Folga indefinida en Carsa de Vilagarcía tras a decisión da empresa de despedir 15 traballadores fixos
O cadro de persoal Castro Carrocera SA (Carsa), do grupo Castrosúa, decidiu hoxe en asemblea convocar folga indefinida nos vindeiros días tras a decisión da empresa de despedir de xeito unilateral 15 traballadores fixos, despois da rescisión de contrato aplicada a 56 eventuais o pasado 31 de outubro. A produción estivo paralizada na quenda de mañá, mais retomouse na de tarde á espera de formalizar a convocatoria de folga.
Os empregados/as da quenda de mañá decidiron paralizar a produción nada máis coñecer a decisión da empresa, que non lle foi comunicada ao comité, presidido pola CIG, así como tampouco os nomes dos afectados nin os motivos que xustifican os despidos. Ademais, as rescisións de contrato prodúcense no marco das xuntanzas informais que a representación sindical mantiña coa dirección para abordar os axustes de produción cos que facerlle fronte aos efectos que a pandemia está a provocar nos pedidos.
Neste contexto, a primeira medida que toma a empresa é desfacerse do persoal eventual. Dende o comité trasladáranlle que os axustes non podían afectar aos traballadores/as fixos/as, aínda que a dirección asegurou que contemplaba desfacerse de parte do cadro de persoal.
Pero a sorpresa produciuse hoxe, cando Carsa chamou a empregados/as en IT ou que estaban na casa para entregarlles as cartas de despido, decisión que adoptou sen comunicarlla ao comité.
Mala fe empresarial
“A mala fe coa que actúa a empresa está clara, xa que optan por despedir nun número inferior ao 10% do cadro de persoal -integrado por 165 persoas- para non ter que negociar un despido colectivo”, sinalan dende a CIG-Industria. Por iso os traballadores/as da quenda de mañá tomaron a decisión de convocar unha asemblea permanente e paralizar a produción ata que a empresa lles dese unha explicación.
Xa pola tarde, tras o cambio de quenda, celebraron unha nova asemblea na que optaron por volver ao traballo e convocar folga indefinida, que formalizarán nos vindeiros días.
Os problemas que atravesa Carsa, que conta con outro centro de traballo en Santiago, terían que ver co incumprimento dos compromisos adquiridos por administracións autonómicas e locais coa compañía como consecuencia da falta de liberación de fondos por parte do Goberno central.