Francia: A aprobación autoritaria da reforma das pensións desata a carraxe do pobo

Régis Arriet e Jon Bernat Zubiri Rei - 24 Mar 2023

A crise social volveuse unha crise política e institucional. Que saída hai para o Presidente da República? As confederacións sindicais propoñen retirar a medida da idade mínima para se xubilar e organizar unha conferencia social sobre o financiamento da protección social, os salarios e as condicións de traballo

 A lei de reforma da xubilación acaba de ser aprobada sen ser votada pola Asemblea Nacional francesa. Á forza. Entre outras medidas, sobe a idade mínima para se xubilar de 62 a 64 anos e acelérase a implementación dunha reforma anterior que aumentaba de 42 a 43 o número de anos traballados para se poder xubilar. Ao utilizar o articulo 49.3 da Constitución da V República, o Presidente Emmanuel Macron e a súa Primeira ministra Élizabeth Borne desataron unha carraxe popular habitual en Francia durante os movementos sociais de protesta.

Moción de censura

 O “Golpe de estado Permanente” (Coup d’État Permanent) é o título dun ensaio publicado polo socialista francés François Mitterrand en 1964, onde criticaba que o Presidente da República se volve todopoderoso na práctica da Constitución de 1958, especialmente desde 1962 cando foi adoptada a elección do Presidente por sufraxio universal directo. O mesmo Mitterrand foi logo Presidente da República de 1981 até 1995 e, desde esta posición, acomodouse á outrora criticada Constitución.

 Tras o rexeitamento da moción de censura do Goberno de Élizabeth Borne o luns 20 de marzo, faltando só 9 votos para tombar o Goberno, a lei considérase legalmente aprobada. Pero a batalla contra esta reforma segue. Despois de utilizar tamén diversos artigos tal como o 47.1 e o 44.3, para limitar o tempo de exame da lei e os debates nas asembleas, e vendo que non conta con maioría para votar a reforma, Macron decidiu o xoves 16 de marzo, no último momento antes do voto previsto na Asemblea Nacional, activar o artigo 49.3 da Constitución, o que permite considerar como adoptada unha lei sen que haxa un voto sobre esta nas cámaras.

 Neste caso, para contrarrestar esta medida brutal, as oposicións teñen o dereito de presentar unha moción de censura. Se sae aprobada cae o Goberno e tamén a lei. Pero para que se adopte unha moción de censura, hai que reunir máis da metade do número de deputados, ou sexa 287 votos. Desta forma resulta máis difícil que prospere a moción de censura que rexeitar a lei que a provoca, o que necesitaría simplemente máis votos en contra que a favor, subtraendo do total as abstencións e os ausentes (o que non se fai no caso dunha moción de censura, na que son contabilizados coma se apoiasen o Goberno). O luns 20 de marzo, a moción de censura multipartidista presentada polo centrista Charles de Courson reuniu 278 votos a favor, un alto número que non se esperaba, faltando só 9 para derrocar o Goberno.

 Esta centésima vez que se utiliza o artigo 49.3 desde os principios da V República rebordou o vaso do admisíbel pola maioría social francesa. A pesar do movemento que se opón a esta reforma desde xaneiro, co liderado das organizacións sindicais unidas, das sondaxes de opinión que perseveran todos elas en constatar que unha longa maioría da poboación francesa rexeita estas medidas e, a pesar tamén, de non ter maioría na Asemblea, Macron quixo seguir adiante con esta reforma. Inmediatamente despois da activación do artigo 49.3, manifestacións espontáneas comezaron en todas as cidades grandes e pequenas de Francia.

Unha chea de manifestacións cada día

 Desde aquela, esta ira popular non parou. As rúas das cidades francesas coñecen cada noite pequenas manifestacións salvaxes, é dicir, sen permisos nin convocantes, con multitude de mozos participantes que saen á rúa en contra desta reforma da xubilación, si pero non só, porque tamén se suma o rexeitamento ao proceso co que foi aprobada que, aínda que é legal, é percibido como autoritario e antidemocrático. Desta forma, as bolsas e os colectores de residuos, numerosos nas rúas de toda Francia pola folga indefinida dos servizos de recollida de lixo, poden doadamente transformar en barricadas en chamas, perturbando o tráfico rodado dificultando as cargas policiais. O martes 21 de marzo ao mediodía, o ministro do interior Gérald Darmanin afirmaba que máis de 1.500 manifestacións non declaradas tiveran xa lugar desde a aplicación do 49.3 o xoves 16 á tarde.

 A nivel local, os sindicatos máis combativos organizaron tamén, como resposta ao uso do artigo 49.3, ducias de manifestacións que reuniron até miles de persoas como o sábado 18 de marzo en Saint Étienne (na rexión Auvernia-Ródano-Alpes, de 1.500 a 3.000 manifestantes segundo a policía ou os sindicatos), en Brest (Bretaña, de 5.000 a 8.000 manifestantes) ou en Nantes (na Bretaña histórica, hoxe situada na rexión administrativa Países do Loira, de 6.000 a 15.000 manifestantes). En Montpellier (Occitania) este mesmo día a masa dos 2.500 manifestantes desviouse do itinerario oficial da manifestación para invadir as vías da estación de tren e, pouco despois, obrigar o gran centro comercial da cidade a pechar as súas portas. Os opositores á reforma da xubilación pregúntanse acerca do nivel de conflitividade necesario para que o Goberno e o Presidente entendan as súas reivindicacións. Mentres, séguense multiplicado este tipo de accións: cortes de luz centrados en lugares específicos como sedes de bancos ou de grandes empresas, marchas con fachos –o martes pola noite contábanse por exemplo 10.000 persoas nas rúas de Nantes ou 5.000 na cidade alpina de Grenoble–, accións de “peaxes gratuítas” –durante as cales os activistas manteñen abertas as barreiras das peaxes de autoestrada–, “operacións caracol” – mediante as cales vehículos conducindo a moi baixa velocidade bloquean todo o tráfico–, ou cortes de estrada filtrantes –cando os militantes reducen o número de vías polas cales poden pasar os automobilistas, creando así un embotellamento, mentres distribúen folletos aos automobilistas, moitas veces comprensivos–, concentracións fronte aos locais da organización patronal das grandes empresas MEDEF ou ataques a locais de ETT e deputados favorábeis á reforma. Nas manifestacións, declaradas ou non, sucédense cada vez máis enfrontamentos coa policía.

As folgas continúan acompañadas de bloqueos

 En efecto, aínda que o país non estivo totalmente bloqueado o día 7 de marzo, a folga continúa desde aquela en sectores como a enerxía (instalacións petroleiras, de gas ou de produción de electricidade), a recollida de residuos, os transportes ferroviarios ou, con momentos máis ou menos intensos de mobilización, na educación pública.

 Pola súa banda, a folga nas refinarías vólvese máis dura, con todas as plantas do hexágono afectadas. A Confederación Xeral do Traballo (CXT), unha das principais centrais sindicais francesas, decidiu empezar o venres 17 o bloqueo total das instalacións da refinaría máis grande do país, en Normandía, paralizando o 22% da capacidade de requintado de Francia. Varios depósitos de carburantes están tamén bloqueados desde hai días, coa axuda de folguistas doutros sectores, tal e como sucede en Port-la-Nouvelle (Occitania) ou Fos-sur-Mer (Provenza).

 Entrementres tanto, o movemento estudantil está a organizarse a través dunha Coordinadora nacional estudantil que agrupa os colectivos das universidades en loita e diversas organizacións sindicais estudantís. O martes 21, esta Coordinadora organizou unha manifestación de estudantes e folguistas de diversos sectores, que desfilou desde a incineradora de Ivry-sur-Seine, nas aforas de París, até a estación ferroviaria de Austerlitz.

A represión endurécese

 Para tentar crebar as folgas dos sectores dos lixos e do petróleo, o Goberno empezou a impoñer a volta ao traballo de folguistas, baixo ameaza de multas e penas de prisión, a pesar de que os sindicatos impugnen nos xulgados a legalidade destas medidas represivas. Ao mesmo tempo, o Goberno esta impulsando intervencións policiais contra os piquetes de folga para tentar desbloquear sitios como o incinerador de Ivry-sur-Seine, o terminal petroleiro de Donges (na costa atlántica) ou o depósito de carburantes de Fos-sur-Mer (Provenza), xa que algunhas rexións do país empezan a coñecer unha escaseza de carburantes. Neste último mencionado, a chegada de centos de persoas para apoiar o bloqueo, sumada á resistencia de folguistas botando pedras fronte ás cargas policiais, impediron o martes 21 que o sitio fose desbloqueado.

 Fabien Roussel, secretario xeral do Partido Comunista Francés, dirixíase o martes 21 ao Goberno: “Elixen usar a porra e a represión sindical para calar a contestación”. En efecto, en París, está prohibido desde o sábado 18 o acceso á Praza da Concordia, preto da Asemblea Nacional, onde se reuniron os e as manifestantes os dous días seguintes á aplicación do artigo 49.3. As rúas da capital enchéronse de policías e interveñen, ademais de forma masiva, as BRAV-M (brigadas de represión da acción violenta – motorizadas), é dicir, policías en moto, cun diante que conduce e outro detrás que reparte golpes de porra. O Sindicato dos Avogados de Francia e o Sindicato da Maxistratura denuncian detencións masivas arbitrarias e Amnistía Internacional denunciou o 21 de marzo “o uso excesivo da forza e as detencións abusivas”.

 En París, só durante as tres primeiras noites de manifestacións espontáneas, detivéronse 425 persoas, pero tras dous días de arresto só 52 foron postas a disposición xudicial por algún delito. Jean-Luc Mélenchon, líder da coalición Nova Unión Popular, Ecolóxica e Social (NUPES), avaliaba así a posición de Macron nun acto do martes 21 en Ax-les-Thermes (Occitania) : “Ese home prendeu a mecha e pechou todas as saídas: elixir deputados de oposición non serve para nada xa que impón o artigo 49.3; facer a folga, dálle igual xa que se pode forzar a folguistas a volveren ao traballo, baixo ameaza de multas e penas de prisión; ir a manifestacións, pouco parece importarlle porque vos mete nunha cela a pasar a noite”.

O monarca republicano

 A crise social volveuse unha crise política e institucional. Que saída hai para o Presidente da República? As confederacións sindicais propoñen retirar a medida da idade mínima para se xubilar e organizar unha conferencia social sobre o financiamento da protección social, os salarios e as condicións de traballo. Emmanuel Macron podería elixir organizar un referendo, disolver a Asemblea ou anunciar cambios no Goberno… Mais enrocouse en non facer nada. Declarouno onte nunha entrevista televisada ás 13h, cunha intervención que non contribuirá a traer a calma ao país. Tenta que a cidadanía pense noutra cousa, na primavera por exemplo. Espera que a carraxe do pobo acougue soa, bañada en gases lacrimóxenos, selectas atordadoras e golpes de porra. Trata, en definitiva, de construír un relato onde el representa a democracia mentres o movemento social sería a violencia, ao revés do que se percibe amplamente por unha maioría da poboación, sendo o Presidente e Goberno os que representan a brutalidade e un autoritarismo soft, mentres que o movemento social impulsa un profundamento democrático cun alto compoñente social.

 Tras esa intervención televisiva, Laurent Berger (secretario xeral da CFDT) retrucoulle a través as súas redes sociais “Negación da realidade e mentiras!”, mentres que o da CGT, Philippe Martinez,  declarou que asistimos “a un desprezo polos millóns de persoas que se manifestan” e continuou dicindo que “Macron parecía un marciano durante a entrevista, co seu todo vai ben, todo o fago ben, non pasa nada nas rúas, mostrando que non vai responder as nosas demandas”. Parece que o Presidente pensa gobernar só, sen maioría na Asemblea, despois de desprezar as organizacións sindicais como interlocutoras no diálogo social. Un Presidente que recibirá a semana próxima ao rei británico Charles III no palacio de Versalles. Un pésimo símbolo para un monarca republicano nas súas horas máis baixas.

Os sindicatos unidos

 Fronte á utilización deste artigo 49.3 da Constitución que, como se mostrou, considera adoptada unha lei sen que se vote na Asemblea Nacional, a fronte sindical permanece unida, mesmo as organizacións máis moderadas e legalistas como a Confederación Francesa Democrática do Traballo (CFDT) chamaron a unha novena xornada nacional de folga e acción contra a reforma da xubilación este 23 de marzo. Axiña veremos como o movemento social e as organizacións sindicais responderán este día e máis aló á represión policial e á inflexibilidade do monarca republicano.

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto Diario, do 23 de marzo de 2023]