Filtran a distribución de aspirantes a Educación Infantil antes da publicación das listas oficiais
O pasado venres, día 15 de xuño, un documento presuntamente oficial da consellaría, coa distribución das persoas matriculadas na especialidade de Educación Infantil, foi filtrado e distribuído en redes sociais, días antes de que a Consellaría, que aínda estaría na fase última de elaboración desas listaxes, faga pública a relación completa de persoas opositoras e o seu reparto nos diferentes tribunais.
A CIG-Ensino amosa a súa preocupación polo feito de que un documento dun proceso de tanta relevancia como o proceso selectivo escape, supostamente, do control da administración.
O sindicato exíxelle á Consellaría que publique canto antes as listas completas e que extreme todas as medidas para que non se podan producir filtracións deste tipo. A gravidade non estaría nos datos do propio documento filtrado “senón na constatación dun erro na custodia e control da información coa que traballa a Consellaría”, asegura.
Os NIF e a protección de datos
O documento ten visíbeis os números completos dos NIF das persoas aspirantes, co que todo parece indicar que se trataría das listaxes que se lle deben proporcionar ás presidencias dos tribunais para o acto de presentación e que non se tería custodiado correctamente.
Chama a atención que a Consellaría introduciu nesta convocatoria a novidade de non publicar completos os NIF, limitando os datos a 4 díxitos. A CIG-Ensino xa deixou constancia na Mesa Sectorial que non entendía esa medida e mesmo achegou un informe da Axencia Estatal de Protección de Datos no que se indicaba con claridade que a publicación do NIF completo nun proceso público non só é perfectamente legal senón que mesmo se debe entender como unha garantía, ao ser o único elemento que identifica con total singularidade a unha persoa.
A Consellaría debe, ademais de publicar canto antes as listas, dar explicación do erro cometido e evitar que podan existir problemas ao longo do proceso selectivo.