CIG-Saúde denuncia que Feijóo vén de se erixir en "presidente da Mesa Sectorial do SERGAS”

Anunciou unha OPE que non permite recuperar o emprego destruído “co beneplácito doutros sindicatos”
Nacional - 22 Nov 2018

O pasado 21 de novembro o presidente da Xunta anunciaba, no Parlamento de Galiza, que a oferta de emprego no SERGAS para 2018 será de 1.461 prazas malia a directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde asegurar, ante unha pregunta da precisamente sobre a oferta de emprego do ano 2018, que a próxima mesa sectorial sería en decembro, previa negociación cos sindicatos que asinaron o acordo da taxa de reposición. Un acordo contra o que votou a CIG porque impide recuperar o emprego destruído desde o ano 2009.

desde o ano 2009.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín denuncia que deste xeito “Feijóo eríxese en presidente da mesa sectorial” poñendo de manifesto que xa nin van negociar cos sindicatos que asinaron ese acordo, porque “xa teñen o seu parabéns”.

Abuín asegura que “co beneplácito” deses sindicatos, agora o PP “pode seguir destruíndo emprego na sanidade pública e perpetuando a precariedade laboral”.

Responsabilidades

A CIG-Saúde subliña, con todo, que Feijoo “non é o único culpable”. Nese sentido Abuín afirma que “hai máis actores” entre quen subliña a “quen asinan acordos sindicais con taxa de reposición até o 2020” mais tamén a quen “non presentan iniciativas no Parlamento de Galiza nin no Parlamento do Estado  para rematar coa taxa e recuperar o pleno emprego”.

O día 14 de setembro CIG-Saúde enviou un escrito detallado da situación do emprego no SERGAS a todos os grupos do Parlamento que recollía os efectos perversos da taxa de reposición e solicitaba medidas en contra da taxa de reposición como:

  • Que se aprobase por unanimidade unha proposición de Lei dirixida ao goberno do Estado para rematar coa fórmula de cómputo da taxa de reposición. É dicir, a oferta do 100% de todas as prazas vacantes e de todas as categorías profesionais.
  • Que o Parlamento de Galiza instase á Consellaría de Sanidade, unha vez anulada a fórmula de cómputo da taxa de reposición, a negociar na mesa sectorial do SERGAS, un plano de emprego para recuperar todas as prazas vacantes do Sistema Público de Saúde.
  • Se o goberno do Estado español non acepta retirar a fórmula de cómputo da taxa de reposición, demandamos que a devandita taxa de reposición non teña carácter de norma básica, para que non invada as competencias da Xunta de Galiza.