Folga en todas as instalacións de Iberdrola por unha suba de soldos digna tras 11 anos cos salarios case conxelados

A CIG e a central vasca ELA convocan un paro de 24 horas en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa o 29 de maio polo bloqueo das negociacións do convenio
Nacional - 23 Abr 2026

A CIG e a central vasca ELA veñen de anunciar a convocatoria dunha xornada de folga en todas as instalacións de Iberdrola en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa o vindeiro 29 de maio para reclamar unha suba de soldos digna tras 11 anos cos salarios practicamente conxelados. Os sindicatos, que desenvolverán mobilizacións tanto antes da folga como o propio día, reclaman cando menos unha actualización a IPC, pero a dirección ofrece como moito un 1,5%, sempre e cando se cumpran os máximos beneficios económicos establecidos na súa proposta.

Dende a CIG denuncian o “nulo avance” das negociacións do convenio durante os últimos 16 meses polo inmobilismo dunha empresa que bate récords de beneficios ano tras ano e pola “inacción” dos sindicatos estatais, “que rexeitan a convocatoria da folga”. A convocatoria coincidirá coa celebración da xunta xeral de accionistas de Iberdrola en Bilbo, que o persoal aproveitará para desenvolver unha concentración diante da sede da empresa. 

O sábado anterior á folga (23 de maio) hai convocada unha manifestación polas rúas do Barco de Valdeorras

“Está previsto que ese día a dirección reparta bonus por valor de 400 millóns de euros, cando nós levamos 11 anos cunha suba salarial do 0,7%”, censuran dende a representación da CIG na compañía eléctrica. Para o actual convenio, a oferta empresarial contempla que se se acadan o 100% dos resultados marcados pola compañía fíxase un tope de suba salarial do 1,5%, e se non se conseguen o incremento sería do 0,5%. Mentres que se se supera nun 20% o establecido por Iberdrola o tope sería dun 3%, “cando o IPC este ano xa está no 3,4%”. En todos os casos suporía, polo tanto, perda de poder adquisitivo e empobrecemento do persoal “a pesar de que os beneficios serían milmillonarios”.

Ao mesmo tempo, para o sábado anterior á folga (23 de maio) hai convocada unha manifestación polas rúas do Barco de Valdeorras. E tamén está previsto celebrar asembleas informativas na comarca de Valdeorras, Ourense e Monforte.

Perda de poder adquisitivo

Dende a parte social lembran que Iberdrola obtivo un beneficio neto de 25.000 millóns dende a firma do último convenio colectivo, “e segundo as estimacións da propia empresa o récord de ganancias anual seguirase batendo no futuro”. Pola contra, o cadro de persoal, perdeu nese mesmo período un 20% de poder adquisitivo, mais tamén os trienios e a segunda tarifa de persoa empregada para o persoal xubilado.

“Non estamos pedindo nada esaxerado, reclamamos recuperar o poder adquisitivo perdido e unha suba salarial ligada ao IPC real; e os datos económicos que a propia empresa facilita din que a suba salarial que solicitamos é perfectamente asumible e non pon en risco a viabilidade nin os resultados da compañía”. Polo que fan un chamamento a participar nas mobilizacións e na folga que en Galiza afectará as 29 instalacións que Iberdrola ten no noso país, entre centrais hidroeléctricas, subestacións, parques eólicos ou a propia sede da compañía na Rúa de Valdeorras.