Paro total en Tyrma por salarios dignos, máis seguridade laboral e na defensa dos empregos

A empresa de reciclaxe de materiais plásticos con sede en Touro permanece sen actividade como consecuencia do paro de 24 horas que se repetirá os días 21 e 28
Touro - 14 Nov 2025

O cadro de persoal da empresa Tecnología y Reciclaje de Materiales (Tyrma), dedicada á reciclaxe de materiais de plástico e que opera no interior da mina de Touro, secundou hoxe masivamente a primeira xornada de folga das tres convocadas para reclamar unha suba salarial digna, máis seguridade laboral e unha garantía de que se van manter todos os empregos. Coincidindo co paro de 24 horas, que se repetirá os vindeiros días 21 e 28 de novembro, as persoas traballadoras desenvolveron unha concentración diante das instalacións da compañía.

Como consecuencia da folga Tyrma permanece sen actividade xa dende a quenda de noite, que comezou ás 22:00 horas. Pola mañá unicamente accedeu á empresa o xefe e algún persoal de mantemento, mentres que a práctica totalidade das arredor de 75 persoas empregadas optaron polo paro, tal e como salientan dende o comité (3 representantes da CIG e 2 de CCOO).

Estas medidas de presión pretenden forzar a empresa a pactar un complemento salarial por riba do convenio estatal de Reciclaxe de Materias Primas Secundarias que compensa a perda de poder adquisitivo dos últimos anos, así como a mellorar as condicións de seguridade no traballo tras o “alarmante” incremento de accidentes graves, cumprir a lei en canto aos permisos retribuídos que contempla o Estatuto dos Traballadores/as e retirar as sancións ao persoal que sufre accidentes laborais por falta de protocolos de seguridade na empresa.

Ao mesmo tempo, a representación sindical demanda que se garanta a continuidade do emprego na zona ante a incerteza pola posíbel apertura da mina, que podería supoñer a destrución dos postos de traballos nesta planta de reciclaxe.