Folga en Unísono Vigo en demanda de melloras laborais e para rematar coa “presión asfixiante” sobre o persoal

O comité de empresa do centro de chamadas, que hoxe desenvolveu concentracións diante da empresa, convoca un día de paro de 24 horas para este mércores 15
Vigo - 14 Abr 2026

O comité de empresa de Unísono Vigo ten convocada unha xornada de folga este mércores 15 de abril para reclamar unha serie de melloras laborais e para rematar coa “presión asfixiante” á que está sometido o persoal, que hoxe aproveitou para desenvolver concentracións diante dos distintos centros de traballo da cidade de 11:00 a 12:00 horas.

Dende a representación sindical denuncian a “nefasta política laboral” que a dirección do centro de chamadas está a aplicar nos últimos meses, e que fai necesaria unha mellora “urxente” do clima de traballo poñendo fin á presión mediante o “respecto estrito” do tempo entre chamadas e tras as chamadas. “Non se poden permitir interferencias mentres atendemos os clientes, nin a presión desmedida por parte dos mandos. Tampouco se pode tolerar a xestión de quendas que imposibilita a correcta organización”, censuran dende a representación da CIG en Unísono.

Neste senso, critican que a reestruturación do departamento de quendas, que deixou de xestionarse dende Vigo para pasar a un modelo global dentro de Unísono, está a provocar unha maior presión para o persoal de quendas de Vigo e unha xestión deficiente das quendas e das reclamacións presentadas a través da plataforma Creatio.

“Isto tradúcese en que compañeiros e compañeiras teñan que traballar moitos máis fins de semana e festivos sen telo solicitado; e na imposición de descansos semanais separados para facilitar a organización da empresa e evitar novas contratacións; descansos semanais que, ademais, cando cadran en festivo a empresa négase a compensalo, a pesar das sentenzas do Tribunal Supremo que avalan este dereito”.

Constantes erros nas nóminas

Ao que hai que sumar a “situación insostible” das nóminas: erros constantes mes tras mes, descontos inxustificados, incentivos non abonados e conceptos mal calculados. “Polo que solicitamos que as reclamacións sexan xestionadas directamente co departamento de Relacións Laborais e que as respostas sexan razoadas, pero tras varias xuntanzas só obtivemos evasivas”.

Coas medidas de presión anunciadas tamén se demanda unha formación continua “real e presencial”, porque a formación “non pode limitarse a unha lectura rápida de novidades ao entrar ao posto”. En consecuencia, o persoal esixe tempo efectivo para a lectura de novidades dentro da xornada; formacións de reforzo de calidade; e reunións presenciais dos equipos para fomentar a cohesión e resolver dúbidas, “fuxindo de parches dixitais”.

Que se valore así mesmo a experiencia laboral, recoñecendo a antigüidade de todo o persoal indefinido e abonando o plus de polivalencia a quen asume diversas tarefas e habilidades. E se dote as persoas traballadoras do material básico e as ferramentas axeitadas para desenvolver as súas funcións, xa que na actualidade carecen por exemplo de regretas, elevadores de pantalla, teclados, ratos, etc. Por último, reclaman medidas para garantir a seguridade nas zonas comúns, poñendo fin aos roubos mediante a provisión de taquillas seguras e suficientes para todo o persoal.