Finanzas versus industria

Antoni Soy - 31 Xan 2023

As catro décadas de políticas neoliberais (desregulación dos mercados, externalizacións, subcontratacións, privatizacións, mundialización da economía) supuxeron o desinvestimento e a diminución da capacidade produtiva, nomeadamente industrial, nos países desenvolvidos

 De xeito recorrente, nos países máis desenvolvidos (nos Países Cataláns tamén) fálase da necesidade de recuperar a industria que foron perdendo a partir de varios acontecementos. Falouse do proceso de terceirización das economías que acompaña o desenvolvemento; do proceso de mundialización/globalización que supuxo a externalización de moitas actividades industriais cara a países con custos menores e menos regulacións; da polémica sobre o contido e o alcance, a perda de peso e, tamén, o desprezo da política industrial; da gran financeirización das economías que deu lugar a que os investimentos financeiros, especulativos ou non, substitúan os investimentos produtivos á industria e outros sectores; da crise do modelo de reprodución do capitalismo —keynesiano-fordista— de despois da II Guerra Mundial por un modelo neoliberal a partir dos anos 1970. Referireime sobre todo a estes dous últimos elementos.

 Como sinalou, nun artigo recente, Romaric Godin, a crise estrutural do modelo de reprodución do capital keynesiano-fordista a principios dos anos 1970, xa había tempo que se cocía e caracterizábase por un conxunto de elementos, igual que a crise que agora nos ocupa. Di Godin: “este modo de xestión do capitalismo é, como os precedentes, fundamentalmente industrial. O reto é apoiar a rendibilidade dunha produción industrial local; […] nos ‘países industrializados’ […] facía falta, pois, asegurar, a bo prezo, os recursos enerxéticos (sobre todo o petróleo) e as materias primas, así como as vendas nos mercados locais (consumo dos fogares) e internacionais (exportacións)”. É un período con ganancias de produtividade elevadas que permitían aumentos salariais notorios, que alimentaban o consumo, mentres os Estados desenvolvían os estados do benestar e a redistribución da renda. O sistema financeiro, bastante regulado, financiaba ordenadamente o consumo de masas e os investimentos privados e públicos. E todo no marco dun sistema monetario internacional estábel (Bretton Woods) baseado no dólar.

 Este modelo empeza a ter problemas a mediados dos anos 1960 e principios dos 1970. Particularmente nos Estados Unidos, enleados na guerra do Vietnam, cunha diminución dos beneficios e da rendibilidade das súas empresas, que sofren unha competencia crecente das empresas xaponesas, alemás e outras. Por unha banda, a inflación empeza a aumentar e, por outra, increméntanse os conflitos sociais cos traballadores e os seus sindicatos que ven que, mentres a produtividade continúa crecendo de forma salientábel, eles van perdendo poder adquisitivo por mor da inflación. Pero, máis aló disto, hai un rexeitamento máis profundo do funcionamento do sistema capitalista e do réxime empresarial (os disturbios de Watts en Los Angeles, en 1965; folgas na Alemaña do Oeste, o maio de 1968 francés, o “outono quente” italiano de 1969, ocupacións de fábricas, experiencias autoxestionarias, críticas á sociedade de consumo, a publicación dos “Límites ao crecemento”, ou o Informe Meadows en 1972). Todo isto se acompaña da crise do sistema monetario internacional de Bretton Woods, que se concreta na suspensión da convertibilidade do dólar en ouro o 15 de agosto de 1971. E despois virá o choque dos prezos do petróleo o 1973 e de novo o 1979. Chove sobre mollado. Os dous alicerces do modelo de reprodución do capital keynesiano-fordista (o compromiso socialdemócrata), a enerxía barata e os aumentos salariais enfraqueceron. A crise é inevitábel. E o crecemento das economías máis desenvolvidas xa non chegará nunca máis aos niveis de antes. A crise atinxe tamén aos mercados financeiros, a pesar de que, malia afectar ao investimento e ao crédito, como aínda estaban moi regulados, queda controlada.

 Comeza unha nova época, un novo modelo de reprodución do capital, o neoliberalismo. Hai algúns feitos que cómpre salientar. Primeiro, a produtividade xa non crecerá ao mesmo ritmo que o fixo até daquela. Mais, a diferenza de antes, que o facían a un ritmo parecido; os salarios empezan a crecer claramente por baixo da produtividade (e, por tanto, os beneficios por riba), cousa que significa —segundo feito a salientar— o aumento das desigualdades e da pobreza que coñecemos agora. Terceiro, hai un proceso de desindustrialización moi importante, a consecuencia dunha crise case definitiva dos sectores industriais tradicionais (minaría, siderúrxica, naval, téxtil, etc.); seguida da progresiva privatización de empresas públicas, e xunto coa externalización dalgunhas actividades industriais a países menos desenvolvidos, con custos e regulacións menores; e da externalización de certas actividades que antes se facían no interior das empresas industriais cara ao sector de “servizos á produción” (por exemplo, limpeza, transporte, mantemento, pero tamén informática, contabilidade, mercadotecnia, etc.).

 Cuarto, por tanto, o investimento produtivo á industria redúcese e aumentan os investimentos no sector servizos e no sistema financeiro, os cales, en xeral, non fan crecer tanto a produtividade. Quinto, relacionado con todo o anterior, aumenta o paro, que ten un carácter estrutural e que dá lugar a un cambio nas loitas dos traballadores e dos seus sindicatos tradicionais: se antes se loitaba polos aumentos salariais, a mellora das condicións de traballo e, mesmo, polo poder dentro da empresa, agora o obxectivo é basicamente o mantemento dos postos de traballo. E as cousas empeoran nos países onde hai unha inmigración importante. En definitiva, a posibilidade do paro disciplina e reprime o mundo do traballo. Sexto, os empresarios, sobre todo as grandes empresas multinacionais, as institucións internacionais e os estados nacionais optan a opción de aumentar a recesión e o paro para loitar contra a inflación; cousa que aínda está a pasar agora mesmo.

 Para resumir, o modelo neoliberal implicaba inflación baixa, apoio aos beneficios empresariais, mediante a mundialización, a terceirización, a moderación salarial e o endebedamento das familias e do sector público, acompañados pola liberalización/desregulación das actividades financeiras que supón un peso crecente das finanzas á economía.

 As catro décadas de políticas neoliberais (desregulación dos mercados, externalizacións, subcontratacións, privatizacións, mundialización da economía) supuxeron o desinvestimento e a diminución da capacidade produtiva, nomeadamente industrial, nos países desenvolvidos. Tal como sinalou Radhika Desai, isto fixo que estas economías sexan “moi vulnerábeis á interrupción da cadea de abastecemento e impediu que as medidas implementadas polo lado da oferta reduzan os prezos”. Desai salienta que esta diminución da actividade produtiva e industrial é “a outra cara da moeda do incesante crecemento da actividade financeira desde principios da década de 1980”. Unha expansión financeira que supuxo unha continua aparición de novas estruturas, prácticas, activos financeiros e réximes reguladores (ou mellor, desreguladores). E nas últimas décadas, segue a sinalar Desai, “a financeirización baseouse en burbullas de activos sostidas por unha política monetaria laxa, cousa que creou as condicións para o actual aumento dos prezos, mentres que inhibiu a única política antiinflacionista que podería funcionar”, é dicir, o aumento da capacidade produtiva, e sobre todo industrial, para aumentar a oferta.

 Na época neoliberal, cando se fixo unha política monetaria laxa e flexíbel, non se fixo para investir no aumento da capacidade produtiva, a produción e a ocupación, senón para salvar o sistema financeiro dos seus problemas, pondo á súa disposición toda a liquidez que necesitase. E esta política converteuse en estrutural, porque como que o diñeiro non chegaba ás familias para o consumo nin se dedicaba ao investimento produtivo, senón ao sistema financeiro, non se aumentaba a demanda e non había inflación. A flexibilización cuantitativa —compra de activos financeiros por parte dos bancos centrais— converteuse en estrutural e sistémica para manter elevados os mercados de activos financeiros e o valor da moeda. Co devalar do sector industrial, o baixo investimento e a austeridade fiscal, o consumo das elites (cada vez máis reducidas) a partir das burbullas dos activos está a converterse no motor económico máis importante dos países, pero tamén no causante dunhas desigualdades cada vez máis extremas. E Desai conclúe: “Facer que o capitalismo dos Estados Unidos (e dos países capitalistas avanzados en xeral) volva ser produtivo, non só implicaría inverter a lóxica da financeirización, senón que requiriría un programa dirixido polo estado para levantar as restricións que pesan sobre a oferta, cousa que é practicamente impensábel nos parámetros do sistema actual”.

 As finanzas e as elites que as controlan gañan, a economía real (particularmente industrial) e as clases traballadoras e populares perden. Como xa dixo o magnate Warren Buffet: “Existe a loita de clases, mais é a miña clase, a dos ricos, os que estamos a facer a loita, e estámola gañando”.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 13 de xaneiro de 2023]