Ferroatlántica paraliza a produción dun forno polo alto prezo da enerxía
A dirección de Ferroatlántica comunicou que vai parar un forno na fábrica de Sabón e que probablemente derivará a produción a outras plantas que o grupo ten fóra do Estado español porque considera insostíbel o actual prezo da enerxía. Diante deste anuncio, a sección sindical da CIG reclámalle á empresa que non utilice o custe da electricidade como xustificación para destruír empregos e deslocalizar a produción, tendo en conta a rendibilidade que está a obter pola boa situación do mercado de silicio e que saca a materia prima de minas galegas como a de cuarzo de Serrabal.
Tal e como subliñan os delegados da CIG e o presidente do comité o crecemento da demanda e a suba do prezo do silicio no mercado auguraban que este sería o ano da recuperación para a fábrica de Sabón. De feito, a empresa comezou 2021 arrancando o forno 3 e logrando beneficios no primeiro trimestre.
Porén, agora, a causa da imparábel alza no prezo da electricidade, a dirección decidiu paralizar a actividade dun forno e xa advertiu que probabelmente derive a produción de Sabón a outras plantas. Esta medida implica, ademais, o despedimento do persoal eventual e do persoal das empresas auxiliares pola falta de carga de traballo.
Diante disto, a sección sindical da CIG reclámalle aos gobernos español e galego medidas urxentes para pór en marcha unha tarifa industrial máis xusta, competitiva e predicíbel que remate coa permanente ameaza á continuidade produtiva e dos empregos no sector electrointensivo.
Concentracións contra a estafa da luz
No marco da crise industrial e social que vivimos, resulta inxustificábel que os postos de traballo e o noso tecido produtivo sigan perigando polos altos prezos da electricidade, cando Galiza é unha potencia produtora de enerxía e cando exportamos máis do 30% da electricidade que xeramos.
Cómpre lembrar que a CIG leva anos presentando propostas e iniciativas (como a da tarifa eléctrica galega, a da recuperación das centrais hidroeléctricas, as propostas para dar solución á industria electrointensiva ou as achegas feitas na tramitación da Lei de Cambio Climático e transición enerxética) para rematar co réxime de oligopolio no que actúan as empresas eléctricas, garantir un prezo xusto da enerxía e que esta sexa recoñecida como un ben de primeira necesidade.
Por iso, ante a falta de resposta dos gobernos aos abusos das eléctricas, e baixo o lema "Non á estafa da luz. Recuperación das Centrais Hidroeléctricas, Tarifa Eléctrica Galega", a CIG ten convocadas concentracións para o próximo domingo, 19 de setembro, en 20 localidades para esixir aos poderes públicos que adopten medidas de intervención no sector eléctrico para garantir unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo na nosa terra.