Folga indefinida nos buses urbanos do Concello de Ourense pola precarización das condicións laborais
O cadro de persoal de Urbanos de Ourense, concesionaria de transporte urbano do Concello de Ourense, vén de convocar folga indefinida a partir do vindeiro mércores 20 de abril para rexeitar a intención da empresa de precarizar as condicións laborais. Ademais, a compañía leva tres anos negándose a negociar un convenio colectivo digno.
A decisión foi adoptada o pasado venres día 8 en asemblea por unha ampla maioría dos traballadores/as, que deste xeito acordaron retomar o paro indefinido que fora paralizado no mes de xaneiro polas medidas extraordinarias da pandemia e como proba de boa vontade para tentar chegar a un pacto para renovar o convenio.
Mais lonxe de producirse un achegamento entre as partes, a compañía “pretende rebaixar considerabelmente” as actuais condicións laborais no que ten que ver coa xornada diaria e cos incrementos salariais en base ao IPC.
De feito, non garante as oito horas diarias ou as 40 semanais, pretendendo establecer xornadas irregulares. “Polo que se un día superamos as oito horas de condución, en lugar de pagar horas extras, este exceso restaríase dunha xornada na que non se cumpriran as oito horas”, indican dende a FGAMT-CIG de Ourense.
A empresa tamén quere que desapareza a exclusividade dos empregados/as da concesionaria co servizo de transporte urbano, “o que significa que se mañá Urbanos de Ourense contrata co Concello un servizo alleo ao transporte urbano os traballadores/as estarían na obriga de realizar un traballo diferente polo que foron contratados/as". E tamén insiste en ampliar o horario de traballo os días 24 e 31 de decembro, “aínda que nos consta que o Concello non llo solicitou”.
En canto ás cuestións que a parte social quere introducir no novo convenio para mellorar as condicións de traballo, e que empresa segue a negar, salientan medidas para garantir a conciliación laboral e familiar e poder acudir aos servizos médicos coas crianzas.
Con respecto ás subas salariais, a compañía ofrece un 0% para os anos 2019, 2021 e 2021, cando o IPC dese período foi do 6,8%. Para 2023 o incremento ofertado é do 0,5%, e o IPC de marzo situouse xa no 9,8%. En consecuencia, a proposta da empresa suporía unha importante perda de poder adquisitivo.
Esta actitude da empresa levou o cadro de persoal a retomar a convocatoria suspendida en xaneiro, que afectará aos 125 traballadores/as da concesión: 96 condutores/as e o resto persoal administrativo, inspectores/as, mecánicos/as e lava-coches.
Mobilizacións periódicas
Urbanos de Ourense SL, pertencente ao Grupo Avanza, opera coa concesión caducada dende o 11 de maio de 2015. A empresa obtivo no 2017 unha sentenza que lle recoñece un beneficio empresarial do 6% nos gastos de explotación, cantidade que supera amplamente os 10 millóns de euros, dos que ten percibido cando menos 3,3 millóns por parte do Concello.
Segundo sinalan dende o comité de empresa (4 delegados/as de CCOO, 3 da CIG e 2 da UGT), esta circunstancia extraordinaria é pouco frecuente nas concesións públicas e fai que a rendibilidade estea garantida. Ao mesmo tempo, as actualizacións salariais van formar parte do prego de condicións da nova licitación, polo que os traballadores/as non entenden as dificultades para chegar a un acordo satisfactorio sobre o convenio.
Lembran que Avanza, grupo empresarial de capital mexicano, está a ter moita conflitividade laboral nas concesións públicas que administra no Estado español (Auto-Res, Vitrasa Vigo, Urbanos de Zaragoza etc).
Ao mesmo tempo, piden desculpas ás persoas usuarias do servizo polas molestias que esta folga lles poida ocasionar, ao tempo que apelan á súa solidariedade para mellorar as condicións dos traballadores/as, “algo que sen dúbida repercutirá na mellora dun servizo de vital importancia para a mobilidade no concello”.
Finalmente, anuncian que durante a folga levarán a cabo concentracións periódicas diante do Concello.