Facultativos/as do hospital do Barbanza denuncian a precariedade crónica que padece o centro
Persoal facultativo especialista de área (FEAS) do hospital do Barbanza compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar a situación de precariedade crónica nos servizos do centro, que fan que as incidencias (ITs, prestacións por maternidade, marcha de compañeiras a outros centros..) provoquen sistematicamente unha sobrecarga laboral que incide directamente na calidade asistencial e provocan situacións de estrés laboral. Por iso demandaron unha reunión urxente coa Xerencia da área sanitaria para que se elabore un protocolo no que estea previsto como afrontar estas situación.
Nese sentido denunciaron o déficit de persoal para gardas de presenza, localizadas e segundas localizadas; servizos nos que parte dos FEAS con contrato fixo ou interino no hospital do Barbanza prestan servizo no CHUS sen que sexan substituídos neste centro; servizos nos que o número de FEAS que realizan gardas é sempre inferior ao necesario para cumprir a normativa das 48 horas semanais; servizos nos que os DEAs con contrato neste centro teñen que realizar parte da súa xornada no CHUS, mesmo en momentos nos que a situación no hospital do Barbanza é moi precaria pola falta de cobertura das IT, maternidade… ou servizos nos que a concertación (peonadas) mantense nos momentos de sobrecarga de gardas tamén pola falta de cobertura.
Os FEAs consideraron que a causa das situacións límite repetidas é sempre o número axustado de persoal nos distintos servizos. Por iso demandaron elaborar un protocolo en cada servizos, que defina que límites non se poden traspasar, de forma que xa estea protocolizado que hai que facer cando se chega a unha situación determinada, sen ter que celebrar, cada vez que isto ocorre, reunións coa xerencia, cos xefes de servizo, escritos… que “demoran a posta en marcha das medidas necesarias para paliar a situación e implican unha diminución da calidade asistencial e situacións de importante estrés laboral”.
Triplo de gardas
Neste sentido lembraron que o número de gardas que asumen no hospital do Barbanza adoita ser o dobre, triplo, cuádruplo que no CHUS e que nesas situacións increméntase aínda máis, chegando a superar a legalidade, polo que a área debe asumir de forma protocolizada estes incrementos de carga de traballo que ademais do estrés laboral empeora a calidade asistencial.
Situación de Medicina Interna
Respecto de Medicina Interna explicaron que desde o concurso de traslados de 2019, no que marcharon 5 internistas que levaban moitos anos traballando neste hospital pasaron de 14 a 7 médicos. Isto malia reiterar, en varias reunións coa xerencia da Área sanitaria a necesidade de ser 11 internistas para dimensionar correctamente os recursos humanos e así poder dar unha asistencia de calidade ás e aso doentes e poder estar preparados ante incidencias no cadro de persoal.
Porén, denunciaron, “fixeron caso omiso ás nosas peticións e insistiron en deixar 9 prazas estruturais das que actualmente só están cubertas 7”.
Segundo informaron, esta situación agravouse desde xaneiro deste ano debido “á mala planificación de recursos humanos e á falta de respecto á nosa especialidade” porque nestes 6 meses foron varios os internistas que traballaban neste hospital “que se viron forzados a marchar á privada, a outras áreas e mesmo a bolsas de investigación”.
Deste xeito, só quedan 7 internistas dun cadro de persoal legal de 9 que, matizaron, “está en todo caso infradimensionado”, para un aumento progresivo da actividade asistencial desta especialidade en relación co avellentamento da poboación e a pandemia da covid 19.
Como exemplo do aumento de ocupación apuntaron que “temos 41 camas reais, pero nos últimos 28 días tivemos unha media de 61 doentes ingresados”. Un 150% de ocupación para un cadro de persoal minguado.
A este respecto matizaron que ao principio da pandemia todos os covid desta área eran trasladados ao Hospital Clínico mais que desde febreiro deste ano ingresan neste hospital case todos os casos.
Ademais salientaron que “a diferenza doutros hospitais, no do Barbanza non contamos con outros especialistas para ver ás e aos doentes en planta, é dicir, non temos persoal de Pneumoloxía, Cardioloxía ou neuroloxía co que repartir a hospitalización”.
A consecuencia disto é que 7 internistas levan todo o traballo de planta, consulta, gardas, interconsultas… o que supón unha enorme sobrecarga que repercute na calidade asistencial na comarca e o que é máis grave, “repercute na súa seguridade”, afirmaron.
Ademais advertiron que esta situación vaise agravar no verán, porque coas vacacións quedarán só entre 2 e 3 internistas en horario de mañá para realizar todo o traballo e que, de manterse a ocupación actual “un só médico verá máis de 20 doentes en planta cando a Sociedade Española de Medicina Interna recomenda 8”.
Peche de consultas
Xunto a isto denunciaron que, debido á falta de efectivos médicos, foi necesario pechar as consultas de medicina interna desde maio e posiblemente non se poidan abrir até outono. “6 meses con elas pechadas cando na historia do hospital isto nunca aconteceu, nin no verán de 2020, en plena pandemia, no que as consultas funcionaron a pleno rendemento e mesmo se abriu unha novena consulta a maiores e unha consulta telefónica para adiantar a lista de agarda que tiñamos debido á pandemia”.
Ante esta extrema situación, nos últimos meses veñen avisando de forma reiterada da presión asistencial que sofren pola falta de persoal e mesmo enviaron unha carta, con rexistro de entrada, á Xerencia de Santiago, con data do 1 de abril alertando da situación e pedindo solucións. “A Xerencia dinos que non ten internistas para contratar. Como os vai ter. Nos últimos 8 anos marcharon moitos a outras EOXIS buscando mellores condicións laborais e 6 a fóra do SERGAS porque non soportaron o maltrato laboral ao que estamos sometidos”.
Por iso demandaron, máis unha vez, que se dimensione correctamente o cadro de persoal e se potencie a fidelización do persoal neste centro. “De cara ás vacacións, que está á volta da esquina, necesitamos cubrir as dúas prazas estruturais que temos sen cubrir a día de hoxe e que se nos reforce na cobertura das gardas”.