Folga na estiba de Ferrol os días 5, 7 e 9 de xuño en defensa dos empregos
O cadro de persoal da SAGEP FERROL, composto por 12 traballadores, acordou sumarse á folga convocada no sector da estiba para os días 5, 7 e 9 de xuño en defensa do mantemento dos empregos. As centrais sindicais con representación no sector da estiba, entre elas a CIG, veñen de anunciar a efectivización da folga convocada a vindeira semana, logo de rachar as negociacións coa patronal.
Os paros desenvolveranse durante as horas impares ( é dicir: de 9 a 10; de 11 a 12; de 13 a 14; de 15 a 16; de 17 a 18; de 19 a 20; de 21 a 22; de 23 a 24; de 01 a 02; de 03 a 04; de 05 a 06 e de 07 a 08 horas) durante os seguintes períodos:
-Das 08:00 horas do 5 de xuño até as 08:00 horas do 6 de xuño.
-Das 08:00 horas do 7de xuño até as 08:00 horas do 8 de xuño.
-Das 08:00 horas do 9 de xuño até as 08:00 horas do 10 de xuño.
A decisión de facer afectiva a folga chega tras a patronal incumprir o preacordo que tiña alcanzado coa representación sindical no que se garantía a subrogación de todo o persoal que vén prestando os seus servizos nas SAGEP.
A subrogación de todo o persoal é un dos elementos fundamentais das reivindicacións dos traballadores e traballadoras do sector, explican dende a FGAMT-CIG de Ferrol, que fai un chamamento ao conxunto dos traballadores/as da comarca "a amosar a súa solidariedade con estes compañeiros na loita pola defensa dos postos de traballo".
Coincidindo coas xornadas de folga convocadas no sector, o persoal da SAGEP Ferrol realizará concentracións diante da Autoridade Portuaria de Ferrol, de 12.00 a 13:00 horas.