Feijóo despídese da presidencia da Xunta privatizando o servizo de podoloxía na sanidade pública
A CIG-Saúde denuncia que Feijóo, en lugar de garantir a prestación do servizo de podoloxía no SERGAS, privatízao contratando autobuses que percorreran os concellos galegos 3 veces ao ano para atender as e os doentes. Por iso exixe a retirada deste contrato, a creación inmediata da categoría de podoloxía no SERGAS e a creación da carteira de servizos destes profesionais no ámbito público, para ofertar unha asistencia pública de calidade e non un invento promocional de 3 días ao ano.
O 17 de marzo de 2021, a comisión de Sanidade e Consumo do Congreso dos Deputados e Deputadas acordaba incluír os servizos e prestacións de Podoloxía no marco da carteira común dos servizos do sistema nacional de saúde antes de que finalizara o primeiro trimestre de 2022.
Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, atendendo a isto, na reunión de mesa sectorial celebrada o 19 de outubro de 2021, a CIG demandou a creación da categoría de podoloxía dentro do cadro de persoal do SERGAS. “A resposta que deu a administración foi que a asistencia sanitaria tiña dificultade para encaixar esta categoría no SERGAS”, afirma.
Estudos que xustifican a incorporación desa categoría
A partir desta data a CIG-Saúde fixo chegar á administración reiterados documentos que xustifican a necesidade de incorporar esta categoría, xa que os estudos indican que máis do 70% das doenzas nos pés poderían ser tratadas por podólogos/as nos centros de atención primaria.
Abuín sinala que no caso do pé diabético, tal e como constatan os estudos doutros países, a atención podolóxica reduce a taxa de amputacións, de mortalidade e a prevalencia das úlceras, os tempos de cicatrización e os ingresos hospitalarios, xa que hai unha serie de competencias do pé diabético que son dos podólogos.
Xunto a isto apunta que máis do 80% das persoas da terceira idade precisan periodicamente dos coidados de podoloxía. “Cos servizos de podoloxía integrados nas unidades de atención privada conseguiríase unha maior calidade de vida para as persoas de avanzada idade que contribuiría a ter unha mellor deambulación e que complementaría a mellora doutras enfermidades, co conseguinte aforro económico para o sistema sanitario”.
Atención ao pé infantil
A secretaria nacional de CIG-Saúde engade ademais a necesidade de atención ao pé infantil, xa que aproximadamente un 5% das consultas atendidas en pediatría de atención primaria corresponden a estes problemas, podendo tratar todas estas afeccións patolóxicas, previndo así patoloxías osteoarticulares na idade adulta e favorecendo un bo desenvolvemento psicomotriz do neno ou nena.
Porén, fronte ao que recollen os expertos respecto de como debe ser a atención da podoloxía integrada nos centros de saúde “a oferta de Feijóo é privatizar o servizo, contratar camións que circularán 3 veces ao ano por cada un dos concellos, impedindo a continuidade dos coidados e dificultando o accesibilidade, xa que estes camións teñen bastantes chanzos para acceder ao seu interior, sobre todo para as persoas maiores”, denuncia Abuín.
Por iso a CIG-Saúde exixe a retirada deste contrato, a creación inmediata da categoría de podólogos no SERGAS, a creación da carteira de servizos destes profesionais no ámbito público para ofertar unha asistencia pública de calidade. “A Feijóo o que lle preocupa é a propaganda e vender como un presunto servizo este invento promocional de 3 días que é, en realidade, unha privatización”, conclúe María Xosé Abuín.