Folga no mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra para esixir melloras laborais

O persoal de Veolia Grupo Norte desenvolverá seis xornadas de paros e mobilizacións os días 30 de setembro e 1, 2, 3, 4, e 5 de outubro
Pontevedra - 24 Set 2025

Os nove traballadores de Veolia Grupo Norte, concesionaria do servizo de mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra, decidiron convocar seis xornadas de folga os vindeiros días 30 de setembro e 1, 2, 3, 4 e 5 de outubro para reclamar a equiparación das condicións salariais e laborais ás que xa ten recoñecidas o persoal de mantemento doutras áreas sanitarias. Coincidindo cos paros desenvolverán tamén mobilizacións diante do centro sanitario os días 30 de setembro e 2 e 3 de outubro ás 11:00 horas.

A CIG critica que tras máis dun ano tentando abrir unha mesa de negociación, nin a empresa adxudicataria nin o SERGAS amosaron disposición para avanzar nos dereitos deste colectivo. A compañía aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, mais este non se axusta ás funcións características que desenvolve esta persoal (gardas localizadas, traballo en quendas, horario nocturno, etc). Por iso demandan melloras por riba do convenio, coas que si conta por exemplo o persoal de Veolia que traballa no mantemento dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no comarcal do Salnés. 

A CIG critica que tras máis dun ano tentando abrir unha mesa de negociación, nin a empresa nin o SERGAS amosaron disposición para avanzar nos dereitos deste colectivo

A representación social mantivo hai case dous meses unha reunión con responsábeis da área sanitaria para solicitarlles que a Xerencia facilitase un encontro coa empresa para abordar estras cuestións, “pero a día de hoxe aínda seguimos sen noticias”. “A Xerencia non contesta e a empresa non quere negociar”, denuncia Anxo Lúa, secretario da CIG-Industria de Pontevedra.

Neste contexto, o persoal realizou unha primeira concentración diante do Hospital Provincial o pasado 3 de xullo e ante a falta de avances desenvolveu unha nova protesta dúas semanas despois. Agora optaron por convocar novas medidas presión, unha vez que a empresa e a administración sanitaria seguen sen querer negociar, pois o obxectivo “é que estas melloras se incorporen ao prego de condicións do concurso, cuxa concesión remata en decembro deste ano, para que se consoliden e sexan respectadas pola seguinte empresa que asuma o servizo”.