Folga indefinida no Diario de Pontevedra por unha suba salarial digna tras sete anos cos soldos conxelados
O cadro de persoal do Diario de Pontevedra vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro 22 de decembro para reclamar un convenio xusto e unha suba salarial digna tras sete anos cos soldos conxelados. Antes, este mércores día 30, desenvolverán unha concentración, mentres que para o 14 de decembro teñen previsto percorrer as rúas da cidade en manifestación.
Tanto o paro como as mobilizacións contan co apoio da CIG e da UGT, os dous sindicatos con representación no Diario de Pontevedra, cabeceira que fai parte do grupo El Progreso. A primeira delas terá lugar este mércores 30 de novembro, cunha concentración no entronque entre as rúas Lepanto e Benito Corbal de 11:00 a 12:00 horas. A segunda desenvolverase o 14 de decembro e consistirá nunha manifestación polo centro da cidade a partir das 20:00 horas.
Con esta campaña de protestas preténdese forzar a empresa a retomar unhas negociacións do convenio que suspendeu de forma unilateral tras meses de reunións e despois de trasladar a súa última oferta á parte social, na que contempla unha suba media do 1,1% para 2022, sen ter en conta os sete anos seguidos de conxelación salarial. “Esta proposta é insuficiente e inxustificada para o cadro de persoal”, sinalan dende a representación sindical.
Diante disto, as traballadoras/es decidiron en asemblea apoiar o calendario de protestas para reclamarlle á dirección unha mellora das súas condicións económicas e laborais. “Os salarios non se actualizan dende 2015, o que supón unha perda de poder adquisitivo que supera o 18% tras as distintas subas do IPC; a actual inflación coloca as empregadas/os nunha situación límite en moitos casos”, explican.
Sobreesforzo durante a pandemia
Ademais da conxelación de nóminas, o persoal do Diario viuse afectado por un ERTE durante a pandemia, que se iniciou en 2020. “Este expediente xerou un quebranto non só económico, senón tamén organizativo, cun sobreesforzo durante a covid para dar cobertura informativa a todo o que acontecía na cidade e nas comarcas, sen que o produto se vise resentido”.
O ERTE aplicouse a pesar de que o sector foi declarado de primeira necesidade polo Goberno español durante a crise sanitaria. “Mais este traballo extra nin se gratificou, nin se compensou, nin se agradeceu; por contra, as traballadoras/es viron reducida a súa bolsa de paro e sufriron o agravio comparativo doutras empresas do sector, que evitaron aplicar medidas como esta regulación”.
Finalmente, dende o cadro de persoal do Diario de Pontevedra queren trasladar publicamente o compromiso cos seus lectores/as e coa cidade, coa que a cabeceira está historicamente ligada. Tamén reclaman o apoio das “forzas vivas” de Pontevedra ás súas reivindicacións. “Hoxe son as traballadoras/es do xornal decano da Boa Vila as que queren ser escoitadas/os e as que precisan o respaldo social”.