Folga en Ambulancias Civera, concesionaria do transporte programado en Pontevedra-O Salnés, ante os graves incumprimentos da empresa
O comité de empresa de Ambulancias Civera (5 delegados/as da CIG), concesionaria do servizo de transporte sanitario programado e de traslados intrahospitalarios das áreas de Pontevedra-O Salnés, anunciou hoxe a convocatoria de catro xornadas de folga para os días 5, 7, 19 e 21 de abril ante os graves incumprimentos da empresa no que ten que ver prego do concurso e coas condicións laborais. No caso de que o Sergas non interveña para solucionar o conflito o paro pasará a ser indefinido a partir do vindeiro 1 de maio.
Así o explicou esta mañá en rolda de prensa o responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, quen cualificou o servizo de “auténtico caos” dende que a empresa valenciana Ambulancias Civera asumiu a súa xestión o 1 de abril do ano pasado. Vehículos sen homologar e sen pasar a ITV, roupa de traballo que incumpre o prego de condicións e que os propios/as traballadores/as teñen que lavar na súa casa, acumulación de EPI contaminados na base, falta de material, erros de coordinación dos servizos ou non cobertura de baixas son algúns dos problemas que enumerou o responsábel sindical durante a súa intervención.
Outras das cuestións sobre as que fixo fincapé teñen que ver co estado na que se atopa a base na que o persoal ten que facer as gardas, que conta cunha soa ducha para 77 traballadores/as, carece de neveira, de microondas e de lavadoiro para a louza. Tampouco hai produtos de hixiene persoal nin taquillas para todos/as os empregados/as.“E todo isto co coñecemento da EOXI de Pontevedra-O Salnés e da Inspección de Traballo, que miran cara a outro lado”, censurou Aboi.
Máis grave aínda son as importantes eivas que padece o servizo pola falta de cobertura das baixas do persoal -o que deixa vehículos sen utilizar, “como sucedeu en plena pandemia mesmo con UVI móbiles- e polo descoñecemento da empresa do territorio onde opera. Ademais, a coordinación durante a fin de semana faise dende Valencia e a empresa utiliza un programa de baixo custo para ter localizadas as ambulancias, “o que xera un auténtico descontrol”.
Servizo colapsado
Estas cuestións foron tratadas coa empresa, chegándose a un acordo para solucionalas, “mais da noite para a mañá botáronse atrás”. As partes acordaran por exemplo reducir as horas presenciais para que a xornada laboral fase a que marca o convenio, de xeito que empresa tivese que contratar máis persoal, “pero despois dixeron que até o ano que vén nada”.
Ademais, o responsábel sindical sinala que o convenio establece que como mínimo un 90% do persoal ten que ser fixo, polo que se pactou que a medida que foran rematando os contratos os traballadores/as irían quedando progresivamente na empresa nesta condición, algo que Ambulancias Civera tampouco quere cumprir agora. “En consecuencia, este mes seis persoas van quedar na rúa, e até final de ano serán un total de 25”.
Po todo isto, o cadro de persoal decidiu convocar unha folga “da que non só é responsábel a empresa, senón tamén o Sergas, que é o encargado de velar polo cumprimento dos contratos e do servizo que presta aos cidadáns”. Deste xeito, o organismo público ten unha semana para solucionar unha problemática que está a provocar o colapso do servizo, como aconteceu no día de onte, “mentres que hoxe hai na rúa menos vehículos dos que marca o prego de condicións do concurso”.