A CIG realiza accións de protesta nos edificios da Xunta en demanda de políticas para unha saída xusta e galega da crise sanitaria
A CIG desenvolveu este mércores unha xornada de protestas diante de edificios da Xunta de Galiza das sete cidades e máis en Vilagarcía e Cee para denunciar as nefastas políticas económicas, industriais e laborais aplicadas polo Goberno de Feixoo, que se teñen demostrado aínda máis fatídicas na actual situación de emerxencia sanitaria. Con estas accións, realizadas baixo o lema "Protexamos a clase traballadora galega. Feixoo, contigo Galiza vai á ruína", a CIG reclama da Xunta políticas que permitan unha saída á crise favorábel ás maiorías sociais e que doten de futuro a Galiza.
En pleno proceso de "desescalada" e de retorno á actividade produtiva, as receitas do PPdG para afrontar a durísima crise -na que xa estabamos de cheo antes da pandemia-, seguen a ser as mesmas: fomento obsesivo do sector servizos como único motor económico; ausencia dunha política industrial que manteña os sectores produtivos estratéxicos, capaz de atraer novos proxectos e pechar os ciclos produtivos no noso País de forma completa; entrega dos nosos recursos naturais ao servizo de grandes multinacionais e inacción ante a inxusta e imposta transición enerxética; continuísmo nas políticas de recortes e privatizacións dos servizos públicos, dos servizos socias e dos coidados ás persoas; etc.
Unha política que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de "suicida para a sociedade galega”, que non é capaz de crear o emprego que se destrúe e que se limita a fomentar “o macro-turismo no Camiño de Santiago a grande escala, a eucaliptización do país, que lexisla en favor das grandes corporacións", afondando así na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientais e incidindo na precariedade laboral e na emigración como única alternativa para a mocidade.
Demandas da CIG
Fronte a isto, con estas protestas a CIG reclama políticas públicas que concentren todos os recursos existentes en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais; e unha política económica e industrial creadora de emprego digno e con salarios xustos, que potencie os nosos sectores agrario e pesqueiro, que defenda o tecido industrial e promova proxectos industriais que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo así que todo o valor engadido quede aquí.
Así mesmo, o dereito a termos unha verdadeira transición enerxética que, matiza Carril, para ser xusta "só pode pasar porque os nosos recursos enerxéticos e naturais se poñan ao servizo dun desenvolvemento industrial que sexa sostíbel social, territorial e ambientalmente". A CIG tamén demanda reforzar os servizos públicos, construíndo un verdadeiro sistema público galego para a atención e coidados de todas as persoas, desterrando as privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais.
Fraudulenta imaxe reivindicativa de Feixoo
Dende o inicio do estado de alarma, o Goberno Feixoo renunciou a exercer de Presidente de Galiza e funcionou como un recadeiro do ditado polo goberno español ou Bruxelas, "encantado" coa retirada das competencias autonómicas e a centralización da toma de decisións en Madrid, malia a fraudulenta imaxe reivindicativa ante o Goberno español que pretende transmitir e coa que só busca sacar un rendemento electoral.
Neste senso, Carril advirte da nula vontade de Feixoo por afrontar a grave situación que vivimos tentando construír todos os entendementos e consensos posíbeis. Lembra que na rolda de contactos que tivo lugar a pasada semana con organizacións sindicais e patronal, o Goberno galego excluíu a CIG destes encontros, a pesar de sermos a primeira central sindical do país. Unha actuación sectaria que se suma á "xestión ditatorial" que está a exercer Feixoo na pandemia, adoptando medidas sen someterse a ningún tipo de control institucional.
Na avaliación das saídas á crise derivada da pandemia, o desprezo polas institucións galegas chega até o punto de que a Xunta do PP impide a participación de organismos como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), que teñen atribucións propias nestas materias, e no que participan axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil de acordo a súa representatividade.
As mesmas receitas de sempre
E mentres ignora a existencia destes organismos plurais crea un "comité de expertos", cuxas receitas inciden nos recortes á clase traballadora: máis ERTEs, menos garantías de emprego, máis flexibilidade e desregulación das condicións de traballo, e máis financiamento público para as empresas a conta de bonificar contratacións e o Imposto de Sociedades ou exoneralas do pago das cotizacións á seguridade social. É dicir, cargan en exclusiva o custe da saída desta crise sobre a clase traballadora.
Ante este perspectiva nada favorábel ás maiorías sociais, a CIG reitera que será a organización, a loita e a mobilización as que forzarán o avance nas políticas alternativas que prioricen e concentren todos os recursos existentes en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais.