Flotadores para salvar a sanidade pública dos recortes do PP
A Comisión de Centro de Especializada do CHUAC, que convocaba a protesta, alertou da masificación, o incremento das listas de espera, o colapso dos servizos de urxencias, os peches de camas hospitalarias, a perda de postos de traballo ou contratación precaria de profesionais por días e incluso por horas, provocadas tras anos de recortes na sanidade pública.
Contra este deterioro deliberado, o órgano de representación chamou “a rescatar a sanidade pública, a salvala duns dirixentes políticos que non son quen de asumir as súas obrigas cos usuarios/as e cos/as profesionais”. Para visibilizar este rescate, as traballadoras e traballadores acudiron á protesta levando flotadores salvadores.
Co esta acción tamén se quere simbolizar o papel xogado polo persoal sanitario pois “diante do intento do PP de afogar a sanidade pública, as e os profesionais fomos e somos o seu ‘salvavidas’, xa que a calidade e capacidade asistencial só se mantén grazas ao noso esforzo continuado”.
Situación de emerxencia en moitas unidades
A presidenta da Comisión de Centro e Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, María Seijo, responsabilizou a Xerencia do abandono que padece o complexo hospitalario “e de conducires a moitas das unidades e servizos a unha situación de emerxencia debido a uns cadros de persoal tan escasos que fan imposíbel satisfacer as demandas e necesidades dos/as doentes”.
Nesta situación alarmante, sinalou, atópanse servizos e unidades como Neurocirurxía, Neuroloxía, Neumoloxía, Infecciosos ou Urxencias, os servizos de Farmacia, Laboratorios, Radioloxía ou Cociña, ou o Hospital de Oza.
Pola súa banda, censurou Seijo, a Xerencia rexeita calquera incremento de persoal, “ignorando os centos de peticións realizadas polos/as profesionais e o risco que para a saúde e seguridade dos doentes e do persoal supón manter a asistencia sanitaria nestas condicións de precariedade”.
Fronte a isto a Comisión de Centro do CHUAC criticou os anuncios de carácter propagandístico e con finalidade electoral aparecidos nas últimas semanas e esixiu que se incremente o persoal nas unidades deficitarias e se manteñan abertas todas as camas hospitalarias.