Finaliza a folga no transporte de Sogama coa readmisión dos despedidos e a sinatura dun novo convenio colectivo
O pasado 3 de abril a subcontrata do transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama, Transportes Pacholo, despedía 8 traballadores en represalia por pedir melloras básicas para o colectivo de persoal non subrogado e que tiña peores condicións laborais. Aos poucos días, unha numerosa asemblea de traballadores e traballadoras aprobou unanimemente a convocatoria dunha folga, con carácter indefinido, até conseguir a readmisión dos compañeiros despedidos como obxectivo irrenunciábel.
A folga iniciouse o día 15 de abril e desde comezo "tivemos en conta que sería un conflito duro porque non ía ser doado reverter unha medida tan drástica", valora o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Inácio Pavón. Agora, despois de ducias de mobilizacións e 101 días de folga este acordo garante a readmisión dos despedidos e a sinatura dun novo convenio colectivo que contén importantes melloras en salario e xornada, en particular para os traballadores/as contratados posteriormente á subrogación.
Orixe do conflito e responsabilidade de Sogama e da Administración
O transporte dos contedores de residuos sólidos urbanos desde as plantas de transferencia distribuídas por todo o país até Sogama e o Vertedoiro de Areosa é un servizo privatizado que depende da propia Sogama e da Consellería de Medio Ambiente. No ano 2016 -no que foi o contrato público con maior dotación económica da anterior lexislatura- non se contemplou a subrogación, o que motivou o primeiro conflito ao deixar ducias de traballadores na rúa.
Tras conseguir que se contratara á maior parte do cadro de persoal, a nova contratista, a UTE entre Copasa, Renfe e Logirail, subcontratou este servizo a Transportes Pacholo. Esta empresa, o mes antes de facerse cargo da subcontrata, asinou un convenio colectivo para impoñer unhas condicións que non se puideran negociar, que rebaixaron os salarios nun 40% e ampliaban a xornada anual nunhas 200 horas, entre outras cousas.
Desde o primeiro día os traballadores sufriron esas condicións, "pensadas para abaratar ao máximo un servizo público cunhas condicións que a empresa pública non podería permitir e aumentar as marxes de negocio para a UTE. Ademais das nosas condicións laborais, tamén foron a peor os materiais de traballo ou os mantementos dos contedores e dos camións", explica o presidente do comité, Manuel Regueiro.
Tras dous anos de conflito, conseguiuse que lle recoñecera o dereito de subrogación aos traballadores que viñan da anterior contrata "o que permitiu recuperar os salarios que se viñan cobrando até 2015". Porén, aínda quedaba un colectivo de traballadores, que entraron na empresa logo de iniciada a contrata, que mantiñan unhas condicións en xornada e salario moi inferiores. "Por pedir estas melloras despediron a 8 traballadores", engade Pavón.
A este respecto, denuncia que a pesar de ser un servizo público dependente da Consellería de Medio Ambiente, "desde o primeiro día a Administración non só se desentendeu de nós, senón que se posicionou abertamente ao impoñer uns servizos mínimos abusivos e ditados pola UTE e a empresa, ademais de facer declaracións públicas difamatorias para os traballadores".
Ducias de mobilizacións e piquetes e ofensiva institucional
Desde o inicio da folga a mobilización foi constante e permitiu dar visibilidade a un conflito que non era doado. A folga coincidiu ademais coas dúas convocatorias electorais deste ano o que fixo que o persoal en folga se concentrara na campaña do Partido Popular e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, "como máximo responsábel desta situación".
Así, ademais de manter piquetes nas instalacións de Sogama, desenvolveuse unha frenética campaña de concentracións en Ordes, Cerceda, Santiago ou o Carballiño pero tamén noutras localidades como Xinzo, Verín, Ortigueira, Barbadás, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, A Estrada, Vigo, Moaña, Vilalba, Melide, Sanxenxo, Teo, Maceda, San Cibrao das Viñas, O Pino, Cee, Vimianzo, Vilagarcía, Pontedeume, Pontevedra ou Tordoia.
Marchas a pé, peches ou unha importante manifestación o 12 de maio polas rúas de Ordes, permitiron manter a presión na administración e en Sogama. O presidente do comité salienta que toda esta actividade mobilizadora durante a folga "só foi posíbel pola resposta dos traballadores desde o primeiro día e pola unidade demostrada".
Ademais mantivéronse reunións con alcaldes, grupos municipais e candidaturas dos concellos afectados para dar a coñecer a situación e recoller ou seu posicionamento público. Igualmente no Parlamento galego os grupos da oposición se posicionaron en numerosas ocasións e pediron a comparecencia do Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, para que explicara o sucedido neste conflito e buscar a súa implicación na procura dunha solución.
Un acordo que permite as readmisións e importantes melloras
A segunda fase da folga, apunta Inácio Pavón, foi dun perfil máis baixo en canto ao ritmo e intensidade das mobilizacións "pero contou con reunións de todo tipo, unhas públicas e outras máis discretas para lograr o escenario que permitira o acordo que se asinou o pasado 24 de xullo no Consello Galego de Relacións Laborais".
En primeiro lugar, este acordo supón a readmisión dos 8 compañeiros despedidos. "Esta era a condición básica que estivo sempre en riba da mesa de todas as reunións e foi necesario un acordo previo neste asunto para poder abordar calquera outro tema", asevera Manuel Regueiro.
O conflito permitiu ademais abrir a negociación do convenio colectivo que fora imposto pola empresa e tiña vixencia até 2020 "
Ademais, o conflito permitiu abrir a negociación do convenio colectivo e que estaba en vigor, xa que non caducaba até decembro de 2020 e que fora unha imposición empresarial. Desta maneira, a mellora neste momento das condicións económicas e sociais supón unha importante conquista por parte dos traballadores. Este novo convenio contén unha importante suba económica co establecemento dun plus propio para o transporte de residuos sólidos urbanos de 400 euros e iguala as condicións mínimas de todo o cadro de persoal.
Os incrementos económicos no seu conxunto supoñen unha suba do arredor do 15% para o persoal subrogado e de máis do 24% para as novas contratacións. Ademais das melloras sociais nas licencias, incapacidades temporais e doutro tipo, o convenio permite igualar a xornada anual, que se equiparará progresivamente entre o colectivo de subrogados e o resto, respondendo así a outra das principais reivindicacións.
Este acordo foi debatido e sometido a votación dos traballadores e traballadoras obtendo o respaldo unánime da asemblea, co que se lle deu o visto bo ao seu asinamento. "Demóstrase unha vez máis que coa unidade e a forza dos traballadores e das traballadoras pódense enfrontar até as situacións máis complicadas e obter ademais importantes avances a través da mobilización".
Agradecementos polos apoios recibidos
Os traballadores queren agradecer os apoios recibidos nestes meses tan duros nos que ademais de despedimentos e represión por parte da empresa, enfrontaron tamén a criminalización e a ocultación do conflito. "Foron moitos os apoios e de todo tipo, desde os institucionais e de cargos públicos, a organizacións políticas ou de asesoramento técnico. De apoio e alento nas mobilizacións ao apoio económico e material", subliñan.
O sostemento da folga foi posíbel ademais pola ferramenta que supón a caixa de resistencia da CIG, o fondo que estableceron os propios traballadores para facer fronte aos múltiples gastos e mais ás achegas solidarias de afiliados e afiliadas do noso sindicato.
Nova etapa
Tras máis de tres anos en conflito permanente, que tivo o seu punto máis álxido de enfrontamento con esta folga de 101 días, os traballadores agardan que sexa posíbel "manter unhas relacións coa empresa baseadas no diálogo e o acordo nos sete anos que quedan de contrata".
Neste senso, Pavón salienta que o deseño do modelo de subcontrata e as súas relacións laborais foi feito en exclusiva por Sogama, a UTE e a empresa. "Aos traballadores non lles quedou outra que enfrontalo e buscar a mellora desas condicións de auténtico abuso e explotación. Polos traballadores non vai quedar, pero depende tamén da empresa e da UTE adiantarse aos problemas e ir poñendo solucións ás deficiencias do día a día no traballo, ademais de cumprir escrupulosamente co que agora se asina".