Folga no metal e no comercio do metal da provincia de Pontevedra ante o intento das patronais de precarizar os convenios

A CIG convoca unha xornada de paro o xoves 7 de maio para reclamar melloras laborais que dignifiquen as condicións do persoal
Vigo/Pontevedra - 21 Abr 2026

As persoas traballadoras dos sectores do metal e do comercio do metal da provincia de Pontevedra están chamadas a unha xornada de folga o xoves 7 de maio convocada pola CIG para rexeitar as propostas regresivas do empresariado no marco da negociación dos dous convenios colectivos. Delegados e delegadas da central sindical en ambos sectores mobilizáronse hoxe en Vigo diante da sede da patronal ATRA, organización que participa nas dúas mesas de negociación.

A novena xuntanza da mesa negociadora do convenio do metal pontevedrés celebrada o pasado mércores día 15 serviu para evidenciar os puntos nos que o empresariado non vai ceder, imposibilitando deste xeito a consecución dun acordo. “A mellora dos soldos ten que ser un dos fundamentos para poder avanzar na negociación, tendo en conta que a patronal pretende unha revisión salarial sen atrasos e cun tope do 2%, cando o IPC xa está nun 3,5%, tal e como se vén de publicar no mes de marzo”, tal e como explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Pontevedra, Anxo Lúa.

Outro tema fundamental para a parte social ten que ver coas condicións laborais no sector naval, sobre todo no referente a unha serie de medidas que permitan paliar o estrés térmico que padecen os cadros de persoal como consecuencia das altas temperaturas que se rexistran durante o verán. “Outro cabalo de batalla é todo que referente á xornada laboral, xa que ofrecen unicamente unha redución de oito horas para o ano 2028; e aumentar as vacacións a 24 días, mais este día a maiores non sería por redución de xornada, senón a conta dos axustes da xornada anual”.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, incidiu na importancia de garantir no convenio a subrogación do persoal, dereito que si inclúen o resto de convenios provinciais do sector. “Mais tamén rematar coas interminábeis cadeas de subcontratación, que no caso do naval, por exemplo, están a disparar a sinistralidade laboral e os accidentes graves”.

O empresariado pretende asinar un convenio a catro anos, cun 13% de suba salarial total e unha revisión a IPC topada como máximo nun 2%; e négase a introducir no convenio a subrogación; a xornada continua nos meses de verán nin sequera no naval; a impedir a subcontratación en máis dun nivel; a regular os contratos fixos descontinuos; e ao abono dos desprazamentos a países perigosos (soamente aos que están en guerra).

En consecuencia, e tendo en conta o inmobilismo empresarial ante as propostas da parte social, a CIG levou a cabo hoxe unha concentración de persoas delegadas e traballadoras do sector diante da patronal ATRA na rúa do Príncipe de Vigo, onde se anunciou a convocatoria dunha xornada de folga para o xoves 7 de maio nun sector que emprega arredor de 30.000 persoas. Ao remate da mobilización os responsábeis sindicais entregaron a convocatoria de folga nas sedes das patronais ATRA, Instalectra e ASIME.

Cobertura en caso de baixa laboral

Na protesta que tivo lugar ás 11:00 horas participaron tamén persoas delegadas e traballadoras do comercio do metal da provincia de Pontevedra, sector que emprega a arredor de 10.000 persoas e que se tamén se atopa en plena negociación do convenio, caducado xa dende hai ano e medio.

Mais neste caso non se celebran xuntanzas dende o pasado mes de xaneiro, unha vez que os sindicatos con representación na mesa (CIG, CCOO e UGT) abandonaron as conversas ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal. E tamén de suspender durante dous anos a aplicación de artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, a suba económica non contempla cláusula de revisión a IPC.

Diante disto, as centrais sindicais levaron a cabo distintas mobilizacións dende comezos de ano, optando agora a CIG-Servizos por facer confluír unha primeira xornada de folga coa convocatoria do metal.