Folga indefinida no Servizo de Axuda no Fogar de Forcarei ante o ERE extintivo para todo o persoal
A práctica totalidade do cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Forcarei iniciou hoxe unha folga indefinida para rexeitar o ERE extintivo impulsado pola administración concursal da empresa concesionaria, Serinter, que se atopa en proceso de liquidación. Dende a CIG denuncian que a actitude do Goberno local, que se nega a negociar, pon en perigo a continuidade dos empregos e do propio servizo.
Unicamente tres das 15 traballadoras/es do SAF acudiron hoxe aos seus postos de traballo, mentres que o resto do persoal aproveitou a primeira xornada de folga para mobilizarse ás portas do Concello de Forcarei en defensa dos seus empregos, xa que a administración concursal da empresa concesionaria, Serinter, que se atopa en proceso de liquidación, presentou un ERE extintivo para todas/os as traballadoras/es.
Ao tratarse dun servizo público o Goberno local veuse obrigado a sacalo a concurso, pero a única empresa que se presentou non asinou finalmente o contrato ao decatarse de que tería que asumir a débeda da anterior concesionaria. Segundo explican dende a Unión Local da Estrada-Deza, “agora a alcaldesa di que vai agardar á extinción da empresa e logo reiniciará o servizo con outra compañía e con novas/os traballadoras/es, cando teñen que subrogar tanto a débeda como o persoal”.
Polo tanto, din non entender esta “fuxida cara a adiante e sen negociar” da rexedora, que ademais lle está a reclamar 40.000 euros á compañía que se presentou ao concurso pero non asinou o contrato, “cando con isto o único que fai é espantar a posíbeis empresas interesadas no servizo”, critican.
Servizos mínimos abusivos
Ante a falta de perspectivas, as traballadoras/es decidiron convocar folga indefinida mentres non se produce a rescisión dos seus contratos. “Quedamos sen servizo e sen empregos”, lamentan. Para a CIG a solución está clara: “O Concello ten que negociar xa para buscar unha empresa que se faga cargo do servizo ou senón que asuma a xestión do servizo”.
Finalmente, os servizos mínimos decretados polo Goberno local foron denunciados pola CIG ao consideralos abusivos, xa que eran do 100%. O Xulgado deulle a razón á central, polo que o servizo reducirase durante a folga un 80% con respecto a un día normal.