Folga na limpeza de contedores de Stellantis pola intención da contrata de precarizar as condicións laborais
O comité de empresa Grupo Urbano Bernabé, contrata de Stellantis Vigo que se encarga da limpeza e do estibado dos contedores e dos embalaxes baleiro da fábrica, anunciou hoxe o inicio dunha folga indefinida partir do 3 de outubro para rexeitar os plans da compañía de precarizar as condicións de traballo. Segundo denuncian, a dirección pretende substituír de xeito unilateral o actual convenio provincial de limpeza de Pontevedra polo de Transporte de Mercadorías por Estrada, co conseguinte prexuízo económico, social e de estabilidade laboral para os arredor de 60 traballadores.
Responsábeis das tres centrais con representación na empresa -CIG, CGT e UGT- compareceron hoxe en rolda de prensa diante das instalacións de Stellantis para detallar que o paro indefinido dará comezo ás 6:00 horas do vindeiro luns como único xeito de intentar evitar que a empresa deixe o cadro de persoal sen o convenio que regula as súas condicións laborais dende a externalización do servizo en 1987.
En virtude deste convenio, o de Limpeza da provincia de Pontevedra, as distintas empresas concesionarias do servizo ao longo destes anos estaban obrigadas a subrogar os traballadores/as e as súas condicións laborais, algo que non sucederá se Urbano Bernabé pasa a aplicar o de Transporte de Mercadorías por Estrada; un convenio que ademais “nada ten que ver coas labores que realizar o persoal da empresa”, polo que para as centrais sindicais está moi claro que o que pretende a dirección é precarizar as condicións laborais.
Máis recortes, abusos e incumprimentos
De feito, censuran que dende que este grupo empresarial se fixo cargo do servizo os recortes que se veñen sucedendo dende hai anos – con externalización de labores a outras empresas con condicións laborais máis precarias- non fixeron máis que multiplicarse, ao tempo que aumentaron tamén os abusos e os incumprimentos.
Por iso, despois de meses de mobilizacións, de numerosas denuncias diante da Inspección de Traballo e de intentos infrutuosos de manter unha xuntanza con Stellantis -responsábel última do servizo-, “os traballadores/as vense na obriga de iniciar unha folga indefinida en defensa das súas condicións de traballo”.