O comité de empresa de BorgWarner (10 representantes da CIG, 6 da UGT 6, 2 da CGT, 2 da USO e 1 de CCOO) convoca folga indefinida a partir do 1 de xullo contra os incumprimentos do convenio colectivo e a vulneración do dereito a información e consulta da representación legal das persoas traballadoras. O persoal da empresa de automoción con centros de traballo en Vigo, O Porriño e Nigrán desenvolveu hoxe ao mediodía unha concentración diante das instalacións da empresa en Zamáns.
Dende o comité denuncian que a dirección de BorgWarner leva 10 meses incumprindo sistematicamente varios aspectos do convenio, incluso os acordos de mediación do AGA derivados das dúas folgas convocadas en outubro de 2025 e marzo de 2026.
Neste tempo estase a dar unha situación “nunca vista” na empresa, como é o “desprezo total” desta dirección pola normativa laboral. “Esta deriva non ten límites, chegando a vulnerar o dereito a información e consulta dos representantes das persoas traballadoras, “como no caso do traslado de 180 compañeiros e compañeiras do centro tecnolóxico de Zamáns ao novo centro de traballo en Porto do Molle, en Nigrán”.
Un novo centro que contou cunha subvención de cinco millóns de euros de diñeiro público e que os medios de comunicación vincularon coa creación de novos postos de traballo indefinidos. “Mais a día de hoxe non hai nada diso, xa que todas as persoas que van traballar nel posúen contrato indefinido con BorgWarner dende hai meses e incluso anos, polo que non se contempla a creación de novos empregos indefinidos”.
Vacacións do persoal eventual
Outros puntos de incumprimento do convenio colectivo teñen que ver co dereito de vacacións para o persoal eventual “a pesar de ter un calendario laboral asinado dende decembro, incumprindo o prazo de publicación do goce das mesmas nos tempos marcados polo convenio colectivo e sendo a primeira vez que acontece na historia desta fábrica, algo que ten moito que ver coa xestión e o desprezo coa que actúa a dirección”.
O paro indefinido dará comezo o vindeiro mércores 1 de xullo ás 6:00 horas
Tamén se incumpre a obriga do acceso ao rexistro diario de xornada, malia p acordado no convenio e a mediacións no AGA. Ademais, a empresa négase a aplicar o procedemento interno de reclamacións de categorías e absorbe conceptos salariais pactados e complementos de posto cando se promociona a unha categoría superior, incumprindo o acordado na mediación do AGA.
En canto aos permisos de libre disposición, a actuación por parte da compañía “é moi grave” ao rexeitar sistematicamente os días de asuntos propios e de non absentismo, “cando o único que se require é avisar previamente mediante formulario por escrito con sete días de antelación”.
Por todo iso, o comité apostou pola convocatoria dunha concentración este mediodía diante das instalacións de Zamáns e por unha folga indefinida a partir do 1 de xullo en resposta ao xeito de actuar dunha dirección “que leva meses desprezando os acordos, a legalidade e os dereitos2 das persoas traballadoras de BorgWarner. “Facemos un chamamento á unidade de todo o cadro de persoal na defensa dos dereitos adquiridos, que pretenden usurparnos por avaricia e desprezo logo do esforzo realizado conxuntamente durante anos”.