FCC-Aqualia renuncia a modificar as condicións de traballo do persoal do Centro Deportivo Moaña
A representación do persoal do Centro Deportivo Moaña, o Concello e a empresa concesionaria, FCC-Aqualia, formalizaron hoxe o acordo mediante o que a compañía renuncia á súa intención de modificar as condicións laborais da metade dos traballadores/as e de pechar ao mediodía e os sábados pola tarde as instalacións que acollen a piscina municipal.
Con esta medida a empresa pretendía rebaixar un 20% os custes salariais mediante a redución de xornadas, o que limitaría o horario de apertura do Centro Deportivo, co conseguinte prexuízo para persoal e usuarios/as. Isto levou á CIG-Servizos a convocar mobilizacións diante das instalacións e do Concello, que se desenvolveron os pasados días 21, 22 e 23.
Mais o xoves -xornada na que estaba prevista unha nova protesta- celebrouse unha xuntanza, primeiro entre a representación sindical e os responsábeis municipais, e logo dos responsábeis municipais coa empresa, que fixo posíbel a resolución do conflito. “O Concello trasladounos a existencia dun acordo do 2016 que establece que os horarios de apertura teñen que ser continuados durante a semana, e que tamén teñen que abrir as instalacións os sábados pola tarde, polo que non ían permitir o peche, tal e como pretendía a empresa”, explica Pedro Pérez, da CIG-Servizos.
Así que finalmente as partes formalizaron hoxe o acordo polo que FCC-Aqualia desiste tanto de modificar substancialmente as condicións de traballo de 8 dos 16 traballadores/as como de proceder a ampliar o peche do Centro Deportivo. “Trátase dun trunfo dos traballadores/as, que coa súa loita en defensa dos seus dereitos lograron manter as súas condicións laborais e evitaron o recorte do servizo, o que tería afectado negativamente á persoas usuarias”, valora Pérez.