Francia: 7 de maio, un escenario electoral máis aberto do que moitos confían
A Francia urbana (Macron) fronte á Francia rural e periurbana (Le Pen), a xente con estudos e ingresos (Macron) fronte aos empregados e obreiros (Le Pen). E todo apunta a que a sima agrandará porque Mélenchon captou o voto xuvenil e pugnou con éxito coa ultradereita no voto da xente con poucos ingresos e dos parados
Non hai dúbida de que a primeira volta das eleccións francesas supuxo unha mudanza do escenario político francés. O 23 de abril abriuse unha nova páxina da historia da Vª República ao botar fóra por primeira vez desde os anos setenta das presidenciais os dous grandes partidos, a dereita gaullista e a socialdemocracia do PS. Todo apunta ao final agónico do sistema maioritario e bipartidista que coñecemos.
Entre os analistas popularizouse a expresión de que estamos ante un «42 de abril», unha sorte de 21 de abril pero por partida dobre, en referencia ao sismo que supuxo a derrota en primeira volta de Lionel Jospin (PS) na primeira volta das presidenciais que se celebraron ese día no ano 2002.
Como daquela, a Front National (FN), esta vez liderada pola filla do clan Le Pen, chega á segunda volta. O que non deixa de ser un novo fito para a extrema dereita francesa, malia que esta vez fora anticipado por todas as enquisas.
Malia que cun 21% de sufraxios queda varios puntos por baixo dos resultados que obtivo nas europeas (2014) e nas rexionais (2015), o que lle impediu liderar a primeira volta, a estratexia de Marine Le Pen de limar as arestas máis extremas do seu discurso (banalización) deulle froitos e 1.200.000 votos máis que os que obtivo en 2012.
E a súa decisión a última hora do luns de deixar temporalmente a Presidencia do partido afonda precisamente nese intento de homologación.
Así, as análises triunfalistas que, poñendo o acento na irrupción do socioliberal Emmanuel Macron, minimizan o alcance do éxito da ultradereita deberían botar unha ollada ao mapa dos resultados por departamentos para constatar o crecemento en mesmo dez puntos da candidatura de Le Pen no norte e nordeste do Estado. O país está partido en dous, co norte, o leste e a fachada mediterránea entregadas á extrema dereita e o oeste, o suroeste, Rhône Alpes e a rexión parisina (Île-de-France), que optaron preferentemente por Macron.
Porén, esa distribución por departamentos inclúe e explica outras claves destas eleccións que están quedando subsumidas nas análises.
Por orde de resultados, e malia que é a primeira vez desde 1958 que a dereita non pasa a segunda volta, o 20% acadado por un François Fillon afundido polo escándalo do «Penelopegate» achegouno a pouco máis dun punto de Le Pen (agora estariamos falando e escribindo doutra cousa) e confirma a fidelidade do voto da dereita.
Nese sentido, a desfeita de Les Republicains non ten nada que ver coa hecatombe do PS e do seu candidato oficial, Benôit Hamon (6,3%). Aquí o termo histórico non é unha esaxeración e explícase polos cinco anos de xestión desastrosa da Presidencia de François Hollande, sen esquecer a decisión do propio Hollande e do ex primeiro ministro Manuel Valls de traizoar o seu partido e o vencedor das primarias en vinganza pola oposición deste ao nesgo abertamente socioliberal, cando non neoliberal, da lexislatura.
E é aí onde se inscribe, en segundo lugar pero en primeiro en importancia, o éxito electoral de Jean-Luc Mélenchon e da súa France Insoumise, que cun 19% de votos reedita a forza electoral que no seu día tivo o histórico PCF, obtendo unha marca histórica do 34% en Seine-Saint Denis (suburbio poboado maioritariamente por inmigrantes na periferia parisina). Iso sen esquecer as súas vitorias nas colonias de Ultramar.
Todo iso, porén, non agocha a evidente desilusión de Mélenchon -quen tras un ascenso fulgurante estaba convencido de que ía disputar a Presidencia- e, sobre todo, o feito de que a esquerda, en todas as súas marcas e candidaturas (incluídas as trotsquistas), non suma máis do 27% de votos. Demoledor.
Fronte a iso, un «enarca» (alumno da ENA), funcionario metido a banqueiro multimillonario e exministro de Economía personifica a «fronte republicana» para parar a Le Pen. E unha ollada ao programa económico de ambos, neoliberalismo matizado por medidas keynesianas o do primeiro, proteccionismo paternalista o da segunda, abunda na segregación electoral reflectida o domingo. A Francia urbana (Macron) fronte á Francia rural e periurbana (Le Pen), a xente con estudos e ingresos (Macron) fronte aos empregados e obreiros (Le Pen). E todo apunta a que a sima agrandará porque Mélenchon captou o voto xuvenil e pugnou con éxito coa ultradereita no voto da xente con poucos ingresos e dos parados.
A prensa francesa equipara estes días os seus resultados co famoso big bang. E non é para menos. Pero o alcance dese xiro sería copernicano no caso de que, improbábel pero non imposíbel, gañase Le Pen.
Necesitaría para iso dobrar o seu número de votos (7 millóns longos o domingo). Ou forzar a desafección do electorado de esquerda, tentado pola abstención e da dereita católica respecto dun candidato centrista, Macron, que faría mal cantando xa vitoria. Onte mesmo, unha exministra de Nicolas Sarkozy, a presidenta do Partido Cristián Demócrata, Christine Boutin, anunciou que votará a Le Pen contra Macron, quen ao seu xuízo representa «o liberalismo libertario, a globalización, o diñeiro, a banca...».
O debate do 3 de maio perfílase decisivo e Macron non pode permitirse un erro, que sería practicamente imposíbel de corrixir a tempo. A ameaza de atentados yihadistas está aí e os doce días poden ser longos.
Do desenlace o 7 de maio dependerá que esteamos ante un verdadeiro xiro copernicano. Se, como presaxian (case) todos os analistas, o adaíl da UE se impón malia que a metade do electorado apostou por candidatos euroescépticos, non se desbota que a dereita e mesmo, por que non, o PS se recompoñan de cara ás lexislativas de xuño e poidan encarar o futuro.
De aí a augurar, como saudaron os medios financeiros, que no duelo Macron-Le Pen estamos ante un «escenario perfecto» vai un treito de optimismo que recorda anteriores sismos.
Igual non estaremos ante a «tormenta perfecta», pero anúncianse nubeiros.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 26 de abril de 2017]