Faurecia-Asientos rematará coas eivas en saúde laboral e ritmos de traballo tras a convocatoria de paros
Faurecia-Asientos de Galicia, empresa do sector da automoción con sede en Vigo, rematará coas eivas e os incumprimentos en materia de saúde laboral e ritmos de traballo tras o acordo alcanzado coa CIG e coa CUT que permitiu a desconvocatoria dos paros previstos para os pasados días 10, 11 e 12 de maio. A dirección comprométese, entre outras cousas, a recuperar o reforzo do departamento de Loxística e a ampliar o servizo de fisioterapia.
A representación da CIG no comité de empresa explica que decidiron desconvocar a folga prevista unha vez que a dirección se comprometeu a poñer fin aos incumprimentos en saúde e seguridade laboral e en ritmos de produción. En primeiro lugar, Faurecia recuperará o reforzo no departamento de loxística e dotarao de máis carga de traballo. Dende a central lembran que este reforzo lográrase tras unha demanda presentada polo propio sindicato, mais logo a compañía decidira eliminalo sen cosultar co comité.
Outro dos acordos contempla dotar de fisioterapia o servizo médico durante oito horas nas quenda de mañá e tarde, mentres que na de noite deberá permanecer operativo o tempo que dure a quenda. A empresa ten un prazo de 15 días para facelo. Tamén se logrou que o estudo psicosocial que se elaborara hai un ano, e que contemplaba unha serie de medidas, sexa finalmente aplicado en 15 días.
Por outra banda, sinalan que existía un acordo para crear un grupo de traballo en saúde e seguridade laboral, “pero a maioría do comité -CCOO, UGT e CGT- pretendían deixar fóra á CIG, CUT e CSIF”. A partir de agora estes tres sindicatos comprométense a ter en conta as propostas do resto de centrais nesta materia.
Propostas da CIG
A CIG achegara unha serie de medidas neste sentido, como a elaboración dun estudo biomecánico nos postos de traballo; que o estudo Agrep (que analiza os movementos que realizan os operarios/as) non poida superar o 4; e que se aplique o estudo Feal en Loxística.
Ademais propuxo as rotacións globais na fábrica, o que supón que o persoal non só cambie de postos nas liñas de produción senón tamén en Loxística; dotar a empresa dun servizo de prevención propio; e que calquera modificación nos postos de traballo terá que ser consensuado entre a empresa, as comisións de tempos e o comité de saúde laboral.
Finalmente, dende a central nacionalista lembran que nunca se opuxeron a que se tivese en conta as propostas feitas por calquera das organizacións sindicais con representación na empresa. “Para nós é moi positivo que se analicen e estuden calquera das achegas en materia de saúde laboral”, rematan.