Convocada folga nas grandes cadeas de téxtil e calzado contra a perda de dereitos do convenio ARTE

A CIG-Servizos mobilizouse hoxe en Vigo, Pontevedra e Santiago e para a semana que vén hai convocados paros de 24 horas en todo o país
Nacional - 10 Abr 2026

O persoal das grandes cadeas de téxtil e calzado das catro provincias galegas está chamado a secundar unha xornada de folga o vindeiro venres 17 -no caso da Coruña a convocatoria esténdese tamén ao sábado 18- contra a perda de dereitos laborais que suporía a entrada en vigor do preacordo de convenio ARTE asinado pola patronal, CCOO e FETICO.

A CIG-Servizos mobilizouse hoxe con concentracións en Vigo e Pontevedra e cun peche na sede da Confederación de Empresarios/as de Galiza (CEG) en Santiago de Compostela para rexeitar o preacordo asinado entre o empresariado e os sindicatos estatais no marco da negociación do primeiro convenio estatal para as grandes cadeas de téxtil e calzado, ao supoñer un importante retroceso nos dereitos laborais e salariais e afondar na centralización da negociación colectiva, afastándoa dos centros de traballo e laminando a capacidade do persoal de decidir sobre o que se negocia.

No marco de accións de protesta, un grupo de delegadas do comercio téxtil e representantes da CIG-Servizos permaneceu pechado este venres nas dependencias da CEG dende ás 12:30 até ás 15:00 horas, cando foi desaloxado pola Policía española.

A representación sindical fixo entrega dun escrito na sede da patronal galega solicitando negociar un acordo interprofesional a nivel autonómico que garanta a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte á negociación estatal promovida pola grandes transnacionais do comercio téxtil e do calzado para empeorar salarios e condicións laborais.

Ao mesmo tempo a representación social pediu ser recibida pola patronal, que non atendeu a solicitude, ao igual que se negou a concretar unha data de reunión para avanzar nun marco galego de relacións laborais. Diante disto, as delegadas acordaron permanecer na sede da CEG até recibir resposta, mais finalmente foron desaloxadas por efectivos do corpo policial.

No caso de Vigo e Pontevedra leváronse a cabo concentracións a partir das 18:30 horas diante do museo MARCO no caso da cidade olívica e ás portas das tendas de Zara, H&M e Mango na rúa Benito Corbal da cidade do Lérez.

Acordo á medida das empresas

O documento pactado o pasado 23 de marzo recolle as principais exixencias dos grandes grupos empresariais que conforman ARTE (Inditex, H&M, Mango, Primark, Grupo Tendam, Kiabi, Uniqlo, etc.) en materias como salarios, xornada e contratación.

A CIG denuncia que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas no preacordo suporían unha rebaixa duns 2000 euros ao ano para a categoría de dependenta nas provincias da Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na Coruña.

Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses; e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.

A respecto da xornada anual pactada (1770 horas para o ano 2026, 1760 para 2027 e 1740 para 2028), a central sindical advirte que, malia a propaganda, as horas de traballo anuais aumentarían en realidade, xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo.

Para o resto de cuestións sobre as que aínda non existe consenso, como o complemento durante as baixas ou as licenzas, a patronal e os sindicatos CCOO e FETICO emprazáronse a continuar negociando, fixándose unha nova reunión da mesa para o 20 de abril.

Desaparición dos convenios provinciais

A CIG advirte que a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando. Creando ademais, unha disparidade de condicións entre o persoal que traballa na mesma tenda e realiza as mesmas tarefas.

Fronte a este ataque, solicitoulle á patronal galega (a través do Consello Galego de Relacións Laborais) avanzar nun marco propio que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa fronte ao convenio estatal de ARTE, tal e como xa se fixo en Euskal Herria. Porén, o empresariado negouse a asinar un acordo interprofesional de ámbito autonómico.

Polo que a central chama as persoas traballadoras do comercio a continuar mobilizándose e a secundar as folgas cconvocadas na defensa dos seus dereitos para lograr que o convenio estatal que promove a gran patronal non se aplique en Galiza, “xa que o único obxectivo de ARTE é empeorar as condicións de traballo e liquidar os convenios provinciais a través dos que se foron conseguindo importantes melloras para o sector”.