Folga en Carglass na provincia de Pontevedra pola modificación das condicións de traballo

O persoal da empresa de reparación de parabrisas aproveitará a xornada do 3 de abril para desenvolver unha protesta diante do TSXG na Coruña
Vigo/Pontevedra - 27 Mar 2025

A CIG-Servizos vén de convocar unha xornada de folga en todos os talleres de Carglass na provincia de Pontevedra o próximo 3 de abril para rexeitar a modificación substancial das condicións laborais, as xornadas irregulares, as deficiencias en saúde laboral e a excesiva carga de traballo e ante a negativa da dirección a abordar estas e outras cuestións coa representación legal das persoas traballadoras.

O cadro de persoal da empresa de reparación de parabrisas aproveitará ese día para desenvolver unha concentración diante da sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na Coruña ás 9:45 horas, coincidindo co procedemento xudicial iniciado meses atrás contra a imposición da compañía de pasar a traballar de 12 a 22 sábados ao ano. Dende a representación da CIG en Carglass denuncian que ano tras ano a compañía “modifica as condicións laborais ao seu antollo, limitando os nosos dereitos e reducindo o tempo para estar coas nosas familias e amizades”. 

A CIG presentou denuncia contra a imposición da empresa de pasar de traballar 12 a 22 sábados ao ano

Ao mesmo tempo, a central aproveitará a convocatoria para chamar a atención os numerosos incumprimentos en materia de saúde laboral, que xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo. “Estas deficiencias que foron constatadas e verificadas, mais a empresa mantén unha actitude pasiva e opta unicamente por parches no canto de por solucións reais”. Con todo, nos vindeiros días volverán trasladarlle estes incumprimentos á autoridade laboral.

Outra das problemáticas que padece o persoal de Carglass ten que ver cuns ritmos de traballo cada vez máis excesivos, até o punto de que non conta co tempo necesario para realizar as reparacións que precisa cada vehículo. “Agora pretenden que realicemos as nosas funcións sumando minutos soltos de diferentes persoas traballadoras, pero nin sequera se respectan os tempos de secado ou calibración”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.