FMI, BRICS+ e a economía capitalista mundial

Michael Roberts - 25 Out 2024

A diferenza do G7, que ten obxectivos económicos cada vez máis homoxéneos baixo o firme control hexemónico dos Estados Unidos, o grupo BRICS é dispar en riqueza e ingresos e non ten obxectivos económicos unificados, excepto talvez tratar de se afastar do dominio económico dos Estados Unidos e, en particular, do dólar estadounidense

 Esta semana celébrase en Washington (EUA) a reunión semestral do FMI e o Banco Mundial. Ao mesmo tempo, en Kazán (Rusia) reúnese o grupo BRICS+. A coincidencia destes dous encontros resume como vai a economía mundial en 2024.

 Despois da Segunda Guerra Mundial, o FMI e o Banco Mundial convertéronse nos principais organismos de cooperación e acción internacionais na economía mundial. Eran institucións que xurdiron do acordo de Bretton Woods de 1944, que estabeleceu a futura orde económica mundial que se ía conformar ao final da Segunda Guerra Mundial. Nese momento, o daquela presidente estadounidense Franklin Roosevelt pronunciou estas palabras proféticas: “O momento histórico en que nos vemos está cheo de promesas e de perigos. O mundo avanzará cara á unidade e unha prosperidade amplamente compartida ou desintegrarase en bloques económicos necesariamente competitivos”.

 Roosevelt referíase á división entre os Estados Unidos e os seus aliados e a Unión Soviética. Esa «guerra fría» chegou á súa fin co colapso desta última en 1990. Pero agora, 35 anos despois, as palabras de Roosevelt teñen un novo contexto: entre os Estados Unidos e os seus aliados e un bloque emerxente de nacións do «Sur Global».

 A orde económica mundial acordada en Bretton Woods establecérona os Estados Unidos como a potencia económica hexemónica do mundo. En 1945, era a maior nación manufactureira do mundo, tiña o sector financeiro máis importante, as forzas militares máis poderosas e dominaba o comercio e o investimento mundiais mediante o uso internacional do dólar.

 John Maynard Keynes estivo moi involucrado no acordo de Bretton Woods. Comentou que a súa “idea previsora dunha nova institución para equilibrar de maneira máis equitativa os intereses dos países acredores e debedores foi rexeitada”. O biógrafo de Keynes, Robert Skidelsky, resumiu o resultado: “Naturalmente, os estadounidenses saíron coa súa debido ao seu poder económico. Gran Bretaña renunciou ao seu dereito a controlar as moedas do seu antigo imperio, cuxas economías agora estaban baixo o control do dólar, non da libra esterlina”. A cambio, “os británicos obtiveron crédito para sobrevivir, pero con xuros cobrados”. Keynes díxolle ao parlamento británico que o acordo non era “unha afirmación do poder estadounidense senón un compromiso razoábel entre dúas grandes nacións cos mesmos obxectivos: restaurar unha economía mundial liberal”. As outras nacións foron ignoradas, por suposto.

 Desde aquela, os Estados Unidos e os seus aliados europeos dominaron o FMI e o Banco Mundial, tanto no que respecta a persoal como a políticas. Malia algunhas reformas moi menores no seu sistema de votación e toma de decisións nos últimos 80 anos, o FMI segue a estar dirixido polo G7, o que practicamente non dá voz a outros países. Hai un total de 24 postos no directorio do FMI, e o Reino Unido, os Estados Unidos, Francia, Alemaña, Arabia Saudita, Xapón e China teñen cada un un posto individual, e os Estados Unidos teñen o poder de vetar calquera decisión importante.

 En canto á política económica, o FMI é se cadra máis coñecido pola imposición de «programas de axuste estrutural». Os empréstitos do FMI «concedéronse» a países con dificultades económicas coa condición de que aceptasen equilibrar os seus déficits, reducir o gasto público, abrir os seus mercados e privatizar sectores chave da economía. A política do FMI máis recomendada segue sendo a de recortar ou conxelar os salarios do sector público. E o FMI segue negándose a pedir impostos progresivos sobre os ingresos e a riqueza das persoas e corporacións máis ricas. En 2024, 54 países están agora nunha crise de débeda e moitos están a gastar máis no servizo da súa débeda que en financiar a educación ou a saúde. Algúns dos peores casos destacáronse neste blog.

 Os criterios do Banco Mundial para conceder empréstitos e axuda aos países máis pobres tamén se axustan á visión económica dominante de que o investimento público se realiza simplemente para alentar o sector privado a asumir a tarefa do investimento e o desenvolvemento. Os economistas do Banco Mundial ignoran o papel do investimento e a planificación estatais. En cambio, o Banco quere crear “mercados globalmente disputábeis, reducir as regulacións dos mercados de factores e produtos, desfacerse das empresas improdutivas, fortalecer a competencia e profundar os mercados de capital”.

 Kristalina Georgieva acaba de ser apoiada para un segundo mandato como directora do FMI, e agora fala de políticas económicas «inclusivas». Di que quere aumentar «a colaboración mundial e reducir a desigualdade económica». O FMI afirma que agora lle preocupan as consecuencias negativas da austeridade fiscal, e adoita citar como se debe protexer o gasto social dos recortes mediante condicións que estipulan niveis mínimos de gasto. Con todo, unha análise de Oxfam de dezasete programas recentes do FMI concluíu que, por cada dólar que o FMI alentaba a eses países a gastar en protección social, dicíalles que recortasen catro dólares mediante medidas de austeridade. A análise concluíu que os niveis mínimos de gasto social eran «profundamente inadecuados, inconsistentes, opacos e, en última instancia, errados».

 Até hai pouco, o FMI consideraba que un crecemento máis rápido dependía dunha maior produtividade, da libre circulación de capitais, da globalización do comercio internacional e da “liberalización” dos mercados, incluídos os de traballo (é dicir, do enfraquecemento dos dereitos laborais e dos sindicatos). A desigualdade non entraba en xogo. Esta era a fórmula neoliberal para o crecemento económico. Pero a experiencia da Gran Recesión de 2008-2009 e a caída pandémica de 2020 parecen dar unha lección aleccionadora á xerarquía económica do FMI. Agora a economía mundial sofre un “crecemento anémico”.

 O FMI está preocupado. Georgieva dixo que a razón pola que as principais economías están a experimentar unha desaceleración e un baixo crecemento do PIB real é a crecente desigualdade da riqueza e do ingreso: “Temos a obriga de corrixir o que estivo máis gravemente mal nos últimos 100 anos: a persistencia dunha alta desigualdade económica. As investigacións do FMI mostran que unha menor desigualdade de ingresos pode estar asociada a un crecemento maior e máis duradeiro”. O cambio climático, o aumento da desigualdade e a crecente “fragmentación” xeopolítica tamén ameazan a orde económica mundial e a estabilidade do tecido social do capitalismo. Por tanto, cómpre facer algo.

 Durante a Gran Depresión da década de 2010, a globalización fragmentouse en función de liñas xeopolíticas: en 2023 impuxéronse ao redor de 3.000 medidas restritivas do comercio, case o triplo que en 2019. Georgieva está preocupada: “A fragmentación xeoeconómica está a profundarse a medida que os países desprazan os fluxos comerciais e de capital. Os riscos climáticos están a aumentar e xa están a afectar o desempeño económico, desde a produtividade agrícola até a fiabilidade do transporte e a dispoñibilidade e o custo dos seguros. Estes riscos poden frear as rexións con maior potencial demográfico, como a África subsahariana”.

 Entrementres, as maiores taxas de xuros e os custos do servizo da débeda están a presionar os orzamentos gobernamentais, deixando menos espazo para que os países brinden servizos esenciais e invistan na xente e as infraestruturas.

 Georgieva quere un novo enfoque para o seu novo mandato de cinco anos. O anterior modelo neoliberal de crecemento e prosperidade debe ser substituído por un “crecemento inclusivo” que apunte a reducir as desigualdades e non só a impulsar o PIB real. As cuestións chave agora deberían ser “a inclusión, a sustentabilidade e a gobernanza global, cunha benvida énfase na erradicación da pobreza e a fame”.

 Pero poden realmente o FMI ou o Banco Mundial cambiar algo, mesmo se Georgieva o desexa, cando Estados Unidos e os seus aliados controlan estas institucións? As condicións dos empréstitos do FMI apenas cambiaron. Talvez haxa algún alivio da débeda (é dicir, algunha reestruturación dos empréstitos existentes), pero non hai cancelacións de débedas onerosas. En canto ás taxas de xuros destes empréstitos, o FMI en realidade impón taxas de penalización adicionais ocultas aos países moi pobres que non poden cumprir coas súas obrigas de pagamento. Despois dun crecente clamor contra estas penalizacións, estas taxas reducíronse recentemente (non se aboliron), o que reduce os custos para os debedores en (só) 1.200 millóns de dólares anuais.

 Christine Lagarde, directora do Banco Central Europeo (BCE), foi a anterior directora do FMI. A pasada primavera pronunciou un importante discurso de apertura ante o Consello de Relacións Exteriores de Estados Unidos en Nova York. Lagarde falou con nostalxia do período posterior aos anos 1990, tras o colapso da Unión Soviética, que supostamente anunciaba un novo período próspero de dominio global por parte dos Estados Unidos e a súa “alianza dos dispostos”. “No período posterior á Guerra Fría, o mundo beneficiouse dunha contorna xeopolítica notabelmente favorábel. Baixo o liderado hexemónico dos Estados Unidos, floreceron as institucións internacionais baseadas en regras e expandiuse o comercio global. Isto levou a un profundamento das cadeas de valor globais e, a medida que China se incorporaba á economía mundial, a un aumento masivo da oferta mundial de man de obra”.

 Eran os días da onda de globalización, con crecentes fluxos comerciais e de capital; o dominio das institucións de Bretton Woods, como o FMI e o Banco Mundial, que ditaban os termos do crédito; e, sobre todo, a expectativa de que China quedaría baixo o bloque imperialista despois de se unir á Organización Mundial do Comercio (OMC) en 2001.

 Con todo, non funcionou como se esperaba. A onda de globalización terminou abruptamente despois da Gran Recesión e China non se mostrou disposta a abrir a súa economía ás multinacionais occidentais. Iso obrigou os Estados Unidos a cambiar a súa política cara a China, pasando da de «compromiso» á de «contención», cada vez con maior intensidade nos últimos anos. E logo veu a renovada determinación de Estados Unidos e os seus satélites europeos de expandir o seu control cara ao leste e así asegurar  que Rusia fracasase no seu intento de exercer control sobre os seus países fronteirizos e debilitar permanentemente a Rusia como forza de oposición ao bloque imperialista. Isto conduciu á invasión rusa de Ucraína.

 Isto lévanos ao xurdimento do bloque de países BRICS. BRICS é o acrónimo de Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica, os membros orixinais. Agora, en Kazán, celebrarase a primeira reunión do BRICS-plus cos seus novos membros: Irán, Exipto, Etiopía, os Emiratos Árabes Unidos (e talvez Arabia Saudita).

 Na esquerda fálase moito con optimismo de que a aparición do grupo BRICS cambiará o equilibrio de forzas económicas e políticas a nivel mundial. É certo que os cinco países BRICS teñen agora un PIB combinado maior que o do G7 en termos de paridade de poder adquisitivo (unha medida do que o PIB pode comprar no país en bens e servizos), e se se suman os novos membros, a fenda faise aínda maior.

 Mais hai algunhas excepcións. En primeiro lugar, dentro dos BRICS, China é a que achega a maior parte do PIB do grupo (representa o 17,6% do PIB mundial), seguida a distancia pola India (7%); mentres que Rusia (3,1%), Brasil (2,4%) e Suráfrica (0,6%) xuntos representan apenas o 6,1% do PIB mundial. De xeito que non se trata dunha potencia económica igualmente compartida dentro dos BRICS. E cando medimos o PIB per capita, os BRICS non están en ningures. Incluso utilizando dólares internacionais axustados pola paridade de poder adquisitivo, o PIB per capita de Estados Unidos ascende a 80.035 dólares, máis de tres veces o de China, que ascende a 23.382 dólares.

 O grupo BRICS+ seguirá sendo unha forza económica moito máis pequena e débil que o bloque imperialista G7. Ademais, os BRICS son moi diversos en poboación, PIB per capita, xeografía e composición comercial. E as elites gobernantes destes países adoitan estar enfrontadas (China versus A India, Brasil versus Rusia, Irán versus Arabia Saudita). A diferenza do G7, que ten obxectivos económicos cada vez máis homoxéneos baixo o firme control hexemónico dos Estados Unidos, o grupo BRICS é dispar en riqueza e ingresos e non ten obxectivos económicos unificados, excepto talvez tratar de se afastar do dominio económico dos Estados Unidos e, en particular, do dólar estadounidense.

 E até ese obxectivo será difícil de alcanzar. Como sinalei en artigos anteriores, aínda que houbo un declive relativo do dominio económico de Estados Unidos a nivel mundial e do dólar, este último segue sendo a moeda máis importante con diferenza para o comercio, o investimento e as reservas nacionais. Aproximadamente a metade de todo o comercio mundial se factura en dólares e esta proporción apenas cambiou. O dólar estadounidense participou en case o 90% das transaccións cambiarias mundiais, o que o converte na moeda máis negociada no mercado cambiario. Aproximadamente a metade de todos os empréstitos transfronteirizos, os títulos de débeda internacionais e as facturas comerciais están denominados en dólares estadounidenses, mentres que aproximadamente o 40% das mensaxes SWIFT e o 60% das reservas mundiais de divisas están en dólares.

 O iuan chinés segue gañando terreo gradualmente e a participación do renminbi no volume de operacións cambiarias mundiais aumentou de menos do 1% hai 20 anos a máis do 7% na actualidade. Pero a moeda chinesa aínda representa só o 3% das reservas mundiais de divisas, fronte ao 1% en 2017. E China non parece cambiar a participación do dólar nas súas reservas nos últimos dez anos.

 John Ross formulou puntos similares na súa excelente análise da “desdolarización”. “En resumo, os países/empresas/institucións que se embarcan na desdolarización sofren, ou corren o risco de sufrir, custos e riscos significativos. En cambio, non hai beneficios inmediatos equivalentes por abandonar o dólar. Polo tanto, a gran maioría dos países/empresas/institucións non se desdolarizará a menos que se vexa obrigada a facelo. O dólar, por tanto, non pode ser substituído como unidade monetaria internacional sen un cambio total na situación internacional global para a cal aínda non existen as condicións internacionais obxectivas”.

 Ademais, as institucións multilaterais que poderían ser unha alternativa ao FMI e ao Banco Mundial (controlados polas economías imperialistas) aínda son pequenas e débiles. Por exemplo, está o Novo Banco de Desenvolvemento dos BRICS, creado en 2015 en Shanghái. O NBD está encabezado pola ex presidenta esquerdista de Brasil, Dilma Rousseff. Fálase moito de que o NBD pode proporcionar un polo oposto de crédito ás institucións imperialistas do FMI e o Banco Mundial, pero queda un longo camiño por percorrer para logralo. Un ex funcionario do Banco da Reserva Surafricana (SARB) comentou: “a idea de que as iniciativas dos BRICS, das cales a máis destacada até o de agora foi o NBD, suplantarán ás institucións financeiras multilaterais dominadas por Occidente é unha quimera”.

 Como dixo recentemente Patrick Bond: “O papel dos BRICS nas finanzas globais reflíctese non só no seu vigoroso apoio financeiro ao Fondo Monetario Internacional durante a década de 2010, senón máis recentemente na decisión do Novo Banco de Desenvolvemento dos BRICS –supostamente unha alternativa ao Banco Mundial– de conxelar a súa carteira rusa a principios de marzo, xa que pola contra non conservaría a súa cualificación crediticia occidental de AA+”. E Rusia é accionista do 20% do NDB.

 Os BRICS son un conxunto heteroxéneo de nacións con gobernos que non teñen unha perspectiva internacionalista, certamente non unha baseada no internacionalismo da clase traballadora, liderados como moitos deles por réximes autocráticos onde os traballadores teñen pouca ou ningunha voz; ou por gobernos aínda fortemente ligados aos intereses do bloque imperialista.

 Volvamos a Bretton Woods e á profecía de Roosevelt. Moitos keynesianos modernos sosteñen que o acordo de Bretton Woods é un dos grandes éxitos da política keynesiana na consecución do tipo de cooperación global que a economía mundial necesita para saír da súa actual depresión. O que se necesita, como ven, é que todas as principais economías do mundo se unan para elaborar un novo acordo sobre comercio e divisas con regras que aseguren que todos os países traballen polo ben global. Dous keynesianos do Partido Demócrata dos Estados Unidos estimaron recentemente que “nunca foi máis clara unha visión diferente do mundo. Isto revélase cunha ollada a calquera dos problemas da nosa era, desde o clima até a desigualdade e a exclusión social… Deseñar un novo marco económico global require unha conversación a escala global”.

 En efecto, é realmente posíbel que un mundo controlado por un bloque imperialista encabezado por un réxime cada vez máis proteccionista e militarista (con Trump no horizonte) poida resistirse a iso cunha amálgama de gobernos que adoitan explotar e reprimir os seus propios pobos? Nunha situación así, as esperanzas dunha nova orde mundial coordinada en materia de diñeiro, comercio e finanzas globais quedan descartadas. Un novo e xusto «Bretton Woods» non vai suceder no século XXI, ao contrario.

 Volvendo a Lagarde: “o factor máis importante que inflúe no uso internacional da moeda é a “fortaleza dos fundamentos”. Noutras palabras, por unha banda, a tendencia ao enfraquecemento das economías do bloque imperialista que se enfrontará a un crecemento moi lento e a recesións durante o resto desta década; e pola outro, a expansión continua de China e mesmo da India. Isto significa que o forte dominio militar e financeiro dos EUA e os seus aliados se apoia nas débiles patas dunha produtividade, investimento e rendibilidade relativamente pobres. Esa é unha receita para a fragmentación e o conflito globais.

_____________________________________________________________________________

Texto orixinal en: https://thenextrecession.wordpress.com/2024/10/20/imf-and-brics-no-return-to-bretton-woods/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 24 de outubro de 2024]