Folga nos museos científicos da Coruña en resposta á presentación dun segundo ERTE pola concesionaria
As traballadoras e traballadores dos museos científicos da Coruña acordaron en asemblea un calendario de folgas e mobilizacións, despois de que a empresa concesionaria, SAMYL, comunicara, por segunda vez en menos de dous meses, a súa pretensión de aplicar un ERE temporal para o persoal adscrito á Casa dos Peixes, á Casa do Home e á Casa das Ciencias. A representación social critica que dende o Concello da Coruña non se teña adoptado ningunha solución para garantir a continuidade destes 31 postos de traballo e evitar o peche destes tres museos municipais.
Hai que lembrar que o pasado mes de abril SAMYL retirou un primeiro ERTE logo de chegar a un acordo co Concello da Coruña para prorrogar por terceira vez a contrata e continuar prestando o servizo mentres non se producira á adxudicación a unha nova empresa (un contrato-ponte).
Non obstante, todo fai indicar que o proceso negociado que o goberno municipal ten aberto -e que remata o luns- ficará deserto unha vez máis (e xa van cinco), ao non presentarse ningunha empresa por considerar insuficiente a dotación económica destinada ao concurso. Vólvense así repetir as circunstancias que levaron no mes de marzo á formulación dun ERTE por parte de SAMYL.
Ante esta situación, dende a Concellaría de Culturas non se ten ofrecido ningunha resposta nin solución. De feito, as traballadoras e traballadores pregúntanse como pretende garantir o Concello a prestación do servizo á cidadanía se ningunha empresa se presenta ao concurso e a actual adxudicataria aplica a suspensión temporal de emprego. "Acaso vai ser o concelleiro quen se encargue de abrir as portas, cobrar as entradas ou facer as visitas guiadas?", cuestionan.
"Hai 31 profesionais que levan moitos anos prestando servizo nos museos científicos da Coruña, aturando os abusos e os incumprimentos de SAMYL, con ducias de sentenzas que nos dan a razón nas nosas demandas e, agora, esta mesma empresa quere mandarnos ao paro e grazas á incompetencia do Concello vaino conseguir", denuncia a delegada do persoal.
Dúas xornadas de folga xeral e dúas de paros parciais
Á vista do incerto futuro laboral e da falta solucións, o persoal acordou desenvolver dúas xornadas de folga os días 17 e 18 de maio (Día internacional dos Museos) que irán precedidas de dúas xornadas de folga parcial os días 13 e 14 de maio (con paros de 11:30h a 13:00h e de 16:30h a 18:30h e no horario de apertura dos tres museos).
Ademais, coincidindo coa folga do día 18, está convocada concentración diante do Concello da Coruña de 11:30 a 12:30 horas e unha manifestación ás 20:00 horas, que sairá da Praza de Vigo e rematará na Praza de María Pita.
As traballadoras e traballadores recalcan ao goberno da Coruña que se quere evitar a folga busque unha solución inmediata e definitiva para un problema que se vén arrastrando dende hai anos e que permita asegurar a continuidade e estabilidade no emprego, garantíndolle a subrogación e a permanencia no servizo.