“Maderas Iglesias solución, Xunta implicación!”
O cadro de persoal de Maderas Iglesias, compañía porriñesa dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, marchou a pé hoxe entre as instalacións da estrada de Atios e o Concello nun último intento de salvar os 148 postos de traballo actuais. Dende o comité urxen a implicación da Xunta en busca dunha solución que permita manter a actividade nunha empresa que chegou a ser das máis importantes do mundo no sector da madeira.
A manifestación arrincou da nave da compañía ás 11:00 horas e rematou diante do Concello, onde as traballadoras/es permaneceron concentradas/os mentres a representación sindical mantiña unha xuntanza no interior do consistorio con representantes municipais para instalos a trasladar a problemática da empresa ao Parlamento galego. O obxectivo é que sexa o propio conselleiro de Industria o que se reúna coas afectadas/os para abordar unha saída
Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, levan tempo alertando de que a compañía “ten os días contados” no caso de que saian a poxa xudicial os terreos que acollen as instalacións, tal e como decretou o Xulgado de Instrución número 3 do Porriño.
Por iso nas últimas semanas a representación do persoal intensificou as xestións institucionais na busca de apoios entre os Gobernos locais das vilas de orixe das traballadoras/es, ao tempo que optou por convocar novas protestas, como a que tivo lugar hoxe. “Maderas Iglesias solución, Xunta implicación” ou “Feijóo, escoita, estamos en loita” foron as consignas máis coreadas durante o percorrido.
Precisamente para denunciar o papel que está a xogar a Xunta en todo o proceso, xa que hai 15 días comprometeuse a que se ía a poñer en contacto coa representación do persoal “e aínda estamos agardando”. Entenden que o Goberno galego ten que dar “un paso á fronte dunha vez por todas porque o tempo estase a esgotar e a empresa corre o risco de desaparecer”.