Feixoo volve facer campaña coa sanidade anunciando melloras na Saúde Mental que ten secuestradas dende hai 10 anos
CIG-Saúde demanda da Consellaría de Sanidade que traslade á Mesa Sectorial toda a información sobre o Plan Galego de Saúde Mental 'poscovid19' aprobado onte no Consello da Xunta. Para a CIG-Saúde estamos ante un novo exemplo da utilización perversa que Feixoo fai da sanidade pública pretendendo, ás portas das eleccións, amosar preocupación por unha área que ten totalmente abandonada dende a súa chegada á presidencia do Goberno galego hai máis de dez anos.
Segundo as noticias publicadas, este Plan estará dotado con 83 millóns de euros e recolle a creación de 241 novas prazas, mais este incremento de profesionais "nin foi comunicado nin negociado coas organizacións con representación na Mesa Sectorial". Por iso, para a CIG-Saúde trátase doutro anuncio "que non pasará de ser unha promesa electoral máis".
Neste senso, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, lembra que cando Feixoo chegou á presidencia da Xunta suspendeu todos os acordos que estaban asinados para o reforzo da sanidade pública e a mellora das condicións laborais do persoal do SERGAS. Entre estes proxectos, Feixoo deixou sen efecto o Plan de Saúde Mental 2006-2011 que contemplaba a incorporación de 154 profesionais (psiquiatras, psicólogas/os, traballadores/as sociais, DUE, terapeutas, etc.) nas distintas unidades. "Pero o PP non só anulou estas prazas e non as dotou orzamentariamente, senón que destruíu prazas en todas as unidades", explica Abuín.
Subliña que a CIG leva anos demandando que a Xunta cumpra con ese plan e que poña en marcha un sistema de ordenación dos recursos humanos para identificar as necesidades de persoal de todas as estruturas da sanidade pública e poñer os recursos necesarios, recibindo como resposta "recortes e máis recortes". Pero "agora, no inicio da campaña electoral, o PP presenta este plan, sen concretar a temporalidade da súa aplicación, con que orzamentos se vai cubrir (porque nos de este ano xa non entra) e sen comunicación previa nin negociación na Mesa Sectorial".
Manifestación este sábado en Compostela
CIG-Saúde rexeita este utilización perversa da sanidade pública e fai un chamamento a toda a cidadanía galega e a todo o persoal do SERGAS a participar na manifestación convocada para mañá sábado, ás 12h dende a Alameda de Compostela, en demanda de estabilidade laboral e unha asistencia sanitaria universal e de calidade.