Folga xeral o 17 de novembro na Mariña para esixir políticas de industrialización, servizos públicos e investimentos
O pasado 17 de outubro, a veciñanza da Mariña encheu as rúas de Viveiro nunha nova manifestación para esixir políticas e investimentos que revertan o esmorecemento paulatino da comarca. Agora, baixo idéntico lema -"Futuro para A Mariña"-, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT convocan a toda a clase obreira a secundar unha folga xeral para o mércores 17 de novembro, que afectará a todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras das empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comarca da Mariña.
A convocatoria da folga, que se iniciará ás 00 do mércores 17 e rematará ás 24h dese día -agás para as quendas que comecen e rematen antes desas horas-, foi entregada esta mañá no rexistro da Consellaría de Emprego e Igualdade polos/as responsábeis comarcais dos tres sindicatos, quen reclamaron ás administracións estatal e galega medidas inmediatas porque “a pobreza, a desertización industrial e o despoboamento da nosa comarca poden ser imparables”.
Dereito a termos futuro na nosa terra
Na comparecencia para os medios posterior ao rexistro, recalcouse que esta non é unha folga só de traballadores e traballadoras asalariadas, senón que atinxe tamén ao pequeno comercio, persoal autónomo, hostalaría, portos pesqueiros e, en definitiva, a toda a veciñanza. "É unha folga de toda a comarca. Sabemos que é un sacrificio, nunca é doado pechar, pero sempre será máis doado pechar un día por unha loita xusta que ter que botar o peche definitivo", aseveraron.
Por iso, o responsábel da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, reiterou o chamamento a toda a sociedade a unirse a esta paro, dando unha resposta aínda maior que nas manifestacións de xuño de 2020 e do pasado 17 de outubro, "para que nos escoiten en Santiago e en Madrid, porque seguimos pedindo o mesmo, o dereito a termos futuro, a poder traballar e vivir dignamente na Mariña".
Neste senso, os/as representantes de CIG, CCOO e UGT puxeron o acento no total abandono da comarca, pois transcorrido un ano e medio da mobilización comarcal en Burela, non só non se produciu ningún avance nin se achegaron solucións para reverter a crise industrial, económica e social, senón que a situación foi a peor: as infraestruturas que se reclamaban seguen sen ser executadas; o FEVE está en absoluta decadencia; non se resolveu o conflito de Alcoa e os gobernos seguen sen ter vontade para acometer a intervención pública; e Vestas presentou un despedimento colectivo (facilitado grazas á que o Executivo español mantén plenamente vixente a reforma laboral).
A isto engádese o agravamento da exclusión financeira de amplos sectores sociais e territorios polo peche de numerosas oficinas bancarias, a perda de servizos administrativos (como a TXSS, Facenda, SMAC etc.), e o deterioro da atención sanitaria co desmantelamento progresivo do Hospital da Costa, pois aínda que se acaba de aprobar un equipo de resonancia fixa, recórtase a carteira de servizos e os desprazamentos a hospitais de Lugo son máis frecuentes, mentres a Atención Primaria está na UCI.
Sen investimentos nos Orzamentos do Estado e da Xunta
A maiores, nesta última semana coñeceuse que os Orzamentos Xerais do Estado só contemplan unha partida de cen mil euros para tramo da A-74 (igual que o pasado ano); e nos orzamentos da Xunta de Galiza "non hai nada referido a esta comarca". "Xa non é só que non se invista, senón que incluso o PP no Parlamento galego non deu o seu apoio ás mocións do PSdG e BNG que pedían un plan de reindustrialización para a Mariña", denunciaron.
Neste senso, Xorxe Caldeiro puxo o foco na incongruencia que supón que os únicos investimentos industriais que se contemplan para a Mariña sexan para a instalación de macro parques eólicos (falándose mesmo de colocar muíños no mar co conseguinte prexuízo para unha importante actividade económica da bisbarra como a pesca), mentres se permite que se destrúan os empregos e se deslocalice a produción dos compoñentes eólicos.
Na comparecencia para os medios criticouse a actuación hipócrita dos partidos políticos con responsabilidade de goberno que en público apoian as reivindicacións da comarca, pero na práctica este apoio "non se ven reflectido nos feitos tanto da Xunta (PP) como do Estado (PSOE-UP). A Mariña precisa feitos e non boas palabras! A Mariña precisa feitos e non fume! E estes feitos teñen que verse tanto nos Orzamentos do Estado como nos da propia Xunta porque, doutro xeito, volveremos estar, un ano máis, sen nada".
Resulta evidente que as reivindicacións da comarca, vistos os acontecementos posteriores, "non foron tidas en conta por quen ten capacidade de actuar. O pasado ano os gobernos de Madrid e Santiago ignoraron nos orzamentos os compromisos que precisabamos. Este ano volven facelo, pero desta volta non imos cruzarnos de brazos. Imos demostrarlles a nosa firme decisión de loitar para arrancar compromisos reais e palpables, compromisos que se plasmen nos orzamentos e que signifiquen que as cousas van cambiar para mellor. Non podemos deixar de novo pasar a oportunidade de facer realidade os seus compromisos verbais".
Un folga que atinxe a toda a sociedade
Por todo iso, tendo en conta a transcendencia para a comarca do que se reclama, tendo en conta o crítico momento e a urxencia de mobilizarse para poder incidir nos orzamentos para o 2022 do Estado e de Galiza, "é polo que decidimos convocar esta folga xeral comarcal". Unha convocatoria que xa se barallara o pasado ano, mais que a situación de pandemia e dos distintos sectores económicos, nomeadamente comercio e hostalería, levou a adiar por entender que non era oportuna.
"Somos conscientes da transcendencia que unha medida deste calado ten, da perda económica que supón para as traballadoras e traballadores, tamén para o conxunto da sociedade. Pero estamos convencidos e convencidas de que é un esforzo mínimo comparado cos beneficios que pode reportarnos. A Mariña sálvase loitando e este é un paso máis na loita", subliñan, lanzando un chamado á apoiar e participar da folga, que avanza na continua mobilización social que a comarca vén desenvolvendo dende a supresión da área sanitaria no ano 2018, e que se intensificou co anuncio do ERE de Alcoa e dos seus plans de peche da fábrica de aluminio.
"Temos que reaxir, é o momento, non podemos agardar máis, porque só a inversión en infraestruturas, en servizos, e as políticas públicas poden crear as condicións axeitadas para conservar as nosas industrias, os postos de traballo e atraer investimentos que supoñan a implantación de novas empresas e a creación de novos empregos", concluíu Caldeiro.