Ferroatlántica: especulación cos recursos do país

A empresa ten en marcha unha operación fraudulenta para segregar e vender as centrais hidroeléctricas
A Coruña - 01 Xul 2019

No ano 1992, Ferroatlántica (propiedade do grupo Villar Mir) adquiriu os complexos industriais da antiga Carburos Metálicos en Sabón, Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas construídas para fornecer de enerxía a estas dúas últimas fábricas. As cláusulas das concesións dos saltos de auga son claras e vinculan a produción enerxética á produción de ferroaliaxes, de maneira que o dereito a explotar os ríos está condicionado á que se dote de viabilidade a produción industrial e a garantir o emprego. Porén, dende o primeiro momento, o Grupo Villar Mir tentou saltar as cláusulas concesionais e segregar as actividades para facer caixa a conta de especular coas centrais.

Agora Ferroatlántica intenta, por terceira vez, levar adiante esta operación presentando un proxecto peor que o do ano 2017 (que non puido concluír por non ter autorización da Xunta), xa que, para darlle aparencia de legalidade, a empresa anuncia un acordo cun fondo voitre norteamericano (con intereses no negocio da enerxía mais sen relación co sector das ferroaliaxes), para a venta conxunta das fábricas de Cee-Dumbría e das centrais.

Esta manobra, que require da autorización da Xunta ao implicar unha concesión pública, suporía a segregación encuberta das centrais e deixaría as plantas da Costa da Morte nunha situación aínda peor que a formulada hai dous anos, xa que malia teren nova propiedade funcionarían como unha especie de subcontrata, ao depender en exclusiva das decisións de FerroGlobe que sería o seu único provedor de materia prima e o único comprador da produción.

Escisión da planta de Sabón

Ademais, para facilitar o seu obxectivo, e antes de existir pronunciamento da Xunta sobre a legalidade da transacción, Ferroatlántica negociou co comité de Sabón un presunto plan de investimentos que está condicionado á escisión da fábrica do resto da unidade industrial e á venda das centrais, incumprindo de maneira evidente a prohibición de segregar as actividades. A CIG non asinou este acordo porque non garante a viabilidade da fábrica de Arteixo e implica asumir a operación fraudulenta do Grupo Villar Mir.

A CIG esixe da Xunta de Galiza que exerza as súas competencias, interveña de inmediato ante esta fraude e faga valer as cláusulas das concesións para evitar que se consume esta ilegalidade coa que o Grupo Villar Mir quere tirar proveito dos nosos recursos naturais para tapar os buracos xerados noutros sectores do grupo empresarial.

A Xunta ten competencias e debe exercelas para evitar que a explotación dos nosos recursos sirva para crear riqueza e emprego lonxe de Galiza. Pois non hai que esquecer que Villar Mir ten a concesión da mina de cuarzo de Serrabal coa que abastece fábricas de fóra do noso país, ao tempo que ten parados fornos nas plantas galegas e mesmo desmantelou o proxecto FerroSolar que estaba desenvolvendo en Sabón.