Folga nas auxiliares de Navantia: "O xoves 5 de outubro, todos e todas ás portas dos estaleiros"
"O próximo xoves, todas e todos ás portas dos estaleiros dende primeira hora". Con esta máxima encara a CIG-Industria a convocatoria da folga indefinida dende o 5 de outubro na industria auxiliar de Navantia para esixir que todas as empresas cumpran os acordos salariais asinados en 2001 "e que os traballadores e traballadoras non teñan que negociar o seu soldo cada vez que entran nunha subcontrata".
"Detectamos moito ánimo e vontade de levar adiante esta folga", subliña Ramón Alfonzo, da CIG-Industria de Ferrol. "Iso, engade, a pesares dos intentos de CCOO e UGT de boicotear a convocatoria, chamando os seus delegados/as co argumento de que hai empresas que están cumprindo os acordos e non vai con eles".
Un argumento, engade, facilmente desmontábel pola volatilidade do emprego neste sector. "O persoal é moi consciente de que son traballadores/as das auxiliares de Navantia, pero de ningunha empresa en concreto, porque hoxe están nunha compañía e mañá poden entrar noutra". Pola propia dinámica da construción naval, subliña, este cambio dáse incluso nos períodos de elevada ocupación.
Últimas asembleas
Esta semana estanse a celebrar as últimas roldas de asembleas do persoal. Hoxe pola mañá, houbo asemblea na cabeza da grada de Navantia Fene (de aí a imaxe que ilustra esta nova). Tamén haberá asemblea esta tarde ás 18 e ás 18:45 horas.
A última asemblea antes da folga será mañá, mércores, en Navantia Ferrol: ás 10 horas na grada e a carón do taller de tubeiros, e ás 12 horas en Carenas.
Neste contexto, a CIG-Industria denuncia que cada vez que un operario/a se incorpora nunha nova empresa ten que negociar individualmente o seu salario. "Para evitar esta incerteza foi que se asinaron os acordos salariais e laborais do ano 2001 que as empresas están a incumprir", afirman. Como exemplo, a central expón o caso de Maessa.
Hai unhas semanas, o persoal aprobaba convocar folga para esixir a equiparación salarial entre todos os traballadores/as (posto que nuns casos cobraban conforme aos acordos e noutros estaban por debaixo). A punto de iniciarse o paro, a empresa sentou a negociar e asumiu o compromiso de pagar as retribucións por igual. "Pero que ocorre? pois que dúas semanas despois, moito do persoal eventual de Maessa está na rúa. Cando vaia incorporarse noutra auxiliar terá que volver pelexar polo seu salario".
A estratexia da negociación dilatada
Despois das asembleas de traballadores/as nas que se decidiu convocar esta folga, producíronse varias reunións coas empresas, nas que se deu traslado dos motivos da convocatoria. Non cómpre perder de vista que a decisión de ir á folga chegou tras a sinatura por parte de CCOO e UGT dun preacordo para o convenio colectivo provincial do metal da Coruña, no que se renuncia á principal reivindicación relacionada coas auxiliares de Navantia: a incorporación dos acordos de 2001 no articulado do convenio.
En todas esas xuntanzas, a patronal insistiu na súa disposición á constituír unha mesa para negociar, abordando mesmo outras cuestións laborais. "Deixamos claro que o teñen que facer é pagar os acordos e despois constituír esas mesas de negociación, onde a CIG estará coa mellor disposición para falar de temas tan importantes como formación e prevención, subcontratación, porcentaxe de persoal indefinido, etc.".
As empresas insisten en constituír mesas de negociación, pero o primeiro que teñen que facer é pagar os acordos e despois estaremos na mellor disposición para falar doutros temas importantes"
Dende a CIG-Industria de Ferrol entenden que esta é unha estratexia das auxiliares para gañar tempo, na expectativa de lograr uns acordos economicamente rebaixados. Unha solicitude "de darse tempo" para negociar e para que as empresas do naval se organicen nunha nova asociación, que foi asumida por UGT e CCOO.
"A patronal do metal dous anos e oito meses dicindo que non a incluír os acordos das auxiliares de Navantia no convenio. E iso que houbo 7 días de folga nos que o estaleiro estivo practicamente paralizado. UGT e CCOO din que agora, con máis tempo e sen folgas, a patronal vai aceptar incluír os acordos no convenio. Pero, porque había a patronal provincial aceptar agora o que non aceptou nunca antes?", cuestiona Ramón Alfonzo.
"A xente das auxiliares sabe que esta é a súa batalla. Máis que ningunha outra. Por iso secundaron as folgas do convenio e por iso votaron unanimemente a favor desta convocatoria de folga. Logo da devaluación salarial brutal que fixeron as empresas nos últimos anos, este é o momento de recuperar o perdido. Por iso, o xoves 5 chamamos todas e todos os traballadores das auxiliares a estar nas portas dos estaleiros dende primeira hora", animan.