas ou moderadas) ao ámbito restrinxido da vida partidista e das experiencias electorais fai que se perda de vista que a ideoloxía e os sentidos comúns dos que esta se vale para despregar as súas axendas, os seus proxectos e plataformas políticas tamén se instauran (e adoito moito tempo antes de que os propios partidos de dereita existan institucionalmente e tomen corpo) como iso: como ideoloxía, como sentidos comúns, como cultura, en xeral; e cultura política, en particular; entre as masas.

 De tal sorte que, nesta segunda volta electoral francesa, dúas das leccións máis importantes que o resto de Occidente debe de aprender son: a) como o dixo Le Pen, para o seu proxecto perdéronse as urnas, pero os niveis e a amplitude que alcanzou a súa plataforma partidista entre a sociedade son, en e por si mesmos, unha vitoria que non se lle poderá arrebatar con máis votacións nos días, semanas, meses ou anos que virán ; ao contrario, este apoio só tenderá a consolidarse e sistematicamente incrementarse; e, b) tal e como o fixo notar Rosa Luxemburgo no seu momento (verbo da crise da socialdemocracia europea), cando aqueles sectores da sociedade que se din de esquerda e que militan entre as súas fileiras reducen o seu rol no cambio político dun Estado a ser un simple factor de definición entre dúas opcións de dereita (aínda que unha sexa moderada e a outra ultra), nese preciso momento, a súa claudicación ao único que contribúe é á normalización do proxecto político e dos contidos ideolóxicos desa mesma dereita; non só por lexitimala nun proceso electoral, senón por renunciar á posibilidade de inventar unha mellor alternativa e defender a súa causa.

 A Luxemburgo, ao final, a historia deulle a razón: nos acontecementos da Gran Guerra, as trincheiras que se cavaron por toda Europa enchéronse de corpos en gran medida debido ao apoio que esta conflagración recibiu por parte da socialdemocracia e da esquerda que creu na verdade suscitada polo falso dilema de ter que elixir, entre dúas malas opcións, a menos mala.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 28 de abril de 2022]