Folga indefinida no servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

O persoal de Acciona denuncia que a falta de efectivos impide a correcta desinfección das instalacións
Vigo - 04 Dec 2020

O comité de empresa de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza e residuos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, vén de rexistrar a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns día 14 para reclamar a contratación de máis persoal co que asumir as novas necesidades derivadas da pandemia. A escaseza de efectivos/as está a provocar unha sobrecarga de traballo entre o cadro de persoal, que se ve impotente para levar a cabo unha correcta desinfección das instalacións.

Dende a representación sindical explican que con esta convocatoria, que chega tras varias semanas de mobilización e de contactos coa xerencia do centro para abordar esta problemática, queren tamén denunciar os incumprimentos de convenio por parte da empresa e o feito de que faga ouvidos xordos aos distintos requirimentos da Inspección de Traballo.

Segundo sosteñen, a mala xestión do servizo por parte de Acciona está a provocar “incontábeis queixas e demandas do persoal” en todas as quendas de traballo, o que levou as traballadoras/es a ratificar en asemblea a convocatoria de folga.

En canto ao reforzo de persoal para atender o aumento de traballo derivado da crise da covid, consideran necesario realizar 22 novas contratacións, o que permitiría limpar áreas que agora se descoidan, como zonas comúns, baños ou vestiarios. 

En canto ao reforzo de persoal para atender o aumento de traballo derivado da crise da covid, consideran necesario realizar 22 novas contratacións, o que permitiría limpar áreas que agora se descoidan, como zonas comúns, baños ou vestiarios. Neste senso, lembran que durante a negociación do convenio que tivo lugar antes da pandemia, xa reclamaban 17 novos contratos debido ás ampliacións e novas condicións de servizos no hospital nos últimos catro anos.

Ao mesmo tempo, reclaman a creación dunha comisión paritaria de seguimento na que se comuniquen e consulten os incremento ou diminucións dos contaxios e as consecuentes variacións nos criterios de reforzo. Así como se especifiquen as tarefas a desenvolver en cada posto deste reforzo en todas quendas de traballo. E que se facilite formación teórico-práctica en protocolos covid e titorización, segundo o plan formativo facilitado polo técnico de prevención, das persoas destinadas a realización de postos covid.

Os reforzos que solicitan por cada unha das áreas e quendas de traballo serían:

-HOSPITALIZACIÓN. 3D: 1 xornada mañá/tarde. 3C: ½ xornada mañá/tarde. 2B: ½ xornada mañá/tarde.

En consonancia cos reforzos que se acordaran aplicar por aumento de illamentos infecciosos en velas de hospitalización, consideran que se podería solicitar unha axuda puntual sempre que se deran máis de dúas habitacións con paciente covid.

-UCI 2 / REA 1: 1 xornada por quenda mañá/tarde.

-URXENCIAS BOXES 2: ½ xornada por quenda mañá/tarde.

-URXENCIAS PEDIÁTRICAS: ½ xornada por quenda mañá/tarde.

-ALTAS/XERAIS: 1 xornada na quenda mañá / 2 xornadas na quenda tarde.

-DESINFECCIÓN ZONAS COMÚNS: 2 xornadas de mañá/ 3 xornadas de tarde.

-QUENDA DA NOITE: 2 xornadas por quenda de traballo.

-RESIDUOS BIOSANITARIOS: ½ xornada por quenda de mañá e tarde.

-NAVE DE RESIDUOS: DESINFECCIÓN CONTEDORES E GAIOLAS: ½ xornada mañá/tarde.

Estes reforzos serían aplicábeis de luns a domingo en todas quendas de traballo, considerando unha serie de premisas para evitar descompensacións no reparto de tarefas. En concreto, solicitan que as persoas de reforzo non estean exentas de traballar en áreas covid nin teñan limitacións/adaptacións de posto. Ademais, demandan que os contratos necesarios para atender estes reforzos deberán trasladárselles ao comité en tempo e forma, tal e como recolle o convenio colectivo.

Por último, entenden que as zonas que non son propiamente receptoras de covid como partos, radioloxía intervencionista, quirófanos ou diálise deberán estar vixiadas “para mandar unha axuda sempre que os traballos específicos de covid que vaian xurdindo impidan atender as tarefas cotiás do posto”.