Folga indefinida e protestas pola vaga de despidos e a represión sindical na compañía viguesa Metalships
Os traballadores/as de Metalships están a levar a cabo unha campaña de mobilizacións -que inclúe folga indefinida- contra a vaga de despedimentos e a represión sindical na compañía viguesa do sector naval, que até o de agora rescindiulle o contrato a nove persoas, tres delas integrantes do comité de empresa. O cadro de persoal desenvolveu hoxe unha manifestación dende as instalacións de Teis até a sede do Círculo de Empresarios de Galiza, entidade que preside o propietario de Metalships, Manuel Rodríguez.
As instalacións do estaleiro permanecen sen actividade dende o pasado luns, coincidindo co inicio do paro indefinido convocado para rexeitar os sete últimos despidos, que tiveron lugar o pasado 18 de agosto.
Nesta ocasión a compañía desmantelou a sección de tubeiros ao completo, curiosamente na que traballaban dous membros do comité, que ademais se atopaba negociando o convenio colectivo e o plan de igualdade. A representación sindical xa se vira afectada anteriormente co despido do propio presidente, que tivo que abandonar a empresa canda outro traballador. Deste xeito, dos cinco membros do comité queda unicamente dous.
Para a CIG-Industria este xeito de actuar da dirección responde a unha política laboral baseada na persecución sindical e no adelgazamento do cadro de persoal co obxectivo de precarizar as condicións de traballo. “Política que sa foi aplicada anteriormente en estaleiros como Barreras ou Vulcano, nos que se optou tamén por despedir a representantes sindicais”, sinalan dende a central.
Ao igual que naquelas ocasións, esta nova vaga represiva está a ser contestada polo cadro de persoal con contundencia, coa convocatoria dunha folga indefinida que secunda a totalidade dos traballadores/as e que mantén paralizada a actividade na empresa, xa que as compañías auxiliares tampouco están a traballar.
E tamén con distintas mobilizacións, tanto ás portas das instalacións de Teis como coa manifestación que hoxe tivo lugar até a sede do Círculo de Empresarios de Galiza, entidade que preside o propietario de Metalships, Manuel Rodríguez.