Ferroatlántica afonda na campaña de represión despedindo a un traballador que foi delegado da CIG
Este martes tivo lugar no SMAC da Coruña o acto de conciliación polo despedimento dun traballador de Ferroatlántica ao que a empresa cesou por un comentario que fixo nunha rede social. Para a CIG, esta medida, absolutamente inxustificada e desproporcionada, haina que enmarcar na campaña de represión sindical da compañía de Villar Mir contra a CIG pola loita contra a venda das centrais hidroeléctricas, a negativa a ratificar acordo marco estatal e a impugnación da votación fraudulenta pola cal que se aprobou o convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e das centrais que, de saír adiante, suporá modificar as condicións de traballo e un recorte dos dereitos laborais e salariais adquiridos.
É unha medida de castigo contra a CIG pola loita contra a venda das centrais, a negativa a ratificar acordo marco estatal e a impugnación da votación fraudulenta pola cal que se aprobou o convenio colectivo"
Para a representación da CIG non existen causas obxectivas que motiven o despedimento, senón que a empresa buscou unha escusa peregrina para cesalo, "pois nos 28 anos que leva prestando servizo nas centrais nunca antes fora obxecto de sanción". Hai que destacar que o traballador foi delegado do comité pola CIG e actualmente forma parte da sección sindical da central nacionalista en Ferroatlántica. Por iso, "entendemos que esta é unha medida de castigo contra a CIG e que a dirección busca darlle un carácter exemplarizante", aseveran dende a sección sindical.
Contexto de represión sindical
A este respecto, subliñan, o comentario que utiliza a empresa para xustificar o despedimento, foi escrito polo traballador no seu perfil de facebook catro días antes da celebración do referendo para a aprobación do convenio - que a CIG ten impugnado porque se permitiu votar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos ao non ter contrato en vigor coa empresa, alterándose así o resultado substancialmente-; as súas palabras insírense nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité, e nun estado de nerviosismo moi acentuado, pola falta de transparencia na negociación, xa que o documento final non foi sometido á asemblea do persoal.
O escrito polo traballador enmárcase no seu dereito fundamental á liberdade de expresión, que a empresa vulnera ao despedilo"
De feito, o propio traballador pediu desculpas posteriormente polo inapropiado do seu comentario e borrouno da rede social, "polo que a situación non debería ter maior transcendencia, sobre todo tendo en conta que o comentario se fai fóra do centro de traballo e nun ámbito pechado". Neste senso, cómpre destacar que o escrito polo traballador enmárcase no seu dereito fundamental á liberdade de expresión, que a empresa, coa súa decisión de despedilo, está a vulnerar. Por este motivo, tras rematar sen avinza o acto de conciliación deste martes, o proceso para esixir a readmisión do traballador seguirá pola vía xudicial, "onde reclamaremos a nulidade do despedimento".
A empresa tamén castiga a comarca
Con esta medida, a dirección de Cee afonda na campaña de represión auspiciada dende Madrid, que busca castigar non só ao persoal, senón a toda a comarca por non ter logrado o seu obxectivo de vender as centrais hidroeléctricas e pola falta de sometemento na negociación do acordo marco. A xenreira de Ferroatlántica chega a tal punto que está recortando as subvencións que dende hai anos reparte entre o tecido asociativo.