Fidel, as ideas e o pobo
“Hai décadas onde nada pasa, e semanas onde pasan décadas” dixo algunha vez Vladimir Lenin. Este fin de ano de 2016, marcado pola elección de Donald Trump en EEUU e o pasamento de Fidel Castro Ruz en Cuba, ben podería enmarcarse na segunda parte desta frase do principal artífice da revolución rusa.
Que era Cuba antes de Fidel Castro? Esa pregunta, curta e contudente, deberá ser a que ordene calquera debate en relación ao seu legado político, tanto para a illa como para América Latina no seu conxunto. Porén, o obxectivo deste artigo é outro: preguntarse como será a illa tras a súa partida, que non por previsíbel deixa de impactar de cheo en millóns de cubanos e latinoamericanos que lle renderán homenaxe durante as próximas dúas semanas.
O tema das substitucións é sempre ben complexo para todos os procesos políticos nacional-populares, progresistas e da esquerda continental. Hai algúns exemplos ben recentes que poden dar conta diso. Con Cuba foi diferente por un factor chave: hai xa máis de dez anos o propio Fidel Castro delegara en Raúl os cargos de Presidente do país, primeiro secretario do Partido Comunista, presidente do Consello de Estado e comandante en xefe das Forzas Armadas, tras unha gravísima enfermidade á súa volta dunha viaxe á Arxentina.
Tratouse da súa última gran decisión como estratega da política cubana, o que implicou unha nova etapa da revolución, que sempre enfrontou con fidalguía os problemas que se daban. A Cuba post Fidel atopa dilemas e complexidades: como funcionará agora o intento de normalización diplomática con EEUU, tras esta nova e o propio triunfo de Trump? Intentará o presidente electo da principal potencia do mundo paralizar todos os esforzos logrados durante os últimos dous anos? Aínda que son preguntas abertas, que non terán resolución a curto prazo, todo fai pensar que asistiremos a un estancamento dos esforzos até aquí despregados, sobre todo de parte de Washington (quen, cómpre dicir, aínda non cesou o criminal bloqueo imposto hai máis de cincuenta anos).
Como sexa, Cuba preparouse durante a última década para esta nova, que chega a exactos sesenta anos da partida do iate ‘Granma’ do porto de Tuxpan, México. O seu pobo, sempre alegre, chorará por el durante días no memorial de José Martí na Habana. Encherá outra volta a Praza da Revolución, aínda que esta vez non para escoitalo, como tantas outras veces fixo. Acompañarao até Santiago, a súa morada final. E tomará o seu exemplo de cara aos próximos desafíos, tal como o propio Fidel fixo cando o mundo lle deu as costas despois da caída da Unión Soviética -cando Cuba se converteu nunha mala palabra no ámbito das relacións internacionais, situación que se inverteu amplamente nos últimos dous lustros-.
A fin de contas, a fortaleza da Cuba post Fidel alicerza nunha frase que o propio líder da Revolución Cubana lle dixo a Ignacio Ramonet, no seu libro Biografía a dos voces: “A Revolución baséase en principios. E as ideas que nós defendemos son, hai xa tempo, as ideas de todo o pobo”. Aí está o triunfo máis vital do histórico dirixente, que agora pasa definitivamente á historia grande do noso continente.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 28 de novembro de 2016]