Folga indefinida en Ambulancias Civera para reclamar o pago íntegro do salario de decembro
O persoal de Ambulancias Civera, concesionaria do transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios nas áreas de Pontevedra e do Salnés, comunicou hoxe a convocatoria de folga indefinida a partir das 00:00 horas do vindeiro martes 17 para reclamar o pagamento íntegro dos salarios do mes de decembro, xa que polo de agora percibiron unicamente unha parte. O cadro de persoal pechárase o xoves pasado no hospital Montecelo para forzar unha xuntanza co xerente da área sanitaria, que se comprometera a poñerse en contacto coa compañía para esixirlle que liquidase a débeda de xeito inmediato.
Mais transcorridos catro días dende a mobilización os traballadores/as aínda non cobraron nin recibiron notificación algunha sobre a data na que poderán facelo, polo que decidiron convocar un paro indefinido para denunciar tamén os graves incumprimentos de Ambulancias Civera a respecto do convenio colectivo e das condicións sanitarias.
Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra lembran que o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés comprometeuse, José Flores, comprometérase a dirixirse ao empresario para que procedese a saldar a débeda contraída cos traballadores/as de xeito inmediato, xa que o impago dos salarios constitúe un incumprimento moi grave dos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo.
O contido da reunión con Flores -na que participaron os cinco delegados/as do comité, da CIG, e o propio Aboi- foi abordado ao remate do encontro nunha asemblea que se celebrou pouco antes das 14:00 horas ás portas de Montecelo, na que os traballadores/as decidiron continuar coas mobilizacións até que non perciban a nómina completa, incluíndo a posibilidade de convocar a folga que agora se fixo efectiva e á que están chamados os arredor de 90 empregados/as.
Rescate da concesión
O impago de salarios é o último dos moitos incumprimentos da empresa dende que se fixo cargo do concurso, tal e como veñen denunciando dende hai tempo dende o comité, até o punto de ter solicitado publicamente o rescate da concesión por parte do Sergas.
De feito, a representación sindical compareceu en rolda de prensa o pasado 24 de novembro para denunciar tamén o deterioro das condicións laborais dende que hai ano e medio a Xerencia da área sanitaria sacou un concurso público deficitario contratando a esta empresa dirixida dende Valencia. O concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos respecto do anterior, sendo o único deficitario.
“A pesar disto a Xerencia licitou e contratou á actual concesionaria, influíndo negativamente na asistencia a doentes, con esperas interminábeis nos seus tratamentos, e supoñendo un grave prexuízo para os traballadores/as.”.