Folga indefinida nas ITV galegas, a partir do 16 de setembro, se non se avanza na negociación
Traballadores e traballadoras das ITV galegas concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta, en Compostela, coincidindo coa quinta xornada de folga, para reclamar avances na negociación do convenio e que a administración lles dea acceso ao prego de condicións. No decurso da mobilización anunciaron que se non hai novas xuntanzas e se atenden ás súas reivindicacións irán á folga a partir do 16 de setembro.
Segundo explicou Rodrigo González Fragueiro, presidente do comité da provincia de Pontevedra e representante da CIG, o obxectivo desta concentración é presionar á Xunta para que se lles explique por que non está colgado, no Portal de Transparencia da Xunta, o prego de condicións. “Intentámolo conseguir por varias vías, mais non fomos capaces, denunciámolo e por iso agora estamos aquí”.
Para o persoal das ITV é importante coñecer o contido dos pregos porque para a negociación do convenio, unha das súas reivindicacións é non traballar os sábados. Demanda que a empresa rexeita e que afirma que non se poden atender so pretexto de que isto figura nas condicións da concesión.
Resulta ademais rechamante que se descoñezan os termos do contrato coa concesionaria dos servizos de Inspección Técnica de Vehículos (ITV), SyC Applus, cando este foi asinado hai xa 37 anos, en 1987 e que, tal e como indicou Rodríguez Fragueiro, “nunca foi amosado”.
Plus por quenda rotatoria
Xunto á demanda relativa á xornada, reclaman tamén melloras salariais e unha equiparación no plus por quenda rotatoria, porque “hai entre 160 e 170 euros de diferenza entre uns colectivos e outros”, explicou González Fragueiro.
A este respecto, o presidente do comité de Pontevedra declarou que esa diferenza pode chegar a supor entre 7.000 e 8.000 euros anuais de diferenza entre os distintos colectivos, cando todos teñen quendas rotatorias. “Todos estamos unha semana de mañá e outra de tarde, porén na oficina cóbrase un plus de 70€, os inspectores cobran 160€ e os xefes de liña 215€. Non nos parece xusto que haxa esa diferenza”.
A negociación está estancada desde a última xuntanza, sen que se producira ningún tipo de achegamento e, diante desta situación, xa teñen convocada folga indefinida a partir do día 16 de setembro. Non poden entender que unha empresa que leva todas as ITV galegas, as de moitas comunidades autónomas no Estado e en máis de 70 países do mundo, con máis de 25 millóns de euros de beneficios só en Galiza, sexa incapaz de acordar melloras laborais e salariais no novo convenio.
Hai aproximadamente un mes concentráronse diante do Parlamento de Galiza para solicitar xuntanzas cos grupos parlamentares. Onte mesmo unha representación do persoal foi recibida polos grupos do BNG e do PSOE. Porén “o PP non nos atendeu”.
Con todo, agardan que se produza un achegamento nos próximos días para non ter que chegar á folga pero, de momento, non o ven moi claro. “Se houbera algún tipo de encontro a semana que vén, levariamos a proposta da empresa á asemblea de traballadores, pero non hai ningunha reunión convocada”.