Folga na xustiza: 77 días de loita, resistencia e dignidade
Tras 77 días de folga, as traballadoras e os traballadores de xustiza continúan coas mobilizacións diarias para visibilizar o conflito e levar as súas reivindicacións para rematar coas discriminacións salariais e laborais alí a onde sexa preciso. Este martes o persoal de Vigo fixo un sonoro recibimento ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen acudiu a un acto oficial nesta cidade; as traballadores e traballadoras de Lugo concentrábanse diante das dependencias xudiciais, mentres o comité de folga mantén a acampada en Compostela.
E logo de 77 días, a Xunta segue a facer bandeira do seu talante dialogante a través dos medios de comunicación, pero non traduce esa propaganda nunha convocatoria real da mesa de negociación, logo da "espantada" da administración na reunión da pasada semana, abandonando a mesa por unha diferenza de 12€ a repartir en 3 anos.
A CIG-Xustiza considera que a Xunta “non ten escusa algunha para non chegar a un acordo” e convida a administración a reflexionar sobre a contraoferta presentada polo comité de folga.
"Nós estamos dispostos e dispostas a negociar en calquera momento, quen non ten vontade real de chegar a acordos e pechar o conflito é a Xunta", asevera o secretario de CIG-Xustiza, Xesús H. Sánchez, quen acusa o Goberno galego de recorrer de xeito permanente a unha estratexia de desgaste e afogamento económico do persoal, sen importarse polos prexuízos que a folga poida causar.
O comité de folga manterá a acampada que iniciou o luns diante do complexo administrativo de San Caetano até que se retomen as negociacións. "Seguimos esperando a que nos chamen e seguimos resistindo con forza e dignidade", asevera Sánchez.
Reunión cos operadores xurídicos
Ademais, para a tarde do xoves desta semana, o comité de folga ten prevista a primeira reunión da plataforma de operadores xurídicos, na que abordar as consecuencias que o conflito está a ter na administración de xustiza de Galiza. A esta xuntanza, o Consello da Avogacía, que nos últimos días se amosou moi belixerante co persoal de xustiza e as súas lexítimas reivindicacións, rexeitou asistir.