
Ferroatlántica quere liquidar os convenios de empresa cun acordo marco estatal

Ferroatlántica, coa complicidade das organizacións sindicais españolas, pretende sacar adiante un “acordo marco” (de ámbito estatal), a través do que vincular os actuais convenios de empresa en vigor dentro do grupo. A CIG rexeita este intento de usurpar a lexitimidade de negociación dos comités, xa que a dirección recoñece como interlocutores os/as representantes das centrais sindicais e non a representación legal elixida por centro de traballo.
A CIG xa manifestou por escrito que non vai participar deste atraco e -ao igual que o comité de Cee-Dumbría-CCHH e os delegados de RAMSA en Serrabal- solicitou da empresa e das centrais españolas que desistan da negociación deste acordo, por canto no ámbito galego xa existen tres convenios colectivos en vigor (Cee, Sabón e Serrabal), coas súas comisións negociadoras constituídas e plataformas presentadas. É dicir, convenios en fase de renovación e que este “acordo marco” pretende liquidar.
Con esta manobra, Ferroatlántica busca un retroceso dos dereitos conquistados durante anos na negociación colectiva nos distintos centros de traballo. Por iso, a CIG promove, convoca e apoia os calendarios de mobilizacións que se acorden nas factorías do grupo.