Folga e protestas do persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social ante as carencias que ameazan con facela colapsar
Os sindicatos con representación na Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS), entre eles a CIG-Administración, convocan concentracións en todos os centros do Estado o vindeiro 22 de marzo para denunciar que tras oito meses o Goberno segue a incumprir o acordo do pasado 7 de xullo que recollía unha serie de medidas para salvar o funcionamento deste organismo. Ademais, os cadros de persoal están chamados a unha primeira xornada de folga o 30 de marzo.
Dende as centrais lembran que a ITSS sofre unha acumulación de carencias e de problemáticas que poñen a súa actividade ao bordo do fracaso. “Non conta co persoal necesario nin cos recursos técnicos e materiais fundamentais; tampouco existe un recoñecemento ao esforzo do seu persoal, que é o que salvou o funcionamento desta institución nos últimos anos”.
Como primeira medida de protesta antes da folga desenvolveranse concentracións diante de cada unha das sedes provinciais da ITSS entre as 12:00 e as 12:30 horas, aínda que nas illas Canarias o horario será de 11:00 a 11:30 horas para facelo coincidente coa acción no ámbito peninsular.
Aínda que as organizacións convocantes mantiveron unha posición “excepcionalmente moderada” á hora de esixir a aplicación dun acordo que xa leva oito meses de atraso “chegouse a un punto no que só pode concluírse a vontade do Goberno de incumprir o pacto e provocar o completo abandono do organismo e do seu persoal”.
Por iso os sindicatos entenden que non poden permanecer en silencio cando, por unha banda, o Ministerio e outros órganos deste Goberno enxalzan o papel da ITSS e o traballo que desde esta institución debe abordarse no futuro, mais pola outra “esquécense de reforzala e desprezan as medidas esenciais que se acordaron como primeiro paso para superar as carencias existentes neste organismo”.
A calidade do servizo, en risco
Aínda máis sorprendente é para as centrais a “debilidade” dos máximos responsábeis do Ministerio de Traballo e Economía Social, “que renuncian a defender un acordo que foi subscrito por eles/as, avalado pola propia ministra, e que responde a un diagnóstico compartido para buscar as solucións necesarias na Inspección de Traballo e Economía Social que debese servir para construír a institución necesaria neste século XXI”.
Finalmente, recoñecen que iniciar un conflito na ITSS pode ter consecuencias que afecten á cidadanía, “mais non está na nosa vontade propiciar unha deterioración aínda maior do noso organismo; pero sería moito máis perigoso transixir e manternos en silencio ante decisións políticas que propician unha situación que no seu desenvolvemento futuro pon en risco o papel e a calidade deste servizo”.