Ferroatlántica négase a arrancar os fornos, garantir emprego e futuro ás fábricas e formula prorrogar o ERTE
Na tarde deste venres tivo lugar unha nova reunión da negociación do ERTE de Ferroatlántica, que se nega a arrancar os fornos parados, ofrecer garantías de emprego e futuro para as fábricas galegas e mesmo manexa a posibilidade de prorrogar o expediente de regulación. Ademais, a empresa confirmou que mantén as pretensión de vender as centrais xa que rexeitou de plano retirar os recursos xudiciais presentados contra a decisión da Xunta de non autorizar a segregación e a venda dos aproveitamentos hidroeléctricos.
Con estes posicionamentos, a CIG xa adianta a imposibilidade de avanzar ningún tipo de acordo. De feito, ao inicio da xuntanza de hoxe, a representación da CIG entregou o contrainforme elaborado polo Gabinete Técnico e reiterou que calquera posibilidade de entendemento pasa porque a empresa presente un calendario efectivo para o arranque dos fornos (que deberan estar plenamente operativos a máis tardar o 1 de xullo); e por ofrecer garantías da continuidade do emprego e da produción industrial, evitando que a competencia desleal e a deslocalización ás plantas de Francia e Noruega sexa definitiva.
A empresa debe retirar os recursos xudiciais
A CIG subliña que a mellor garantía de emprego é que a empresa retire todos os recursos interpostos contra a resolución da Xunta que impide a venda das centrais. Neste senso, a central sindical tamén critica que o Goberno galego permaneza de perfil neste conflito, cando, segundo o manifestado polos voceiros do PP na Costa Morte, a Xunta estaría disposta a manterlle as concesións a Ferroatlántica con dous fornos parados, aínda que isto faga perigar a viabilidade das plantas e dos empregos. Hai que lembrar que nas fábricas galegas xa están paradas a metade das unidades produtivas (dúas en Cee e dúas en Sabón).
Pero as cláusulas concesionais son moi claras neste sentido: a actividade das centrais está vinculada a actividade industrial e, ou ben as plantas galegas quedan foran do ERTE, ou ben estamos ante unha fraude por parte da empresa, xa que non pode haber fornos parados mentres as centrais estar plenamente operativas. "É obriga da empresa dotar de viabilidade ás fábricas para poder gozar das concesións e este ERTE non reúne esas condicións", aseveran.
Chamado á Xunta para que se poña do lado dos/as traballadores/as
Por iso, a CIG esíxelle á Xunta que se poña de lado dos traballadores e das traballadoras: empezando por rexeitar o marco negociador imposto por Ferroatlántica, facendo valer as cláusulas concesionais (tanto mineiras como hidráulicas) como mellor defensa dos empregos e da actividade produtiva, cumprindo os compromisos adquiridos cos comités e impedindo que o ERTE vai adiante nos termos que pretende o Grupo Villar Mir.
Finalmente, a CIG rexeita as condicións sociais propostas por Ferroatlántica para este ERTE, que considera que deberían ser as mesmas que as do ano 2009. A central nacionalista tamén considera que a regulación de emprego en ningún caso pode superar o ano 2019, atendendo a que o proceso para a regulación dunha tarifa para a industria electrointensiva xa está en marcha.
Asembleas de persoal
De todo o tratado na xuntanza deste venres, a CIG informará o persoal das fábricas da Costa da Morte nunha asemblea mañá en Cee, e fará o propio nos vindeiros co persoal de Sabón.