Ferrotlántica, condenada por vulnerar o dereito á folga do seu cadro de persoal
Novo revés para Ferroatlántica: a xustiza vén de condenar a empresa do Grupo Villar Mir por vulnerar o dereito fundamental dos seus traballadores e traballadoras á folga ao decretar un servizos mínimos abusivos para a xornada de paro de 24 horas que tivo lugar o 8 de xullo nas fábricas de Cee, Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas, no marco das mobilizacións levadas adiante polo persoal contra a segregación e venda das centrais.
A resolución declara nulos eses servizos mínimos impostos pola empresa, xa que constitúen unha vulneración do dereito fundamental á folga, e condena a Ferroatlántica a abonar a correspondente indemnización.
A CIG xa anunciara no seu momento que ía recorrer a actividade laboral decretada de maneira unilateral, pois claramente excedía as necesidades básicas para garantir a seguridade e mantemento das instalacións durante a xornada de paro, e unicamente buscaba impedir o dereito dos traballadores e traballadoras a participar na mesma.
Máis persoal que nunha xornada ordinaria
A parte social presentara unha proposta de servizos mínimos que, ademais de garantir a maior participación posíbel a todo o cadro de persoal, cumpría cos requisitos estabelecidos na lexislación de manter un servizo de seguridade e mantemento das instalacións para que, unha vez rematada a xornada de folga, se puidese reiniciar a actividade con toda normalidade.
Porén, esta proposta non só non foi aceptada pola empresa , senón que mesmo decretou en produción dous reténs de tres operarios/as en cada un deles -seis persoas en total- que non se estabelecen nunha xornada de traballo ordinaria. Con estes servizos mínimos a empresa garantíase manter a produción, ao ter en activo os cinco fornos a case máxima potencia, e de maneira que se seguira superando en conxunto os 90Mw por hora de potencia. Para xustificar semellante actividade nun día de folga, Ferroatlántica escudábase en que baixar a potencia poría en risco o compromiso de interrompibilidade e exporíase a posíbeis sancións.
Falta de acreditación suficiente
Pois ben, na resolución, moi extensa na súa explicación, desmóntanse un a un os argumentos esgrimidos pola empresa e dánselle varios tiróns de orellas ao considerar que non acredita suficientemente as súas razóns, que a criterio do xuíz non deixan de ser meras presuposicións xenéricas e de carácter teórico. De feito, entende as xustificacións de Ferroatlántica agochan o "interese empresarial de manter un nivel de rendemento igual o similar ao de calquera outra xornada na que non se tivera declarado folga".
Ao igual que acontecera na xornada de folga do 10 de marzo, os servizos mínimos impostos por Ferroatlántica só buscaban imposibilitar a participación dos traballadores e traballadoras no paro e na manifestación que para ese día estaba convocada en Compostela, na que miles de persoas amosaron con rotundidade o rexeitamento á segregación e venda das centrais.